Galicia recupera os niveis de paro e emprego do verán pre-COVID a base de contratación masiva no sector servizos

Un traballador da hostalería limpa unha mesa en Compostela CC-BY-SA Xunta

Galicia alcanza niveis de paro rexistrado e de afiliacións do verán de 2019, previo á COVID, pero centrado nunha masiva contratación temporal no sector servizos

Galicia alcanza, por fin, os niveis de emprego do último verán prepandémico. As inscricións nas oficinas de emprego de Galicia diminuíron en 5.784 durante o pasado mes de xullo e quedan en 151.934, o que supón 23.377 menos que hai un ano e situarse a uns niveis semellantes do mesmo mes de 2019, previo á chegada da COVID en 2020. 

Do mesmo xeito, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 14.552 persoas, ata 1,036 millóns, 30.605 máis que en xullo de 2020 e unha cifra case idéntica de empregos á de xullo de 2019. 

Unha recuperación que, no entanto, afonda nun mercado laboral galego cada vez máis virado ao turismo, a hostalería e a contratación temporal do verán. Os datos non deixan lugar a dúbidas. Galicia é unha das autonomías onde máis aumentou o número de contratos en xullo, no inicio da mellor tempada estival. 

O número de contratos en xullo superou os 100.000 en Galicia, cun incremento do 17,7%, moi superior á media estatal e semellante ao de Balears ou as Canarias

Sumou 101.172 contratos, 15.208 máis que no mes anterior, o que supón un aumento do 17,7%, moi superior á media estatal (+2,24%) e ao nivel de dúas comunidades cun mercado laboral claramente centrado no turismo e na hostalería como Illes Balears (+17,8%) e as Canarias (+16,5%). 

Son máis de 100.000 contratos para crear menos de 15.000 empregos e un descenso no paro rexistrado de case 4.000 persoas no sector servizos, dunha baixada total de menos de 6.000 persoas. 

E son, do total, tan só 7.000 contratos indefinidos: menos do 7% dos asinados no pasado mes de xullo, que incidiu na precariedade e na temporalidade. 

O avance da vacinación e a desescalada na hostalería, malia as últimas restricións, marcan tamén a evolución do emprego en Galicia que, no entanto, perde cada vez máis peso na industria, como volveu indicar a última Enquisa de Poboación Activa (EPA). 

Segundo os últimos datos da EPA, de compararmos con hai un ano, a industria destruíu 14.700 empregos, fronte aos 35.000 que gañou o sector servizos ou os 6.300 nos que aumentou na construción.

Ao tempo, o número de persoas en ERTE --parcial ou total-- en Galicia descende en máis dun 30% en xullo, ao baixar das case 19.000 de xuño ás pouco máis de 13.000 de agora, que non se consideran desocupadas nas estatísticas. 

Son 5.768 persoas menos en ERTE e case 10.000 autónomos (9.990) cobrando algunha prestación polo coronavirus. 

Desde a Xunta, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, asegura que Galicia "non só segue a resistir á COVID --hai preto de 40.000 parados menos que en abril de 2020, que marca o impacto inicial da crise sanitaria--, senón que a cifra de parados rexistrada en xullo (151.934) é menor á de febreiro de 2020 (166.229), xusto antes do inicio da covid-19". 

"O desemprego, ademais, baixou tanto na evolución anual como mensual e nas catro provincias e sete grandes cidades, nas  mulleres, nos menores de 30 e maiores de 44 anos e nos principais sectores económicos", destaca. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.