O Goberno central fixo pública este mércores a súa proposta de aumento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para este ano 2021. O Executivo transmitiulles aos axentes sociais a súa intención de incrementalo entre 12 e 19 euros, dende os actuais 950 ata 962 ou 969 euros mensuais (en 14 pagas), sendo 965 (un aumento de 15 euros) a media da proposta. O aumento continuaría nos anos 2022 e 2023, con aumentos de 31 euros cada ano.
O SMI pasaría de 950 a 962 ou 969 euros este ano, subindo ata os 996 no 2022 e os 1.027 no 2023
Así, o SMI ascendería a 996 euros no ano 2022 e 1.027 no ano 2023, preto do obxectivo de acadar o 60% do salario mínimo nese ano 2023 (entre 1.011 e 1.049 euros ao mes), remate da lexislatura,
Os sindicatos, que levan meses reclamando unha suba inmediata (o SMI leva conxelado dende xaneiro do ano 2020), reclaman que o aumento este ano sexa de entre 25 e 30 euros ao mes, sobre todo tendo en conta o forte encarecemento dos prezos (especialmente da electricidade), que elevaron o IPC ás súas cifras de aumento máis altas dende o ano 2011.
Os sindicatos reclaman unha suba de 25 ou 30 euros para este ano, lembrando que os prezos están a subir máis dun 3%. A patronal reclama a conxelación do SMI
No mes de xullo o Índice de Prezos de Consumo (IPC) acadou en Galicia o 3,5% de suba interanual, un valor ao que non se chegaba dende o mes de maio dese ano 2011 (+3,7%). As centrais sindicais subliñan que, no caso de que a suba do SMI non chegue a esa porcentaxe do 3%, os traballadores e traballadoras máis pobres estarían a perder poder adquisitivo, o mesmo que o resto de persoas asalariadas.
A suba proposta polo Goberno móvese entre o 1,26% e o 2% para este ano e o 3,2% para o vindeiro ano. No que levamos de ano os convenios colectivos asinados rexistran unha suba media do 1,9%, que se sitúa un pouco por riba da metade da suba dos prezos. Os axentes sociais manterán unha nova xuntanza co Goberno o vindeiro luns co obxectivo de seguir achegando posicións.
Pola contra, dende a patronal pídese a conxelación do salario mínimo, argumentando que os salarios máis elevados poderían supor un freo á recuperación económica trala pandemia. Porén, é a propia recuperación económica dos últimos meses, cun bo comportamento do emprego, o que semella que finalmente fixo que triunfasen dentro do Goberno central as posicións que apostaban por un aumento inmediato e importante do salario mínimo, lideradas pola Ministra de Traballo, Yolanda Díaz. No outro extremo, a Ministra de Economía, Nadia Calviño, defendía unha conxelación do SMI ou, no mellor dos casos, unha suba moi contida.
O SMI experimentou subas moi importantes nos anos 2017, 2018 e 2019, pero dende xaneiro de 2020 non se moveu
O SMI, que permanecera case conxelado entre os anos 2011 (641 euros) e 2016 (655 euros) experimentou subas moi importantes nos anos 2017, 2018 e 2019, situándose en xaneiro de 2020 nos actuais 950 euros mensuais. Porén, dende entón -no marco da pandemia de COVID- non se movera.
Nos últimos meses si que aumentou o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), que levaba cinco anos conxelado e que hai uns meses subiu un 5%. Do nivel que cada ano se determine para o IPREM depende a contía de moitas prestacións, por exemplo o subsidio por desemprego, cuxas contías mínima e máxima se fixan en relación con este indicador. Haberá que agardar a ver se a suba do SMI ten tamén a súa tradución nun aumento do IPREM.