Unha enquisa contratada polo Concello de Ourense prognostica que PP e DO obterían edís dabondo para repetir bipartito

Vista da casa do Concello de Ourense e transvases de votos segundo a enquisa CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Ourense | Montaxe: Praza Pública

O Concello de Ourense encargou á empresa demoscópica Celeste-Tel un traballo denominado Estudo sociolóxico municipal que, defende o goberno municipal que encabeza Gonzalo Pérez Jácome, ten como obxectivo "coñecer a valoración cidadá sobre diversos aspectos da política e vida municipal". Tamén, asegura, "incidir en aspectos coma os efectos da pandemia e a saída da mesma" na contorna ourensá.

Segundo o inquérito, o PP sumaría dous edís ao beneficiarse da desaparición de C's da corporación municipal e DO perdería un representante

Alén destas preguntas, as que causaron máis balbordo na vida política local, marcada polo goberno en minoría de Jácome tras a ruptura do bipartito que o PP conformou con el a cambio de salvar a Baltar na Deputación, é que o estudo inclúe unha enquisa electoral. Segundo os seus resultados, se agora se celebrasen eleccións municipais, o PP e Democracia Ourensana estarían en condicións de volver conformar un bipartito, neste caso cos populares reforzados ao beneficiárense da desaparición de Ciudadanos da corporación municipal. Nese eventual escenario, o PP tamén tería a opción dunha investidura en minoría, como a de 2015.

O inquérito inclúe tamén preguntas sobre valoracións de liderados políticos, aspecto que tamén están a causar suspicacias. Sobre todo polo feito de que, no caso do PP, sitúa como referente municipal ao concelleiro Jorge Pumar -afín a José Manuel Baltar- e non a Jesús Vázquez, alcalde en 2015 e tamén candidato á alcaldía en 2019, pero afastado polo seu propio partido para conformar o bipartito con Jácome a cambio de soster a Baltar.

Alén do PP, que a enquisa sitúa encabezado por Jorge Pumar, o PSdeG mantería os seus actuais 9 edís. O BNG medraría en votos e tería un edil máis, quedando en 3

En termos de votos, ese virtual PP encabezado por Pumar obtería agora os dous edís que perdería Ciudadanos ao pasar do 22,7% ao 27,5% dos votos. Segundo a enquisa de Celeste-Tel para o Concello de Ourense, case un 20% dos votantes que apoiaron hai dous anos a C's optarían agora polos populares, que tamén recibirían en torno a unha décima parte do electorado de Democracia Ourensana nas anteriores municipais. DO quedaría no 18% dos votos, fronte ao 21,7% de hai dous anos.

Estes transvases permitiríanlle ao PP ser primeira forza política en votos, aínda que empatado en escanos co PSdeG, que retería as 9 actas obtidas nas últimas municipais, nas que os socialistas foron a primeira forza en Ourense, pero sen posibilidade de formar goberno. Os socialistas terían o 24,8% dos sufraxios, un retroceso próximo aos dous puntos.

Alén do PP, a única forza da actual corporación municipal que medraría en votos e representación sería o BNG. Os nacionalistas pasarían do 6,3% ao 8,3% dos votos e de 2 a 3 concelleiros grazas ao transvase de arredor dun 3% do electorado do PSdeG, mais tamén tería un 7,3% de votantes que noutrora apoiaran a Ourense en Común e un 7,6% dos sufraxios procederían de mocidade que non tiña dereito ao voto en 2019.

Nun panorama político municipal no que xa se disipou a posibilidade dunha moción de censura contra Jácome mentres o PP amaga con recompoñer o bipartito ata o remate do mandato, o PSdeG local ve nesta enquisa un "desbalde" de fondos públicos. A xuízo dos socialistas, "as enquisas son necesarias para coñecer as necesidades reais" do municipio en eidos como "a emerxencia social no Concello" e outras "necesidades reais da cidadanía". "Non para que o alcalde obteña información electoral sobre o seu futuro político nin para que o PP valore opcións en canto ao seu liderado na cidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.