A indefinida representou en Galicia xa case un 30% do total da contratación que se deu no pasado mes de marzo, segundo os datos feitos públicos este luns polo Ministerio de Traballo. A entrada en vigor da reforma laboral -malia que os principais efectos sobre a temporalidade están vixentes desde hai só uns días- nótase con forza no tipo de contratos asinados no país e no conxunto do Estado.
En Galicia asináronse en marzo máis de 20.500 contratos indefinidos, o 29% do total e 11.300 máis que hai un ano, o que supón un aumento do 122,7%
Así, do total de máis de 70.000 contratos asinados en Galicia en marzo, máis de 20.500 foron indefinidos ou convertidos a indefinidos, o que supón case tres de cada dez (29,3%), unha porcentaxe histórica e moito máis alta do que adoita desde hai anos, cando roldou sempre o 10%. Ademais, eses 20.534 contratos fixos son uns 5.500 máis que en febreiro, o que supón un incremento do 36,6%, e 11.313 máis que no mesmo mes do pasado ano, un aumento do 122,7%.
De termos en conta os datos acumulados deste primeiro trimestre do ano, o peso da contratación indefinida incrementouse en máis de dez puntos en Galicia, pasando de representar o 12,3% nos tres primeiros meses de 2021 ao 22,8%. Noutras palabras, a temporalidade na contratación reduciuse en máis de dez puntos.
Así, dos máis de 206.000 contratos asinados entre xaneiro e marzo, case 47.000 foron indefinidos. Son uns 26.000 máis deste tipo que os que se asinaran no mesmo período de 2021, o que supón un aumento do 122%.
O peso da contratación indefinida no primeiro trimestre do ano é do 22,8%, dez puntos máis que un ano antes
Todo este avance no aumento da contratación indefinida e na perda de peso da temporal é debido, fundamentalmente, á entrada en vigoar da nova reforma laboral o pasado 31 de decembro, aínda que as principais medidas, como a implantación dos novos contratos laborais, estaban aínda pendentes logo de queo Goberno dese un prazo de tres meses de adaptación á normal. Ese trimestre de prazo finalizou o pasado 31 de marzo, polo que a nova etapa na contratación laboral e os efectos máis evidentes veranse aínda a partir de abril.
Desde o pasado xoves xa non pode subscribirse en España o contrato de obra ou servizo, o máis sinalado polo abuso da temporalidade, e entran en vigor os novos contratos temporais da reforma laboral, que buscan restrinxir o seu uso e impulsar o emprego indefinido. Ademais, actíavanse tamén os novos contratos formativos e as mudanzas nos contratos fixos-discontinuos.
Por outra banda, con respecto ao paro rexistrado, baixou en Galicia en 1.173 persoas, quedando a cifra total en 153.336, un 15,15 % menos ca no mesmo mes do ano anterior e un lixeiro descenso do 0,76% respecto a febreiro.
O paro rexistrado en marzo -mes marcado pola guerra da Ucraína e as súas consecuencais económicas- descende en todos os sectores agás no colectivo sen emprego anterior, pero sobre todo no sector servizos, onde baixa en máis de 1.000 persoas. Ademais, redúcese tanto entre as mulleres (-388 desempregadas) coma nos homes (-785). Aumenta, no entanto, entre os menores de 25 anos (+212).
En canto á afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra un crecemento de 3.851 persoas, mentres que, de ter en conta a media mensual, medra en 2.311 respecto ao mesmo período do mes anterior. Son case 1,03 millóns de persoas ocupadas, case un 3% máis que en febreiro de 2021, fronte ao aumento estatal do 4,8%.
O número de persoas afectadas por ERTE non COVID aumentou un 86% en marzo
Alén disto, destaca tamén o aumento do número de persoas afectadas por ERTE non derivados da COVID, o que ten que ver coas medidas tomadas por moitas empresas tras o impacto da invasión rusa, da crise de prezos e da folga do transporte. En concreto, eran 1.739 os traballadores e traballadoras afectadas por expedientes alleos ao coronavirus o último día de marzo, 806 e un 86% máis que en febreiro.
De feito, o total de persoas afectadas por un ERTE no último día de mes, incluíndo os ERTE COVID e o resto, era de 5.369, tan só 15 máis que no último día de febreiro. A baixada no persoal afectada por expedientes relacionados co impacto da pandemia foi compensada polo aumento no resto.
Desde a Xunta, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destaca que en Galicia caeu o desemprego e creceron as afiliacións e a contratación na evolución mensual e anual, pese a contexto de “incerteza” e “inseguridade” xerado pola guerra, a suba enerxética e a folga de transportes.
A Xunta sinala que a diminución do paro rexistrado con respecto a marzo de 2021 supón a maior caída un mes de marzo e a cifra de afiliacións sitúase a un nivel superior ao de hai 12 anos.