Desde a aprobación da reforma laboral hai máis dun ano e ante os datos que sinalan o relevante aumento do peso da contratación indefinida no mercado laboral, o PP apunta os fixos descontinuos e a súa contabilidade como a suposta clave dunha "maquillaxe" de datos que agocharía unha realidade de emprego moito máis negativa. Malia que as estatísticas e o xeito de cuantificar estes traballadores nos datos oficiais non muda desde hai décadas, tanto o líder dos populares, Alberto Núñez Feijóo, como o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou o PPdeG insisten en deitar dúbidas.
O peso dos fixos descontinuos en Galicia é do 4,2% entre os traballadores por conta allea e sobre o 3% dos total de afiliados á Seguridade Social
Fano, tamén, polo incuestionable incremento no número de fixos descontinuos activos nos últimos meses, malia que nesta altura representan pouco máis do 4% do total das persoas traballadoras por conta allea en Galicia e sobre o 3% do total de afiliadas.
Ao igual que se fai desde 1985, os fixos descontinuos non se inclúen como parados nas estatísticas do desemprego rexistrado porque teñen un contrato e están inactivos entre chamamento e chamamento.
Desde o Goberno central, por boca do Ministerio de Traballo e do de Inclusión e Seguridade Social, insisten na "falsa e inxustificada polémica" que supón sinalar o contrato indefinido descontinuo á hora de valorar os efectos da reforma laboral de finais de 2021, ao darlle unha dimensión sobre a realidade do mercado laboral que non lle corresponde. Con todo, aínda hai poucos días, a portavoz de emprego do PP no Parlamento galego, Noelia Pérez, advertiu da "contrarreforma do Goberno de Pedro Sánchez", asumindo que se "asinan máis contratos indefinidos", pero alertando de que "o que medra é a temporalidade e a parcialidade baixo o disfrace dos fixos descontinuos".
En marzo en Galicia había 33.300 fixos descontinuos traballando, case o dobre que un ano antes
Un contrato fixo descontinuo achega menos vantaxes -obvio- que un fixo indefinido, pero moita máis seguridade que un temporal, ao incorporar os dereitos de protección ao emprego vinculados a esta modalidade. Tamén a certeza de contar cun contrato que obriga o empresario a volvelos chamar.
En Galicia, e segundo os últimos datos de afiliación media á Seguridade Social en marzo, son algo máis de 33.300 as persoas traballando cun contrato fixo descontinuo. Nestas estatísticas de cotizantes só computan as persoas suxeitas a este tipo de contratación mentres están traballando, e desaparecen delas cando se atopan en período de inactividade.
O fixo descontinuo supón o 4,2% do total do persoal por conta allea en Galicia, fronte ao 72% do indefinido (58% a tempo completo e 14% a tempo parcial) ou o 14,4% temporal (11% a tempo completo e 3,4% a tempo parcial).
En termos absolutos, esas máis de 33.300 persoas que se reincorporaron á actividade como fixos descontinuos son uns 15.300 máis -case o dobre- que no mesmo mes do ano pasado, o que supón un incremento de máis do 80%. Ao tempo, os traballadores cun contrato indefinido a tempo completo aumentaron en máis de 50.000 (unha suba de máis do 2%) e os fixos a tempo parcial en máis de 22.000, un incremento de arredor do 12%.
O número medio de fixos descontinuos en activo neste pasado mes de marzo en Galicia é case catro veces máis que os que había no mesmo mes de hai unha década (menos de 9.000) e 20.000 máis que no mesmo período de 2019 -último ano previo á pandemia-, pero tamén hai unhas 45.000 persoas contratadas máis en total.
Ademais, e malia o aumento do emprego en máis de 18.000 persoas en Galicia no último ano, a contratación temporal a tempo completo reduciuse máis dun 30% e en máis de 42.000 persoas, mentres que a temporal a tempo parcial se reduciu en 30.000 e en máis do 50%.
As estatísticas da Seguridade Social só inclúen os fixos descontinuos cando están en período de actividade; a EPA sinala tamén cantos están parados, pero só a nivel estatal
A evidente redución da temporalidade vai acompañada dun aumento na contratación na modalidade fixa descontinua que adoita utilizar o PP para acusar o Goberno de España de dar "unha visión triunfalista e afastada da realidade", como dixo a deputada Noelia Pérez no Parlamento e como antes dixera Feijóo. No fondo, o intento por deixar caer a idea de que a transformación de contratos temporais en indefinidos faise, sobre todo, a través de fixos descontinuos.
Ante a insistencia dos populares nunha suposta "maquillaxe" dos datos, o Ministerio de Traballo solicitou ao Instituto Nacional de Estatística (INE) os microdatos que lle permitisen coñecer o total de traballadores fixos descontinuos, máis aló daqueles que si agroman nos datos de afiliación cando están en activo. Segundo o secretario de Estado de Emprego e Economía Social, Joaquín Pérez Rey, a peche de 2022 eran un total de 594.200 en España, dos que só 45.500 estaban considerados como parados. Eses case 600.000 supoñen o 3,4% do total de asalariados e o 2,9% de ocupados.
Segundo o Ministerio, a cifra de fixos descontinuos en paro non modifica a taxa de desemprego ao peche de 2022, xa que xa foran contabilizados na EPA entre os máis de 3 millóns de desempregados. Porque un fixo descontinuo en período de actividade aparece como ocupado na EPA e como afiliado na Seguridade Social. No caso de estar en período de inactividade, a EPA contabilízao como parado se está a buscar emprego, pero como inactivo se non o fai porque está agardando a volver ser chamado.
É a EPA -enquisa que se realiza con criterios homologados do Eurostat- a única maneira de saber cantos dos fixos descontinuos se atopan en paro? Fontes do Ministerio de Traballo explican que si, aínda que só a nivel estatal ao non haber datos a nivel autonómico. Xa que logo, non hai cifras que detallen cantos fixos descontinuos hai máis en Galicia á marxe dos 33.307 que estaban a traballar no mes de marzo. Con todo, insisten as mesmas fontes, nin o número é importante nin a contabilidade mudou nos últimos 38 anos.
Por iso, a mellor maneira de facer un seguimento dos fixos descontinuos son as cifras de afiliación, onde aparecen se están activos e desaparecen se nese momento non traballan. Non tanto as do paro rexistrado, xa que a maioría destes traballadores non se anotan nas oficinas de emprego ao ter asegurada a reincorporación nalgún momento e manter ese vínculo laboral.
"O colectivo de fixos descontinuos é unha categoría moi complicada de debullar porque non é algo homoxéneo; no momento no que non están activos, pode haber quen se apunte ao paro, pero a maioría mantén un contrato indefinido á espera de volver traballar; logo hai xente que se converte en autónoma ou quen se xubila. É por iso polo que as afiliacións debuxan mellor a realidade que calquera outro dato", explican as mesmas fontes.