No último día de abril de 2020 a afiliación á Seguridade Social caera a 974.770; no último do pasado mes de maio alcanzou 1.008.995
A afiliación á Seguridade Social en Galicia volve a niveis previos á pandemia aínda que se manteñen case 23.000 persoas en ERTE. Segundo os datos feitos públicos polo Ministerio de Inclusión, o número medio de persoas afiliadas á Seguridade Social no pasado mes de maio aumentou en 8.534, situándose en 1.010.528, 34.134 máis que doce meses antes. Son case 36.000 máis que en abril de 2020, o primeiro mes completo onde os efectos da COVID, o confinamento e as restricións afectaron de cheo ao emprego e onde a media de cotizantes quedara en 974.770.
No último día de aquel mes de abril de 2020, o número de afiliacións en Galicia situábase nas 969.784, alcanzando os peores datos desde comezos de 2018. Un ano despois, no último día de abril de 2021, eran 30.000 máis e rozábase o millón, unha cifra superada no último día de maio, con 1.008.995, perto xa de 40.000 máis.
Maio rematou con case 23.000 persoas acollidas a un ERTE de suspensión ou redución de xornada en Galicia
Con todo, o mes de maio rematou aínda en Galicia con 22.863 persoas acollidas a un ERTE, xa sexa de suspensión ou de redución de xornada. Son uns 4.000 menos que a finais do mes de abril, un descenso máis moderado que nos meses anteriores e marcado polo alivio paseniño das restricións, especialmente na hostalería, e pola mellora dos datos da COVID.
Son aínda perto de 23.000 traballadores e traballadoras que manteñen a súa cualificación como ocupadas nas estatísticas laborais --e a súa afiliación á Seguridade Social--, á espera de volver á actividade ou recuperala na súa totalidade e dunhas perspectivas moito máis optimistas que as de hai só uns meses.
O paro rexistrado descendeu en 5.472 persoas en maio e queda en 165.306, 25.776 menos que hai un ano
Ademais, e segundo os datos facilitados polo Goberno central, a Seguridade Social abonou o pasado 24 de maio axudas a 26.903 traballadores autónomos en Galicia aos que lles foi recoñecida algunha das prestacións postas en marcha para paliar a situación deste colectivo como consecuencia da COVID.
En canto ao paro, as inscricións nas oficinas de emprego galegas descenderon durante o mes de maio en 5.472 e quedan en 165.306, o que supón 25.776 menos que hai un ano. O descenso intermensual é, nesta ocasión, semellante á media estatal, pero non así o interanual, que supón unha baixada do 13,5% fronte ao 2% de España.
Galicia e Euskadi, únicas comunicades que xa non renovan automaticamente a tarxeta do paro, experimentan, con diferenza, os maiores descensos interanuais
Este importante descenso no paro rexistrado con respecto a hai doce meses só é comparable ao que se deu en Euskadi, cunha baixada porcentual case idéntica. Curiosamente, Galicia é xunto co País Vasco, a única comunidade que deixou de renovar de maneira automática a tarxeta do paro en 2021, unha circunstancia que, segundo denunciou xa o PSdeG no Parlamento, permítelle á Xunta presumir desde hai meses duns datos sensiblemente mellores aos do resto dos territorios onde as persoas apuntadas nas oficinas de emprego ven renovada sen trámite ningún a súa condición de demandante e, polo tanto, de persoas paradas a efectos estatísticos.
Tal e como se pode comprobar cos datos, na avalancha histórica de baixas nas oficinas de emprego inflúe o feito de que a Xunta deixase de renovar automaticamente desde o pasado 1 de xaneiro o trámite trimestral para a renovación, logo de que en marzo, coa chegada das restricións polo coronavirus, suspendese a obriga de renovar cada tres meses o trámite.
No primeiro cuadrimestre, segundo os datos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) debulla a partir dos que facilita o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), case 194.000 persoas causaron baixa entre as listas do paro, pero máis de 71.000 (o 36,8%) caéronse da listaxe de parados por non ter renovado atarxeta de demandante.
Con todo, o descenso do paro rexistrado no mes de maio dáse en todos os sectores pero é, como adoita ser habitual, especialmente forte no sector servizos, onde descende en máis de 4.000 persoas.
A recuperación do emprego reflíctese ben no número de contratos rexistrados, que chegou en Galicia aos 66.533 no mes de maio, 911 máis que no mes de abril pero case 36.000 máis que hai doce meses, coa economía practicamente parada e a poboación empezando a saír do confinamento.
Aínda así, tan só 6.385 do total de contratacións feitas durante o mes pasado foron indefinidas, unha tendencia á precariedade e á temporalidade que non muda.