A afiliación á Seguridade Social volveu en Galicia en xuño a niveis do verán de 2018 e o persoal en ERTE caeu un 17%

A afiliación á Seguridade Social recuperou os niveis de 2018, pero aínda non os do último verán previo á pandemia CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza Pública

A afiliación media á Seguridade Social roldou o pasado mes de xuño en Galicia os niveis do verán de 2018. En grandes cifras, supón recuperar os niveis do verán de 2018, que fora o quinto consecutivo con tendencia á alza tras a profunda crise da pasada década, pero aínda seguir unhas 3.000 persoas por baixo do total de afiliadas no inicio do verán de 2019, o último antes da pandemia: 1,025 millóns daquela fronte a 1,21 agora, segundo os datos divulgados polo Ministerio de Seguridade Social este 2 de xullo.

A situación si é moito máis favorable que en xuño de 2020, un mes marcado polo desconfinamento e, no caso galego, baixo o primeiro Estado de Alarma pola COVID ata mediados de mes. A afiliación media de xuño deste ano superou en algo máis de 35.000 persoas á de doce meses antes.

Cómpre ter en conta, non obstante, que no total de afiliacións á Seguridade Social está incluído o persoal que continúa en Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). Ao remate do pasado mes, o día 30 de xuño, as persoas afiliadas á Seguridade Social eran 1.016.686 e as que estaban en ERTE, 18.779. Daquela, as persoas afiliadas fóra de ERTE aínda non superan o millón en Galicia.

O impacto dos ERTE no mercado laboral galego segue sendo relevante pero, así e todo, a súa tendencia continúa sendo descendente. As algo menos de 19.000 persoas atinxidas por eles no remate de xuño eran un 17% menos que a finais de maio e case un 60% que no remate de xaneiro, cando o seu volume se disparou paralelamente ás restricións pola terceira vaga da pandemia. Hai un ano, as persoas en ERTE en Galicia eran máis de 75.000.

Segundo os datos do Ministerio de Seguridade Social, case seis de cada dez persoas en ERTE no remate do mes de xuño en Galicia eran mulleres. Unha ampla maioría das persoas en ERTE no país teñen suspendida a totalidade da súa xornada laboral e apenas un 35% están baixo un ERTE parcial.

27.000 inscricións menos nas oficinas de emprego que hai un ano

Como cada mes, os datos de afiliación á Seguridade Social chegaron xunto coa actualización dos do paro rexistrado, isto é, das inscricións nas oficinas de emprego como demandantes dun posto de traballo tramitadas por persoas que son consideradas como non ocupadas. As algo máis de 157.000 persoas inscritas nesta situación nas oficinas de emprego de Galicia son case 27.000 menos que hai un ano. 

Este indicador descende dende finais de 2020, se ben cómpre ter en conta que, no caso galego, a diminución no comezo de 2021 estivo profundamente influída pola fin da renovación automática da tarxeta do paro que a Xunta mantivo durante boa parte do ano pasado a causa da pandemia. Así, por exemplo entre xaneiro e abril de 2021, case o 37% das baixas de demandas de emprego debéronse á non renovación e non a atopar un traballo.

O Ministerio de Traballo subliña que a caída do paro a nivel estatal é a maior dende que hai rexistros, a CIG subliña a ligazón da baixada co sector servizos e CCOO chama a "consolidar o emprego creado" coa derrogación da reforma laboral do PP

Con estes datos sobre a mesa, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, resalta que para o conxunto do Estado a caída do paro rexistrado en máis de 167.000 persoas é a baixada máis profunda en termos intermensuais dende que hai rexistros. "Non é un dato máis, senón que nos dá esperanzas e forza para seguirmos traballando na recuperación xusta; queda moito por facer", afirma a tamén vicepresidenta terceira do Goberno de España.

En Galicia, a CIG considera que cómpre ter en conta que "o maior descenso do paro no mes de xuño afectou o sector servizos, tendencia habitual nesta época" polas contratacións ligadas ao período estival. A central sindical di non compartir o "triunfalismo" porque, no caso galego, resaltan, as cifras tamén seguen a reflectir unha "profunda" crise no sector industrial.

Pola banda de CC.OO. Galicia a súa secretaria de Emprego, Maica Bouza, tamén resalta a ligazón entre os datos e o período estival, así como á "mellora da situación sanitaria". Neste contexto, o sindicado considera "imprescindible derrogar a reforma laboral" aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy para "consolidar o o emprego creado" máis alá do "bo dato" que, di, supón a correlación de baixada do paro rexistrado e incremento da afiliación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.