A taxa de risco de pobreza en Galicia non estaba por riba do dato do conxunto do Estado dende o ano 2009
O ano 2020, marcado pola pandemia de COVID e pola destrución de empregos concentrada naqueles colectivos máis precarios, provocou un significativo nos sectores sociais máis vulnerables e con menos recursos. A taxa de risco de pobreza en Galicia, medida como a porcentaxe de persoas cuxos ingresos se atopan por debaixo do 60% da mediana do conxunto da sociedade, escalou o pasado ano ata o seu nivel máis elevado dende o 2008.
Segundo a Enquisa de Condicións de Vida publicada este xoves polo INE, o 22,1% dos galegos e galegos viven por debaixo dese límite, que marca o inicio da pobreza relativa. No ano 2019, a porcentaxe era do 20% e no 2018 do 18,8%. O dato supera mesmo a media española (21%), que case non experimentou variacións no último ano. A taxa de risco de pobreza en Galicia non estaba por riba do dato do conxunto do Estado dende o ano 2009. No ano 2019 un informe de Cáritas situaba a Galicia como o territorio con máis persoas "na antesala da exclusión" nunha nova crise.
O 25,7% da poboación galega atópase en risco de pobreza ou exclusión social, un indicador que leva en ascenso dende o 2017
Tamén se incrementa a porcentaxe de persoas en risco de exclusión social, un indicador que ademais da renda incorora outros elementos para valorar a situación de benestar e inclusión dunha persoa, como a carencia de determinados elementos materiais, o acceso á vivenda ou o acceso a un emprego remunerado. O 25,7% da poboación galega atópase en risco de pobreza ou exclusión social, un indicador que leva en ascenso dende o 2017. É o seu valor máis elevado dende o 2015, cando a porcentaxe era idéntica e neste caso o indicador sitúase lixeiramente por debaixo da media española (26,4%), tamén en ascenso.
O risco de pobreza e exclusión é maior entre a infancia e a mocidade, con valores próximos ao 30%
O INE non ofrece os datos segmentados por grupos de idade para cada comunidade autónoma, pero os indicadores xerais para o conxunto do Estado levan anos amosando que a poboación máis nova é a que máis sofre as situacións de pobreza. No ano 2020 a taxa de risco de pobreza situouse no 27,6% entre os menores de 16 anos e no 22,7% na poboación de 16 a 29 anos, baixando do 20% no resto de grupos de idade. A porcentaxe de poboación en risco de exclusión supera o 30% na poboación menor de 30 anos.
A diferenza entre a renda neta media percibida anualmente en Galicia e no conxunto do Estado ampliouse nos últimos dous anos
Os datos do INE amosan igualmente que no ano 2020 se incrementou a fenda existente entre Galicia e o conxunto do Estado no que atinxe á renda media percibida pola poboación. O pasado ano a renda neta media percibida por persoa medrou en Galicia ata os 11.469 euros anuais. Porén, a media española é 800 euros superior (12.292), unha fenda que se multiplicou por catro nos últimos dous anos: no 2018 a media galega (11.239) estaba moi próxima á estatal (11.412).
Un 15% da poboación non se pode permitir comer carne ou peixe dúas veces por semana e outro 10% non pode manter os seus fogares a unha temperatura axeitada
A Enquisa de Condicións de Vida recolle tamén unha serie de carencias materiais sufridas por unha parte significativa da poboación. Destaca a proporción de persoas que non se poden permitir marchar de vacacións cando menos unha semana ao ano, ao redor do 40% e a porcentaxe que non é quen de enfrontar gastos imprevistos (28%). Hai, ademais, carencias máis graves, coma as que sofren as persoas que non se poden permitir consumir carne ou peixe cando menos dúas veces por semana, case un 15%, unha porcentaxe que se disparou nos dous últimos anos.
De igual xeito, o 9,6% da poboación non se pode permitir manter os seus fogares a unha temperatura axeitada, unha pobreza enerxética empeorada pola suba do prezo da electricidade. Finalmente, un 6,2% da poboación recoñece que tivo atrasos nos pagamentos relacionados coa súa vivenda, dende a hipoteca e o alugueiro ata o recibo do gas, unha porcentaxe que tamén se elevou nos últimos anos.