Os prezos non deixan de subir. O índice xeral de prezos de consumo (IPC) sitúase este verán no seu nivel máis elevado na última década. No mes de xullo acadou en Galicia o 3,5% de suba interanual, un valor que non se acadaba dende o mes de maio dese ano 2011 (+3,7%), hai máis de dez anos. Este luns déronse a coñecer, ademais, os datos do indicador adiantado de agosto, que para o conxunto do Estado amosan un novo incremento, pasando o índice interanual do +2,9% de xullo ao +3,3% de agosto.
No mes de xullo acadou en Galicia o 3,5% de suba interanual, un valor que non se acadaba dende o mes de maio dese ano 2011 (+3,7%)
No mes de xullo Galicia era, ademais, a comunidade autónoma na que máis aumentaban os prezos en termos interanuais, só por detrás de Castela-A Mancha e cos mesmos datos de Castela-León.
A suba dos prezos está motivada polo encarecemento interanual de dous grandes capítulos, o da vivenda, electricidade, gas e outros combustibles (+11,3% en Galicia en xullo) e o do transporte (+9,4%). O resto de categorías manteñen unha grande estabilidade, aumentando o prezo dos alimentos un 2,4%, o mesmo que a sanidade, e manténdose vestido e calzado nun aumento do 1% interanual, semellante ao encarecemento do ensino (+1,4%) ou dos restaurantes e hoteis (+1,3%).
A suba dos prezos está motivada polo encarecemento interanual de dous grandes capítulos, o da vivenda, electricidade, gas e outros combustibles (+11,3% en Galicia en xullo) e o do transporte (+9,4%)
O forte incremento do prezo da electricidade nos últimos meses é a causa principal deste aumento dos prezos. Facua denuncia que a factura da luz dun usuario medio en agosto será "a máis cara da historia", cun aumento superior ao 40% con respecto ao pasado ano. A factura anual é, polo de agora, un 25% máis elevada que a do ano pasado, alerta a entidade nun informe. A finais de xuño o Goberno central acordou rebaixar o IVE da luz do 21% ao 10% ata finais deste ano e a suspensión do imposto do 7% á xeración eléctrica durante tres meses, medidas que para Facua "axudan" pero "non son a solución".
Facua denuncia que a factura da luz dun usuario medio en agosto será "a máis cara da historia", cun aumento superior ao 40% con respecto ao pasado ano
A seguinte gráfica amosa a evolución nos últimos cinco anos dalgúns dos capítulos de prezos máis importantes. Os prezos da vivenda (nos que se inclúen os da electricidade e combustibles) xa subiron de forma importante nos anos 2017 e 2018, pero non tanto coma nos últimos meses. Tamén os prezos do transporte experimentan agora as maiores subas dos últimos anos.
En cambio, vestido, alimentación, sanidade ou ensino amosan unha grande estabilidade, movéndose dende o 2016 entre o 0,5% e o 2,5% de suba interanual, coa única excepción do encarecemento dos produtos alimentarios que tivo lugar o pasado ano nos primeiros meses da pandemia. Algunhas voces alertan de que o encarecemento da electricidade e o transporte terá efectos nos vindeiros meses noutros capítulos, incluídos os bens de primeira necesidade, que tamén aumentarán os seus prezos.
A suba dos prezos alimenta as demandas dunha suba importante do salario mínimo e do conxunto dos soldos
A suba dos prezos incrementa ademais as razóns das posicións que tanto nos sindicatos como nunha parte do Goberno central (liderado por Yolanda Díaz) avogan por unha suba importante do salario mínimo, fronte ás posicións da patronal e doutra parte do Executivo (liderada por Nadia Calviño) que rexeitan a suba ou que a limitan a un aumento dunhas poucas décimas.
O incremento do IPC pode ter influencia nas negociacións colectivas para a actualización dos salarios, nas que as centrais sindicais reclaman que os e as traballadoras non perdan poder adquisitivo. No que levamos de ano os convenios colectivos asinados rexistran unha suba media do 1,9%, que se sitúa un pouco por riba da metade da suba dos prezos.