Case a metade do persoal da hostalería e o ocio en Galicia (48,7%) pasou por un ERTE en 2020
Case a metade do persoal da hostalería e o ocio en Galicia pasou por un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) pola COVID en 2020, mecanismo que en Galicia protexeu perto de 200.000 empregos durante os dez primeiros meses da pandemia.
O confinamento, os peches e as restricións de capacidades e horarios cebáronse sobre todo en bares, cafeterías e restaurantes, ademais de en espazos de aloxamento e actividades artísticas e de ocio. Tanto como que das máis de 110.000 persoas asalariadas no sector, o 48,7% estivo co contrato suspendido ou con redución de xornada, moi maioritariamente mulleres con contratos temporais e precarios.
A maioría do persoal da hostalería que se acolleu a un ERTE foron mulleres con soldos anuais precarios, de menos de 7.800 euros
Son os datos que se tiran da actualización do informe Mercado de trabajo y pensiones en las fuentes tributarias, publicado pola Axencia Tributaria, que axuda a establecer o perfil das persoas en ERTE, un grupo de poboación que se une aos perceptores de salarios, desemprego e pensións que se debullan no documento.
Porque se hostalería e ocio foi o sector proporcionalmente máis afectado polas restricións e acollido aos ERTE, dentro del foron as mulleres as que máis tiveron que acollerse á protección destes expedientes: o 63% do total de persoal neste ámbito. Sendo, ademais, un colectivo cun soldo medio anual de menos de 7.800 euros fronte aos algo máis de 10.000 dos homes na mesma categoría laboral. En ambos casos, empregos eventuais e por horas na súa maioría.
En total, foron 196.619 as persoas que pasaron por algún tipo de expediente temporal en 2020. Así, do total de 1,8 millóns de galegos con algunha remuneración o pasado ano, o número de asalariados caeu case un 25%, ata os 638.800, mentres que algo máis de 335.000 traballaron para unha empresa e nalgún momento estiveron tamén ou en paro ou en ERTE. Ademais, foron case 11.000 os que se xubilaron e 63.700 (un 26% máis) os desempregados sen ocupación ningunha.
No caso específico dos ERTE, e por tramos de idade, a maioría das persoas traballadoras acollidas a esta figura situábanse entre os 36 e os 45 anos (unhas 64.000 e máis do 32% do total) e entre os 26 e os 35 (máis de 48.000 e arredor do 25%). Ademais, o 55% do persoal en expediente temporal neses primeiros dez meses da pandemia percibía un salario medio anual igual ou menor ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI), cifrado nos 13.300 euros por exercicio.
Por sectores, e ademais da hostalería e ocio, con case o 50% do seu persoal afectado, a industria foi outro dos máis suxeitos aos ERTE -co 29% dos seus asalariados en expediente temporal nalgún momento- ou comercio, reparacións e transportes, con algo menos do 25%, sendo a banca e os seguros (3,3%) ou o sector primario (2,3%) os que menos tiraron deste mecanismo, clave para a protección de case 200.000 empregos e para evitar a caída salarial.
De feito, a nómina total da poboación galega con ingresos en 2020 case alcanzou os 32.700 millóns, unha cifra mesmo maior á de 2029 grazas ás prestacións dos ERTE e a que a afectación ao emprego deuse sobre todo nos sectores xa máis precarizados.
Así, mentres que o salario medio anual caeu case un 15% na hostalería e o ocio (sobre os 8.500 euros) ou experimentou leves caídas na industria (perto dos 22.000) ou o comercio (sobre 18.200), a lixeira suba en sanidade, ensino, administracións, servizos sociais ou comunicacións compensou a baixada.
Porque o salario medio anual non descendeu en Galicia, senón que subiu un chisco (+0,1%) ata alcanzar os 19.900 euros, aínda lonxe da media estatal (20.503) e do das tres comunidades que lideran o ránking: Madrid (26.801), Catalunya (22.864) e Asturas (21.191).
Por outra banda, e aínda hoxe en día con datos de finais do pasado mes de outubro, son un total de 8.431 as persoas (-1.411 respecto a setembro) baixo a cobertura dun ERTE. Por tipos, 1.967 corresponden a ERTE de forza maior (-687) e 4.306 aos de limitación ou impedimento (-1.051 menos). Ademais, do total de traballadores e traballadoras afectadas por ERTE, 2.949 sono a tempo parcial e 5.482 a xornada completa.