A caída mensual de apenas o 0,11% no paro rexistrado en Galicia é o peor dato do Estado, pero o balance interanual de case o -20% aproxímase á media estatal e o dato total de decembro é o menor da serie histórica
O paro rexistrado é o indicador que mide as persoas que están inscritas como demandantes dun posto de traballo nas oficinas de emprego e cumpren determinadas condicións (non estar, por exemplo, seguindo determinados plans de formación do antigo Inem). Esta é a circunstancia na que se atopaban 152.584 persoas en Galicia no pasado decembro, unha diminución de apenas o 0,11% a respecto do mes anterior, pero case un 20% menos (19,52%, concretamente) que un ano antes.
Esa diminución mensual de apenas o 0,11% do paro rexistrado en Galicia é a menor de todas as comunidades autónomas e contrasta co dato total do Estado (-2,41) e vai na senda duns últimos meses nos que este indicador é, no caso galego, menos vigoroso que na media estatal. Non obstante, o balance anual do -19,52% en paro rexistrado si se aproxima á media estatal (-20,12) ata quedar nas devanditas 152.584 persoas. Ou, o o que é o mesmo, un nivel de paro rexistrado menor ao previo á pandemia da COVID-19.
Tanto a Xunta como o Ministerio de Traballo poñen o acento en que se trata duns datos (o galego e o estatal, respectivamente) especialmente significativos para un mes de decembro, un mínimo neste mes dende que hai información comparable. Así, por exemplo, en decembro de 2019 o dato roldaba as 165.000 persoas. O total actual é semellante ao do verán daquel ano previo á pandemia, que culminaba unha senda descendente de máis de media década dende que, no ano 2013, o paro rexistrado tocara teito en Galicia, chegando a roldar as 300.000 persoas.
A letra pequena do paro rexistrado de decembro en Galicia tamén acrecenta, non obstante, a tendencia que xa apuntaban outros datos como os da Enquisa de Poboación Activa do pasado outono, a cal amosaba como o sector servizos segue gañando peso no país fronte ao devalo industrial. Así, en decembro só no sector servizos diminuíu o paro rexistrado (-770 inscricións nas oficinas de emprego) mentres que aumentou na agricultura (+230 persoas), na industria (+255) e na construción (+647).
Afiliación prepandémica e afastada de décadas anteriores polo devalo demográfico
Tamén a afiliación media á Seguridade Social recuperou xa niveis semellantes aos previos á pandemia. Finalizou 2021 en 1,032 millóns de persoas, un crecemento interanual un chisco superior ao 3%, algo menos dun punto por baixo da media estatal, que aumenta ao 4,08%.
O total estatal de afiliación á Seguridade Social marca un máximo histórico mentres en Galicia o devalo demográfico sitúa o indicador lonxe dos niveis previos á anterior crise económica
Son, de media, unhas doce mil persoas máis que no decembro de 2019, o previo ao estourido internacional da COVID. Ao contrario que noutros puntos do Estado, este comportamento relativamente bo das cifras de emprego non é dabondo para regresar a niveis previos á crise económica posterior ao crack financeiro internacional e ao estourido da burbulla inmobiliaria que marcaron a pasa década. A razón hai que buscala no devalo demográfico galego. Mentres, o total estatal marca un máximo histórico de afiliación, con máis de 19 millóns de persoas.
Nestas cifras de afiliación inflúen tamén os empregos baixo a figura dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE). Segundo as últimas cifras do Ministerio de Seguridade Social, o pasado decembro seguían diminuíndo e eran unhas 5.000 persoas as que estaban nesta situación.