A pasada semana coñecéronse as cifras completas do ano 2021 da Enquisa de Pobación Activa, un ano de recuperación do emprego en Galicia, pero cun ritmo inferior ao do conxunto do Estado, como xa indicaran a comezos do mes de xaneiro os datos do Ministerio de Traballo. O 2021 pechouse en Galicia con 10.400 persoas máis traballando, pero a cifra total está aínda por debaixo dos datos cos que se pechou o 2019, xusto antes do inicio da pandemia.
Dende 2019 só se incrementou o número de traballadores e traballadoras por riba dos 45 anos de idade (34.000 máis). Pola contra, entre os menores de 45 anos prodúcese un descenso de 44.000. “Isto é consecuencia directa da precariedade do mercado laboral, que fai que a xente nova emigre en busca de mellores oportunidades de traballo”, di a CIG
Os indicadores galegos, positivos pero insuficientes, ofrecen ademais diversos niveis de análise, pois os datos si son positivos no sector servizos (hai un 2,6% de persoas ocupadas), pero a realidade é que nos restantes sectores (agrogandeiro e pesca, industria e construción) durante os últimos 12 meses seguiron a destruírse postos de traballo.
A mesma conclusión mixta obtemos ao analizar os datos por grupos de idade. En parte como consecuencia do progresivo envellecemento da poboación residente en Galicia, pola evolución das migracións e en parte pola propia evolución do mercado de traballo, no 2021 só se incrementou o número de traballadores e traballadoras por riba dos 45 anos de idade (20.000 máis). De igual xeito, dende o 2019, só aumenta o número de persoas ocupadas por riba desa idade (34.000 máis).
No ano 2021, a evolución foi especialmente negativa entre as persoas de 30 a 45 anos, con 10.000 ocupados menos
Pola contra, entre os menores de 45 anos prodúcese un descenso de 10.000 traballadores no 2021 e de 44.000 dende o 2019. A evolución foi especialmente negativa entre as persoas de 30 a 45 anos (-10.000 en 2021), mentres que entre os menores de 30 anos, os datos mantivéronse estables nos últimos 12 meses.
A CIG destaca que "o descenso da poboación parada rexistrado non se debe ao medre da ocupación, senón á caída da poboación activa". “Isto é consecuencia directa da precariedade do mercado laboral, que fai que a xente nova emigre en busca de mellores oportunidades de traballo”, engade o sindicato.
Aumenta a cifra de persoas de menos de 30 anos inactivas, que non buscan emprego, que pasaron de 162.900 en 2019 a 173.300 en 2020 e 176.600 en 2021. "Isto evidencia un mercado laboral cunha clara tendencia á inactividade, ao desánimo e ás poucas oportunidades", sinala UGT
En realidade, na poboación galega menor de 30 anos produciuse o pasado ano, xunto a esa estabilidade nas cifras de ocupados, unha diminución das persoas na procura dun emprego, pasando a cifra total de parados e paradas de 37.500 a 35.600, compensando lixeiramente o enorme incremento que se rexistrara no ano 2020 (de 32.400 a 37.500).
Porén, o que tamén aumenta é a cifra de persoas de menos de 30 anos inactivas, que non buscan emprego, que pasaron de 162.900 en 2019 a 173.300 en 2020 e 176.600 en 2021. UGT-Galicia destaca que "o escaso dinamismo do mercado laboral galego" reflíctese nunha taxa de actividade xeral de tan só 52,4 puntos, moi por debaixo dos 58,65 do resto do Estado español. "Isto evidencia un mercado laboral cunha clara tendencia á inactividade, ao desánimo e ás poucas oportunidades", sinala o sindicato
A taxa de paro entre os menores de 40 anos é hoxe notablemente superior á que se rexistraba a finais do 2019. Nos menores de 20 anos medra do 41,4% ao 45%, no grupo de 20 a 24 anos crece do 25,5% ao 30,4% e de 25 a 29 anos pasa do 17% ao 20,7%
Á hora de falar da mocidade en Galicia é importante acudir ás cifras relativas, debido ao proceso constante de dimunción da poboación xuvenil. Neste caso, a taxa de paro dos dous últimos anos revela como os números melloran unicamente nos grupos de maior idade. Así, fronte a unha taxa de paro xeral que pasou de 11,8% no 2019 ao 12% no 2020 e ao 11,7% en 2021, as persoas de máis de 40 anos (coa única excepción do grupo de 55 a 60 anos) tiveron no 2021 unha taxa de paro inferior á de hai dous anos, por debaixo do 10%.
