Contas censura que o 80% da contratación e o 84% das subvencións da Deputación de Ourense se adxudicaron a dedo

José Manuel Baltar, tras reunirse con Feijóo en San Caetano en decembro de 2020 © Deputación de Ourense

O ente fiscalizador considera que os "defectos graves" existentes na documentación que analizou "impiden considerala como conta rendida", fronte ao que a institución que preside Baltar alegou que un ciberataque afectara ao proceso

O Consello de Contas, ente independente encargado da fiscalización das administracións públicas galegas, vén de facer público un informe no que analizou a Deputación de Ourense durante o exercicio 2018 e no que censura a elevada porcentaxe de contratos menores e de subvencións nominais que a institución que preside José Manuel Baltar entrega a dedo sen concursos, procesos abertos ou de libre concorrencia. O Consello de Contas tamén considera que os “defectos graves” existentes na documentación que lle remitiu a Deputación sobre as súas contas de 2018 “impiden considerala como conta rendida”, fronte ao que a Deputación alegou que o ciberataque que recibiu a finais de 2019 afectara ao proceso de rendición. Porén, o ente fiscalizador non creu as súas explicacións e censurou a demora en tomar medidas para resolver o problema informático. 

A existencia do informe de Contas, aprobado e feito público hai uns días polo ente fiscalizador pero que aínda non transcendera, foi revelada este martes polo PSdeG, cuxo secretario xeral, Gonzalo Caballero, fixo responsable a Feijóo "da dedocracia e a opacidade que Baltar instaura en Ourense".

Reparto da contratación na Deputación de Ourense en 2018 CC-BY-SA Consello de Contas

En materia de contratos, Contas reflicte como do total de 9,8 millóns de euros adxudicados pola Deputación en 2018 o 80%, uns 7,8 millóns de euros, tramitáronse a través de contratos menores de obras ou servizos, que poden ser entregados discrecionalmente sen pedir ofertas a varias empresas por non superar o límite legal de 40.000 euros no caso das obras ou os 15.000 euros no dos servizos. Foron 434 contratos menores, fronte a 36 non menores que sumaron 1,9 millóns. 

Ademais, Contas censura a concentración de adxudicatarios rexistrada nos contratos menores de obras, 170 do total que suman 6,1 millóns, dos que 112 contratos foron parar a só 5 empresas. E sinala que hai contratos menores “como o servizo de reparación de vehículos, que polo seu obxecto teñen carácter recorrente e vanse repetir en anos sucesivos” pero que a Deputación adxudica individualmente en vez de convocar un concurso que permita sistematizar e abaratar o servizo.

Por outra banda, Contas sinala que a Deputación só publica na plataforma de contratación do sector público os contratos menores financiados con fondos europeos.

Contas censura que a Deputación só publica os contratos menores que son financiados con fondos europeos e non publica as subvencións na base de datos estatal

Canto ás subvencións, o ente fiscalizador di que “contrariamente á regulación” das leis de subvencións tanto estatal como galega, “que dispoñen que o procedemento ordinario de concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, o procedemento de concesión de subvencións máis empregado foi a concesión directa nominativa”, un procedemento non sobrevido durante o ano senón xa previsto nos orzamentos da Deputación para ese ano e que representa “o 84% das subvencións concedidas no exercicio 2018”. Por esa vía entregáronse 7,4 dos 8,8 millóns de euros en subvencións de 2018.

Son unhas subvencións directas que ademais, di Contas, a Deputación non publica, como é a súa obriga, na base estatal de subvencións.

Análise do Consello de Contas sobre as subvencións da Deputación de Ourense CC-BY-SA Praza Pública

No seu informe Contas tamén censura que a Deputación non dispón dunha suficiente estrutura de persoal para dar cobertura ás esixencias en materia de control financeiro, que non remitiu “información sobre a subscrición de calquera tipo de convenio que supuxese compromisos económicos de máis de 600.000 euros” e constata que volveu enviarlle documentación a comezos deste ano tras supostamente detectar o efecto do ciberataque sobre a que xa enviara previamente. Porén, malia que Contas di que analizará a nova documentación, desbota o motivo da alegación e lembra que hai ano e medio que o propio ente fiscalizador avisara á Deputación da falta de documentación, ao tempo que critica a lentitude en actuar ante un problema tan serio de seguridade informática.

Contas tamén vén de publicar un informe sobre o Concello de Vigo no que sinala "defectos leves" nas súas contas, censura o exceso de subvencións directas e constata o incumprimento da estabilidade orzamentaria que supuxo o rescate do Auditorio Mar de Vigo

Ademais do informe sobre a Deputación de Ourense, Contas tamén vén de publicar outra análise sobre o Concello de Vigo no mesmo exercicio 2018. No seu caso o ente fiscalizador cualifica como “leves” os defectos detectados nas súas contas, nas que tamén censura o exceso de subvencións e convenios de tipo nominativo, 93, fronte a 23 por concorrencia. 

Igualmente, Contas tamén censura que o Concello de Vigo entregue con contratos menores servizos recorrentes todos os anos. Porén, a diferenza do 80% da Deputación de Ourense, Contas cuantifica no 13% o volume dos contratos menores en relación co total da contratación anual do Concello de Vigo. 

Contas tamén constata que en 2018 Vigo incumpriu as regras de gasto e estabilidade orzamentaria nuns 35 millóns de euros, o que o Concello explica co rescate ese ano do Auditorio Mar de Vigo, que rematou supoñendo 70 millóns de euros de custo para as arcas públicas.

Vista do Auditorio Mar de Vigo Dominio Público HombreDHojalata CC BY-SA 3.0

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.