O impacto da COVID queda atrás, pero asenta un modelo laboral: hai 44.500 ocupados máis nos servizos que hai un ano e 15.000 menos no resto de sectores
O tirón do verán e o turismo sitúa o emprego en Galicia nos niveis prepandemia. Agora si, o impacto da COVID esvaécese a nivel estatístico, cun aumento da poboación ocupada en 35.800 persoas durante o terceiro trimestre do ano, superando a cifra total á do verán de 2019, o último previo á chegada do coronavirus, segundo os resultados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados este xoves.
Cousa distinta é o modelo laboral que asenta, cun agravamento da crise industrial e unha terciarización cada vez máis acusada: hai 44.500 persoas ocupadas máis no sector servizos que hai un ano, período no que se perderon case 15.000 empregos na industria, a construción e a agricultura e a pesca.
A poboación ocupada, de restarlle o persoal en ERTE, sitúase en niveis idénticos aos do verán de hai dous anos, o último antes da pandemia
Así, a poboación ocupada ascende a 1.112.500 persoas en Galicia no terceiro trimestre, case 30.000 máis respecto ao do ano pasado e 6.800 máis que no verán de 2019 previo á pandemia. De restar na cifra total o persoal en ERTE a xornada completa --6.330 en setembro que non contan como parado--, a ocupación situaríase nunha cifra case idéntica á de hai dous anos, en niveis prepandemia: 1.106.170.
Ademais, a nivel estatal, España volve superar os 20 millóns de persoas ocupadas, algo que non acontecía desde finais de 2008. En Galicia, a ocupación sitúase perto dos niveis, aínda sen superalos, do verán de 2010, ano tamén Xacobeo coma este e que supuxo unha anomalía positiva pola repunta no emprego, que logo caería ata alcanzar as súas peores cifras.
Neste 2021, tamén Ano Santo, o tirón do turismo e a hostalería impulsou os servizos: das 35.800 persoas ocupadas máis respecto ao trimestre pasado, 35.200 fórono neste sector. Ao tempo, o emprego aumento en 4.700 persoas na agricultura e a pesca e en 3.100 na industria, caendo en 7.300 na construción.
Con respecto ao mesmo trimestre de 2020, a ocupación diminúe na construción, na industria e no sector primario (-7,3% no primeiro caso, con 5.600 empregos menos; -4,9% no segundo e 8.800 menos; e -0,4% no terceiro, con 300 empregos perdidos), e aumenta no sector servizos (un 5,9%), onde a poboación ocupada incrementouse en 44.500 persoas.
Ademais, a taxa de ocupación aumenta 1,5 puntos neste trimestre, ata o 47,5%, tres puntos aínda menos que no conxunto do Estado.
Ademais, aumentan en 10.200 os empregos indefinidos e en 25 300 os temporais, polo que a taxa de temporalidade medra en dous puntos neste trimestre ao pasar do 24,2 % ao 26,2 %, un "incremento da precariedade" criticado polos sindicatos.
En canto ao paro, a EPA constata que no terceiro trimestre deste ano había en Galicia 126.700 persoas paradas, 25.700 menos que no trimestre anterior, o que sitúa a taxa no 10,2%.
O número de persoas paradas en Galicia é o menor desde o verán de 2008
É a menor cifra desde o verán de 2008, hai trece anos, e o número de persoas paradas diminúe en 18.100 con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado e en 16.800 de comparalo co de 2019, anterior á pandemia. Incluíndo na cifra de parados o persoal que aínda está en ERTE a xornada completa, o número total sería aínda menor á época anterior á chegada da COVID.
Por outra banda, no terceiro trimestre de 2021, o número de fogares en Galicia nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 12.000 unidades e sitúase en 46.100. É un descenso do 13,3% respecto ao terceiro trimestre de 2020.
Ademais, o número de fogares con todos os seus membros activos ocupados aumenta en 29.900 unidades, ata alcanzar os 642.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 34.800 fogares máis nesta situación, un aumento do 5,7%.
Así, sindicatos como CCOO sinalan que a EPA describe "un mercado laboral galego asentado na precariedade" e con sectores da economía —nomeadamente a construción e a industria— "que se atopan nunha situación peor ca antes da pandemia".