"Galicia pecha 2021 coa menor cifra de desemprego nun mes de decembro de toda a serie histórica". Así valorou hai uns días a Xunta os últimos datos de paro do ano, destacando "a boa evolución do mercado laboral de Galicia pese á pandemia" e "o impulso que está a dar o Goberno galego á creación de emprego" e engadindo a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, o obxectivo das políticas da Xunta de “seguir ao carón dos que máis o precisan para atopar ou manter o seu emprego”.
Os datos globais de 2021 son obxectivamente peores en Galicia que no conxunto do Estado español, tanto no que atinxe á creación de emprego e ás afiliacións á Seguridade Social como no relativo á evolución do número de persoas desempregadas
Os datos de emprego de decembro e do conxunto do ano 2021 foron positivos en Galicia, abofé, o mesmo que no resto do Estado Español. De feito, practicamente todos os indicadores tiveron un mellor comportamento no conxunto de España que en Galicia, sinalando CCOO que "as cifras debuxan un mercado laboral galego en situación peor ca no promedio estatal".
Tamén foi moi crítica a CIG, que subliñou que Galicia "rematou o ano cunha caída da afiliación á Seguridade Social e cunha baixada do paro moi inferior á media estatal", cualificando o comportamento do mercado laboral galego de "alarmante". A valoración de UGT, máis amable, insistía no entanto na necesidade de "impulsar o emprego de calidade", lembrando que menos do 10% dos contratos en Galicia son indefinidos.
Os datos globais de 2021 son obxectivamente peores en Galicia que no conxunto do Estado español, tanto no que atinxe á creación de emprego e ás afiliacións á Seguridade Social como no relativo á evolución do número de persoas desempregadas. É certo que durante o 2020 a evolución do mercado laboral galego, aínda que negativa, foi mellor que a estatal, polo menor impacto da pandemia e a menor dependencia do sector turístico. Isto fai que a comparación de moitos indicadores co ano 2019 sexa máis favorable para Galicia.
Galicia aumentou o seu número de cotizantes nun 3,06%, mentres que no conxunto do Estado o aumento foi do 4,08%, case un 25% máis
Nos últimos 12 meses o número de persoas desempregadas descendeu en Galicia nun 19,5%, mentres que no conxunto do Estado español fíxoo nun 20,12%. As diferenzas son maiores no que atinxe ao número total de persoas afiliadas á Seguridade Social, é dicir, ao número total de empregos remunerados existentes. Neste caso, Galicia aumentou o seu número de cotizantes nun 3,06%, mentres que no conxunto do Estado o aumento foi do 4,08%, case un 25% máis.
Cómpre ter sempre en conta a distinta evolución do número de persoas activas en Galicia e no conxunto do Estado, debido principalmente ao máis rápido envellecemento de Galicia e á menor incorporación de persoas novas ao mercado laboral. É dicir, este factor demográfico (no que tamén entran en xogo os movementos migratorios) facilita a redución do número de persoas desempregadas en Galicia, ao tempo que dificulta o aumento do número de cotizantes.
O desemprego reduciuse en menor medida en Galicia no sector servizos, no sector industrial e entre as persoas menores de 25 anos
Outros indicadores amosan a mellor ou peor saúde do mercado laboral en Galicia ao longo do ano 2021. Así, analizando o desemprego por sectores, vemos como o paro descendeu máis en Galicia unicamente no sector primario e na construción. Pola contra, o desemprego reduciuse en menor medida no sector servizos (con moito, o que abrangue un maior número de persoas) e de forma moi clara no sector industrial, moi golpeado nos últimos anos en Galicia.
Tamén vemos grandes diferenzas nas persoas menores de 25 anos e no colectivo de persoas sen emprego anterior (formado en boa medida por persoas mozas). Nestes grupos, o desemprego descendeu moito máis no conxunto do Estado que en Galicia.
A porcentaxe de contratos indefinidos en Galicia está máis dun punto por debaixo da media española (9,86% fronte a 10,9%), unha fenda que no último ano mesmo medrou
Por último, como advirten os sindicatos, os e as traballadoras galegas continúan a sufrir grandes problemas de temporalidade nos seus contratos e precariedade laboral. A porcentaxe de contratos indefinidos en Galicia está máis dun punto por debaixo da media española (9,86% fronte a 10,9%), unha fenda que no último ano mesmo medrou. No 2021 Galicia incrementou notablemente a porcentaxe de contratos indefinidos asinados (un 33%). Porén, este aumento foi significativamente inferior ao rexistrado no conxunto de España (un 55%).