O shock da paralización xeral da vida social e económica por mor da COVID e as restricións aplicadas polos gobernos para tentar frear os contaxios trouxo consigo unha distorsión sen precedentes no mercado laboral. Tras as bruscas subas do paro e pronunciadas diminucións do emprego durante o ano 2020, durante 2021 produciuse un rebote ao que en 2022 se engadiron outros factores como a vaga expansiva da guerra en Ucraína ou as mudanzas que trouxo consigo a reforma laboral.
O paro rexistrado aumentou no inicio de 2023 menos que na media estatal, pero o dato interanual de afiliacións á Seguridade Social, cunha suba do 0,86%, dá sinais de desaceleración
Este é o pano de fondo co que chegan os datos de paro rexistrado e de afiliación á Seguridade Social de xaneiro de 2023. A primeira foto fixa do mercado laboral neste ano apunta a que as inscricións nas oficinas de emprego aumentan e que o fan a un ritmo moi semellante ao dos últimos anos previos á pandemia, cando xa se daban por superados o groso dos efectos da crise económica da década anterior. En Galicia aumentaron en 2.826 ata quedar en 145.048.
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, estes valores de xaneiro supoñen un incremento da poboación rexistrada como parada do 1,99% en Galicia, unha suba menor á media estatal, que se situou no 2,49%. Nos anos previos á COVID, o dato galego de suba do paro en xaneiro xa viña oscilando entre o 2% e o 3%. En termos interanuais a diminución do paro rexistrado é clara: 8.784 inscricións menos que en xaneiro de 2021, aínda coas restricións moi presentes. Porcentualmente, implica unha caída interanual do 5,77% en Galicia, mentres que a mellora na media estatal é do 6,87%.
Mal dato de afiliación, pero mellor total que antes da COVID
No que atinxe á afiliación á Seguridade Social, a evolución neste xaneiro non pode considerarse positiva en Galicia, aínda que o total de poboación afiliada é superior á previa á pandemia. A afiliación media quedou en xaneiro en 1,03 millóns de persoas en Galicia, o que significa unhas 24.000 persoas máis que en xaneiro de 2020, o previo ao estourido da COVID, pero tamén 11.525 menos que en decembro, ao abeiro da campaña do Nadal.
Ese descenso mensual da afiliación do 1,11% está lixeiramente por riba da media estatal (-1,06%) e tamén é semellante a outros meses de xaneiro anteriores á pandemia. No entanto, a evolución interanual si dá sinais de desaceleración, como as que tamén se percibían na Enquisa de Poboación Activa do cuatro trimestre: en xaneiro había en Galicia 8.784 persoas afiliadas máis que doce meses antes, un incremento do 0,86% que, excluíndo os anos da pandemia, sería o menor dende 2015. No conxunto do Estado o avance interanual da afiliación foi do 2,31%.
Xunto a todos estes datos chegan tamén os de evolución no número de contratos laborais asinados, nos que segue sendo perceptible o efecto da reforma laboral. Durante o mes de xaneiro asináronse en Galicia 32.970 contratos temporais, o que supón un 44% menos que no mesmo mes de 2022. Mentres, a contratación indefinida é case un 60% superior á daquela, con 17.986 -incluíndo os temporais transformados en indefinidos-. Quedan atrás, non obstante, as cifras inusitadamente altas de contratos indefinidos que se rexistraron tras a entrada en vigor da reforma, con incrementos de ata o 300% interanual durante o pasado verán.