Pola contra, a taxa de paro entre os menores de 40 anos é hoxe notablemente superior á que se rexistraba a finais do 2019. Nos menores de 20 anos medra do 41,4% ao 45%, no grupo de 20 a 24 anos do 25,5% ao 30,4%, de 25 a 29 anos do 17% ao 20,7%, e de 30 a 34 anos do 12,7% ao 14,3%, manténdose estable nas persoas de 35 a 39 anos. No ano 2021, aínda que se rexistra un leve descenso nas taxas da poboación moza, esta diminución é moi cativa.
A pesar da mellora xeral dos datos que se produciu no ano 2021, o número de galegos e galegas que leva máis 12 meses sen atopar un emprego pasou de 49.900 a 59.000
Outro dos aspectos nos que inciden os sindicatos galegos nas súas análises dos datos da EPA é no empeoramento das cifras de parados e paradas "de longa duración", é dicir, aquelas persoas que levan doce meses ou máis en situación de desemprego. A pesar da mellora xeral dos datos que se produciu no ano 2021, o número de galegos e galegas nesta situación pasou de 49.900 a 59.000 nos últimos 12 meses. Semella que existe un grupo grande de traballadores e traballadoras que quedaron sen emprego nos primeiros meses da pandemia e que, dende entón, non puideron atopar un novo traballo retribuído.
Chama a atención, especialmente o empeoramento das cifras entre as persoas de máis de 55 anos, na última fase da súa vida laboral, aquela ademais que é máis importante para a fixación da contía da súa pensión de xubilación. O número de persoas de máis de 55 anos que leva máis dun ano sen emprego pasou en 2021 de 12.900 a 16.900. Aumenta tamén a cifra nas persoas de 35 a 44 anos (de 9.800 a 13.000) e no grupo de 25 a 34 anos (de 8.800 a 10.200).
De igual xeito, segundo a EPA hai en Galicia máis de 50.000 fogares con todos os activos en situación de desemprego e 28.000 nos que non entran ingresos. Para UGT-Galicia, "isto evidencia que a recuperación non está a chegar a todos e hai unha parte da sociedade que está a quedar á marxe da mesma".
A taxa de actividade das mulleres, que entre 1996 e 2012 pasara do 40% ao 49,5%, diminuíu na última década, marcada pola Gran Recesión e a pandemia de COVID
Por último, os sindicatos destacan que nos dous últimos anos, marcados pola pandemia, se incrementou a fenda laboral de xénero entre homes e mulleres. Así, mentres a taxa de paro entre as mulleres galegas (12,8%) é hoxe a mesma que no 2019, nos homes descendeu unha décima. O efecto é máis claro na taxa de actividade, que nos homes descende do 57,6% ao 57,1% en dous anos, mentres que nas mulleres o fai oito décimas (do 49,1% ao 48,3%), unha mostra de que unha parte das traballadoras que quedou sen emprego durante a pandemia, saíu do mercado laboral e en moitas ocasións regreso aos labores do fogar, como veñen detectando as centrais sindicais.
A taxa de actividade por sexo, con máis de 22 puntos de diferenza no ano 1996 viñera igualándose ata o ano 2011 (cunha diferenza de só 12 puntos). Porén, primeiro a crise derivada da Gran Recesión e despois a da pandemia da COVID provocaron un estancamento neste indicador e hoxe a difenza rolda os 9 puntos, cunha taxa de actividade nas mulleres que é inferior á que se rexistraba hai unha década.