A poboación ocupada mantense estable en Galicia no primeiro trimestre, tradicionalmente negativo para o emprego

O desemprego sobe en 3.700 persoas, especialmente no sector primario, pero a cifra total mantense por debaixo dos niveis de hai un ano CC-BY-SA Praza.gal

O primeiro trimestre do ano adoita ser negativo para a evolución do emprego. Dende hai décadas, a tendencia é que no segundo e terceiro trimestre aumente o número de traballadores e traballadoras, nunha tendencia na que inflúe de forma determinante o peso da campaña de verán do turismo e da hostalaría, e que no cuarto trimestre do ano e no primeiro do ano seguinte os datos sexan peores, as máis das veces cun aumento no número de parados e paradas.

O número de persoas que están a traballar descendeu en 800 persoas con respecto ao trimestre anterior e aumenta en máis de 12.000 en relación a marzo de 2022

O primeiro trimestre deste ano 2023 non foi unha excepción, á vista dos datos da Enquisa de Poboación Activa que este xoves fixo públicos o INE. Con todo, as variacións con respecto ao trimestre anterior foron moi cativas, especialmente no que atinxe ao número de persoas que están a traballar. A poboación ocupada descendeu no primeiro trimestre en 800 persoas con respecto ao trimestre anterior (unha caída do 0,07) e fica nas 1.103.700 persoas. Os datos para o conxunto do Estado foron moi semellantes, cun desceso da poboación ocupada de once mil persoas, un 0,05%.

Algo máis negativa foi a evolución do número de parados e paradas, cun aumento de 3.700 persoas (un 2,82%) en Galicia, deixando a cifra total algo por riba dos 135.000 e unha taxa do 10,9%.

O desemprego sobe en 3.700 persoas, especialmente no sector primario, pero a cifra total mantense por debaixo dos niveis de hai un ano

Con todo, se a comparación se fai co mes de marzo do pasado ano, a evolución tanto do número de persoas paradas coma de ocupadas é moito máis favorable. Nos últimos 12 meses o número de persoas en situación de desemprego en Galicia diminuíu en 5.900 persoas.(47.000 no conxunto do Estado).

De igual xeito, hoxe hai 12.300 persoas máis traballando que hai un ano. A diferente evolución entre as cifras de ocupados e parados (a cantidade de parados descende máis lentamente que o que aumenta a de ocupados) amosa que hai un número significativo de persoas que se incorporan ao mercado laboral e á procura activa de emprego e que antes figuraban como inactivas.

A evolución do número de persoas ocupadas neste trimestre, no que tradicionalmente se destrúe emprego, é a segunda mellor dos últimos anos

A evolución do número de persoas ocupadas neste trimestre, no que tradicionalmente se destrúe emprego, é a segunda mellor dos últimos anos. O descenso do 0,07% só é mellorado polos datos do pasado ano, no que a ocupación aumentou lixeiramente. Antes, hai que viaxar ata o ano 2006 para atopar outro primeiro trimestre no que aumentase o número de traballadores e traballadoras.

Algo semellante sucede co número de parados e paradas. O aumento experimentado este trimestre (+2,82%) é o menor dende o ano 2018 (+2,42%) e é o terceiro máis reducido nos últimos 15 anos.

Aumento o número de persoas traballando na construción (pasan de 70.100 a 75.400) e descenden no sector primario, onde o número de persoas ocupadas pasou de 71.000 a 65.800

A evolución experimentada pola ocupación neste trimestre é resultado dun aumento importante do número de persoas traballando na construción (pasan de 70.100 a 75.400) e dun empeoramento das cifras de emprego no sector primario, onde o número de persoas ocupadas pasou de 71.000 a 65.800. O sector servizos e a industria experimentaron descensos máis pequenos.

Con respecto aos datos de hai un ano, o número de persoas ocupadas no sector servizos aumenta en máis de 15.000, ao tempo que tamén se incrementa no sector primario (+3.900) mentres que na industria descende de forma moi significativa (-7.000) e na construción mantense.

A taxa de paro sitúase no 10,9%, tres décimas máis que no trimestre anterior (10,6%), pero medio punto menos que hai un ano (11,4%)

A taxa de paro sitúase no 10,9%, tres décimas máis que no trimestre anterior (10,6%), pero medio punto menos que hai un ano (11,4%). Trátase da taxa de paro máis baixa nun primeiro trimestre dende o ano 2008. A diferenza entre a taxa de paro masculina (10,07% e feminina (11,78%) segue a ser moi ampla, cunha fenda que case chega aos dous puntos.

Por grupos de idade, cómpre destacar a boa evolución do emprego xuvenil en Galicia, cun descenso da taxa de paro das persoas menores de 25 anos ao 28,7% dende o trimestre anterior (30,4%) e no último ano (32%). Nos restantes grupos de idade, en cambio, a taxa de paro se incrementou lixeiramente nos tres primeiros meses do ano.

A porcentaxe de asalariados e asalariadas cun contrato temporal descendeu do 16,6% ao 16,4% e con respecto a hai doce meses acumula unha redución moito máis importante: cae dende o 22,5%

Finalmente, os datos da EPA amosan como continúa a diminuír a temporalidade no emprego como consecuencia da aplicación da nova reforma laboral. Neste trimestre a porcentaxe de asalariados e asalariadas cun contrato temporal en Galicia descendeu do 16,6% ao 16,4% e con respecto a hai doce meses acumula unha redución moito máis importante: cae dende o 22,5%. É a porcentaxe máis baixa dende o inicio da serie histórica, no ano 2002.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.