O número de afiliacións á Seguridade Social no último día de agosto baixou en 12.000 con respecto ao 31 de xullo
A repunta na creación de emprego que acompaña cada verán en Galicia á campaña estival e ao turismo vai amainando aos poucos así que vai rematando agosto. A afiliación media á Seguridade Social no pasado mes aumentou en 3.198 persoas, quedando a cifra total de cotizantes en 1.039.470. Un incremento moi lonxe do de máis de 14.500 de xullo e cunha tendencia á baixa a medida que chega setembro.
De feito, obviando a media mensual, o número de persoas afiliadas á Seguridade Social no último día de agosto en Galicia quedaba xa en 1.027.491, case 12.000 menos (-11.769) que no último día de xullo.
O remate da temporada alta do verán na última fin de semana de agosto (28 e 29) fixo que moitos dos contratos temporais asinados acabasen, ata destruírse perto de 12.000 empregos en comparación coas cifras do 31 de xullo pero tamén coa media de afiliacións do pasado mes.
"Os datos evidencian a fin da contratación estival, o retorno á minoración do emprego e a destrución de postos de traballo nos últimos días de mes", advirten os sindicatos.
Con todo, son 26.676 empregos máis que no mesmo mes do pasado ano, co forte impacto da pandemia e cunha ocupación turística e un número de visitantes moito menores que os deste ano.
O paro rexistrado descendeu en Galicia en 670 persoas, unha baixada moito máis feble que no conxunto do Estado
Ademais, o paro rexistrado tamén descendeu en Galicia, aínda que moi lixeiramente e de maneira moito máis feble que no conxunto do Estado. Hai 670 persoas apuntadas nas oficinas de emprego menos que en xullo, unha baixada do 0,4% fronte á do 2,4% no global de España.
Son, en total,151.264 persoas paradas en Galicia, 25.687 menos que hai un ano, logo de que en agosto descendese o paro rexistrado en todos os sectores menos no colectivo sen emprego anterior.
Aínda así, mantense unha importante precariedade e temporalidade, sobre todo entre as mulleres, onde o desemprego se incrementou nun 0,3% malia o leve descenso xeral. Ademais, dos máis de 80.000 contratos asinados en Galicia no mes de agosto (uns 21.000 menos que hai un ano), tan só 6.136 foron indefinidos, arredor do 8% do total.
Ao número de persoas desempregadas hai que engadir tamén as que aínda están en ERTE, parcial ou total, en Galicia: 10.810, 2.200 menos que no pasado mes de xullo, que non se consideran desocupadas nas estatísticas.
Máis de 7.000 persoas mantéñense nun ERTE a xornada completa en Galicia, fronte aos 3.775 a tempo parcial
Do total de persoas en ERTE, 1.922 son por causas económicas, técnicas, organizativas ou de producción (736 menos), 2.654 de forza maior (453 menos) e 6.234 nos de limitación ou impedimento (1.012 menos). Por sexos, as 4.698 das persoas en ERTE son homes e 6.112 mulleres.
Ademais, 3.775 dos ERTE son a tempo parcial e 7.035 a xornada completa, mentres que máis de 10.000 autónomos (10.115) seguen a cobrar algunha prestación polo coronavirus.
Desde a Xunta destácase que os datos do paro rexistrado agosto "evidencian que Galicia continúa a resistir á COVID, non só polos preto de 15.000 parados menos rexistrados respecto de febreiro de 2020 (mes anterior á irrupción da pandemia), senón porque a comunidade é a única que encadea oito meses de baixada do paro mensual desde xaneiro e acada un descenso do desemprego respecto a agosto de 2020 (interanual) nunca visto desde que existen datos".
Tamén destaca o Goberno galego que as afiliacións soben en agosto respecto de xullo deste ano un 0,31% "fronte ao descenso do Estado do 0,60%".