Galicia rachou coa tendencia positiva a nivel estatal no paro e na afiliación: as inscricións nas oficinas de emprego aumentan en 991 persoas
Galicia volveu rachar, como no mes de setembro, coa tendencia positiva a nivel estatal dos datos do paro e de afiliación á Seguridade Social en outubro. Así, as inscricións nas oficinas de emprego galegas aumentaron en 991 persoas durante o pasado mes e quedan en 154.045, o que supón 27.262 menos que un ano antes (-15,04%).
Galicia é unha das poucas autonomías onde o paro rexistrado subiu en outubro, en contraste coa inédita e histórica baixada -aínda que pequena- no conxunto do Estado, que rolda tamén o descenso do 15% a nivel interanual que se deu en territorio galego.
A afiliación media á Seguridade Social diminuíu en 1.578 persoas en Galicia
Ademais, no mesmo mes, a afiliación media á Seguridade Social diminuíu en 1.578 persoas, ata os 1,032 millóns, polo que o mes de outono tería destruído máis de 1.500 empregos, pasado xa o efecto do verán e a campaña estival. Un descenso (-0,15%) que contrasta tamén co lixeiro incremento (+0,82%) que se dá a nivel estatal.
No entanto, de ter en conta o último de mes, a afiliación medrou en 8.141 persoas ata situarse por riba dos 1,034 millóns en Galicia. Son, en todo caso, 20.633 afiliacións medias máis que en outubro de 2020, unha suba do 2% fronte ao 3,7% de incremento en España.
En canto ao paro rexistrado, descende en Galicia un chisco tanto na industria como na construción, pero aumenta sobre todo no sector primario e no colectivo sen emprego anterior, ademais de, en menor medida, nos servizos.
O que non muda é a precariedade e temporalidade no mercado laboral galego. En outubro rexistráronse en Galicia 89.209 contratos (7.409 menos que en setembro), dos cales 81.296 -menos do 9%- foron indefinidos.
Ademais, e tal e como destaca CCOO-Galicia, hai outro dato que amosa un problema engadido na economía galega: o notable incremento dos ERTE ETOP, expedientes de regulación temporal de emprego por causas económicas, técnicas, organizativas e de producción e que non están vinculados á pandemia.
Descenden as persoas en ERTE vinculados á pandemia pero aumentan os de causas económicas, técnicas, organizativas e de producción
Ao remate do mes de outubro, eran 2.158 as persoas incluídas neste tipo de expedientes dun total de 8.431 persoas (-1.411 respecto ao mes anterior) baixo a cobertura dun ERTE. Por tipos, ademais, 1.967 corresponden a ERTE de forza maior (-687) e 4.306 aos de limitación ou impedimento (-1.051 menos). Do total de persoas afectadas por ERTE, 2.949 sono a tempo parcial e 5.482 a xornada completa.
Ademais, a taxa de cobertura por desemprego era do 59,9% en setembro, o último dato dispoñible. Así, en Galicia hai 84.491 persoas beneficiarias de prestacións por desemprego, 37.555 de prestacións contributivas, o 44,4%, e o resto asistencial.
Desde a Xunta, destácanse os datos interanuais e advírtese de que, "como é habitual", o paro rexistrado "aumenta en outubro seguindo a tendencia rexistrada desde 1996", mais a suba "é a menor contabilizada nun mes de outubro de toda a serie histórica".