O impacto que a COVID está a deixar no mercado laboral galego continúa pero amaina. A ocupación no país achégase aos niveis que tiña no inicio do verán anterior á pandemia --o de 2019-- logo de que durante o segundo trimestre deste ano se creasen case 17.000 empregos (16.900), que son 26.300 máis que hai un ano.
Galicia conta con 26.300 persoas ocupadas máis que hai un ano, pero aínda 22.100 menos que no verán anterior á pandemia
Así, o número de persoas ocupadas en Galicia sitúase en 1.076.700, 26.300 máis que hai doce meses pero 22.100 menos que hai dous, cando do coronavirus non se sabía nin o nome.
O aumento trimestral da ocupación é do 1,6% en Galicia, un dos máis baixos no conxunto do Estado, onde o incremento medio é do 2,4%. Do mesmo xeito sucede na variación interanual, xa que mentres en España a mellora é do 5,7%, no país queda no 2,5%.
Ademais, en Galicia había 152.400 persoas en paro no segundo trimestre, 5.900 menos que no anterior, o que sitúa a taxa no 12,4%. Así e todo, con respecto ao segundo trimestre do ano 2020, o número de parados e paradas aumenta en 9.900 persoas (un 6,9%) e a taxa de paro aumenta 0,5 puntos en termos interanuais.
Aínda así, os datos non reflicten de todo o impacto da COVID no emprego, xa que aquelas persoas afectadas por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) --case 19.000 a final de xuño-- seguen a considerarse ocupadas nas estatísticas.
A factura da COVID aínda deixa 25.000 persoas sen emprego ou en ERTE tras ano e medio de pandemia
Os datos do segundo trimestre deste ano en comparación co inicio de 2020 --o xaneiro e febreiro previos á pandemia e o marzo no que se aplicaron as primeiras medidas restritivas e de confinamento-- indican que aínda son 6.300 persoas menos que daquela as ocupadas en Galicia, ademais das 18.779 que se manteñen nun ERTE parcial ou total e as 7.695 persoas autónomas cobrando algunha prestación polo coronavirus.
En total, a factura da COVID en Galicia aínda deixa unhas 25.000 persoas sen emprego ou en ERTE ano e medio despois de comezar a pandemia, o que se une a unha crise industrial que non dá atopado solución.
A crise industrial non cesa: o sector destruíu 14.700 empregos nun ano, fronte aos 35.000 máis nos servizos ou os 6.300 máis na construción
De feito, e aínda que o número de persoas ocupadas neste pasado trimestre aumenta en todos os sectores agás no primario, o incremento na industria é tan só de 300 persoas respecto ao trimestre anterior. De compararmos con hai un ano, o sector destruíu 14.700 empregos, fronte aos 35.000 que gañou o sector servizos ou os 6.300 nos que aumentou na construción.
Por outra banda, no segundo trimestre de 2021, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 3.000 unidades e sitúase en 58.100, o que supón un incremento do 1,8%.
Ademais, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 13.000 unidades, chegando aos 612.700. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 7.700 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 1,3% en termos relativos.