Galicia acada os mellores datos de emprego e paro nun mes de marzo desde a crise de 2008

Traballador nun estaleiro galego CC-BY-SA Xunta

As inscricións nas oficinas de emprego en Galicia diminuíron en 2.245 en marzo (-1,56% e na media estatal, -1,67%) ata quedar nas 141.847, o que supón un 7,5% menos a respecto de hai un ano (-7,9% en España) e os mellores datos neste mes desde antes de 2008, ano no que deu inicio a crise que acabou disparando a cifra do número de parados rexistrados a case as 300.000 en 2013.

A cifra do paro rexistrado é a menor en marzo desde antes da crise de 2008; o número de afiliacións á Seguridade Social é a maior neste mes desde 2007

Ademais, a afiliación media á Seguridade Social aumentou un 0,74% (+1% no Estado) ata alcanzar os 1,044 millóns de cotizantes, un 1,47% máis que en marzo de 2022 , fronte a un avance interanual medio no Estado do 2,73%. 

A cifra de emprego en Galicia supón, tamén, a mellor en marzo desde antes da crise de 2008, mentres que no conxunto de España se alcanza un novo récord con 20,4 millóns de traballadores, no que supón o mellor mes de marzo da historia. 

Galicia gañou uns 7.700 empregos en marzo e uns 15.000 con respecto a hai un ano, mentres que no Estado o incremento foi de máis de 206.000 persoas. 

Respecto dos datos de afiliación, o informe do Ministerio de Inclusión e Seguridade Social destaca que "quince meses despois da entrada en vigor da reforma laboral, seguen sendo patentes os seus efectos positivos na estabilización do emprego e a mellor da súa calidade"

Así, explica que a porcentaxe de afiliados con contrato temporal no Estado reduciuse ata alcanzar un mínimo histórico do 14% e que se teñen gañado "2,6 millóns de afiliados máis con contrato indefinido que en decembro de 2021, o último mes antes da entrada en vigor da reforma". 

Segundo o Ministerio de Traballo, os datos "constatan o cambio de modelo na contratación" ao cumprirse un ano da aplicación completa da reforma laboral, que tivo un período de tres meses no que as empresas aínda podía seguir contratando baixo o esquema anterior. 

Máis do 38% dos contratos asinados en Galicia en marzo foron indefinidos; "os datos constatan o cambio de modelo na contratación", di o Ministerio de Traballo

En Galicia, dos case 58.000 contratos asinados en marzo, o 38,11% foron indefinidos, unha porcentaxe que no mesmo mes do pasado ano xa se incrementara considerablemente pero aínda non alcanzara o 30%.

Así, a contratación indefinida aumentou un 23,3% en Galicia respecto ao mes anterior e un 7,5% en comparación co mesmo período de hai un ano. No caso da temporal, o descenso respecto a hai doce meses foi doi 27,8%. 

Ademais, no que vai de ano asináronse no país máis de 155.000 contratos, sendo os indefinidos o 37,4%, quince puntos máis do que supoñían hai un ano, unha porcentaxe que no conxunto do Estado xa alcanza o 45,5%. 

No que vai de ano, asináronse en Galicia uns 155.000 contratos, o 37,4% deles indefinidos

No conxunto do Estado, dos máis de 1,3 millóns de contratos rexistrados, uns 616.000 (o 46,8%) foron indefinidos, un 19,8% máis que en marzo de 2022. Ademais, do total de contratacións indefinidas, 284.208 foron a tempo completo, 150.577 a tempo parcial e 180.909 fixos-descontinuos, unha modalidade esta última que representou o 29,4% do total, cun aumento do 70,6% respecto ao mesmo mes do pasado ano. 

Os fixos descontinuos supoñen o 4,2% do total de contratos en Galicia

Atendendo aos datos da Seguridade Social en Galicia, do conxunto de afiliados ao réxime xeral (máis de 788.000), uns 454.000 teñen contrato indefinido a tempo completo, 112.000 indefinido a tempo parcial e 33.307 son traballadores fixos descontinuos. 

Estes fixos descontinuos supoñen o 4,2% do total de contratos, logo de aumentar nun milleiro con respecto a febreiro e nuns 15.000 en comparación co mesmo mes do ano pasado. 

Respecto do paro rexistrado, descende en Galicia en marzo en todas as provincias agás en Ourense -cun leve aumento- e en todos os sectores agás no colectivo sen emprego anterior. Como sempre, a baixada das inscricións nas oficinas de emprego abrangue sobre todo ao sector servizos, cun descenso de 1.947. 

Ademais, en Galicia están rexistrados no desemprego 58.858 homes (1.181 menos que en febreiro) e 82.989 mulleres (-1064), polo que seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres. Respecto das idades, hai 6.039 persoas menores de 25 anos inscritas no Servizo Público de Emprego (+166) e 135 .08 maiores desa idade (-2411).

Por último, no pasado mes de febreiro cobraron algún tipo de prestación por desemprego 88.621 persoas: 41.395 prestacións contributivas e 47.226 subsidios.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.