Feijóo culpa a Zapatero do prezo da luz e rexeita por “insolidaria” co Estado a tarifa eléctrica galega que pide o BNG

Imaxe do Plano do Parlamento deste mércores distribuída pola propia Cámara © Parlamento de Galicia

O presidente acusa ao PSdeG de poñer en risco a sanidade e a educación por pedir máis fondos da Xunta para os concellos

“Estamos pagando as primas de enerxías renovables do goberno socialista do señor Zapatero”. Así respondeu este mércores o presidente Feijóo á pregunta que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lle formulou na sesión de control á Xunta no Parlamento sobre que vai facer o Goberno galego para abaratar o prezo da electricidade. A nacionalista reiteroulle a súa proposta dunha tarifa eléctrica galega que teña en conta a capacidade de xeración instalada no país, ao que o presidente retrucou cualificándoa como “insolidaria” co resto de comunidades autónomas que non teñen tanta produción.

Pontón, na sesión de control deste mércores CC-BY-NC-SA BNG

Pontón comezou a súa intervención salientando que “Galicia é rica en electricidade pero non se beneficia desa riqueza” senón que “pagamos custes ambientais e sociais”. E preguntou expresamente ao presidente “que vai facer para abaratar a factura da luz”, engadindo a continuación que lle gustaría “que por unha vez respondese á pregunta e non veña ao Parlamento a culpar á portavoz do BNG de todos os males do universo”.

A resposta de Feijóo foi lembrar que boa parte da factura da luz se debe a impostos e peaxes que atribuíu ao goberno central socialista que desapareceu hai dez anos, “cando gobernaban en Madrid co señor Zapatero”, segundo o presidente galego, algo que non é certo xa que o BNG nunca formou parte do Consello de Ministros senón que se limitou a dar apoios parlamentarios a medidas daquel executivo.

Feijóo acusou ao BNG de “boicotear” a instalación de máis enerxías renovables en Galicia como parques eólicos e encoros “e botarlle a culpa aos galegos de todo isto”

Feijóo tamén atacou a proposta do BNG de que se cree unha tarifa eléctrica galega que prime a capacidade de produción instalada ao igual que fan outros estados europeos con territorios con similar superavit. O presidente defendeu unha tarifa única a nivel estatal como “solidaria” e preguntou ao BNG que pasaría se no futuro outras comunidades producisen máis que Galicia. “Estamos nun país solidario no que os custes se reparten entre todos”, sentenciou, para acusar ao BNG de “boicotear” a instalación de máis enerxías renovables en Galicia como parques eólicos e encoros “e botarlle a culpa aos galegos de todo isto”.

Gonzalo Caballero nunha sesión de control á Xunta © Parlamento de Galicia

Caballero criticou a discrecionalidade da Xunta cos concellos e Feijóo pediulle que "chame na porta do Goberno central e deixe en paz a sanidade e a educación que xestiona a comunidade autónoma"

Na mesma sesión de control a pregunta do portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, foi sobre os fondos que a Xunta dedica aos concellos galegos e os criterios de reparto, que cualificou de “discrecionais”. O socialista lembrou convocatorias de axudas a municipios que deben ser solicitadas a medianoite e ás presas ou críticas do Consello de Contas aos criterios de contratación e subvencións da Deputación de Ourense. A resposta de Feijóo foi derivar a responsabilidade ao Goberno central e reclamar que sexa este quen achegue aos concellos máis fondos europeos de recuperación. 

O presidente queixouse igualmente dos fondos estatais que recibe Galicia e fixo ver que reclamar á Xunta que dedique ela máis recursos aos concellos suporía poñer en risco outras competencias autonómicas: “Chame vostede na porta do Goberno central e deixe en paz a sanidade, a educación e os servizos sociais públicos que xestiona a comunidade autónoma”, sentenciou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.