Galicia remata o ano con 13 mil postos de traballo máis pero amosa signos de estancamento na mellora do emprego

Imaxe dun polígono industrial galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os datos positivos no conxunto do ano quedan matizados por un cuarto trimestre no que o número de ocupados e ocupadas diminuíu en nove mil persoas

Galicia rematou 2022 con 1.104.500 persoas traballando, 13.200 máis que un ano antes, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre do pasado ano, que vén de ser publicada. A poboación en situación de desemprego quedou en 131.400 persoas, 3.700 menos que no remate de 2021 e a taxa de paro se sitúa no 10,63%, por debaixo do 11,01% de hai doce meses.

Aínda que os datos globais do conxunto do ano amosan unha recuperación do emprego e un descenso do paro, as cifras do cuarto trimestre indican unha desaceleración no ritmo de creación de postos de traballo e, de feito, o número de persoas ocupadas en Galicia diminuíu en nove mil persoas, un 0,83%. 

Esta evolución negativa no derradeiro trimestre do ano tamén se deu no conxunto do Estado, cunha perda de 81 mil postos de traballo, un 0,4% do total, o que amosa un comportamento mellor que o da economía galega. No cuarto trimeste, en cambio, a taxa de paro descendeu en Galicia do 10,8% ao 10,63%, fronte a un aumento no conxunto de España do 12,67% ao 12,87%.

A poboación en situación de desemprego quedou en 131.400 persoas, 3.700 menos que no remate de 2021 e a taxa de paro se sitúa no 10,63%, por debaixo do 11,01% de hai doce meses

En relación ao resto de territorios do Estado, os datos do cuarto trimestre deixan Galicia nunha posición intermedia, moi preto da media española tanto na evolución do número de persoas ocupadas en comparación co mesmo trimestre do ano anterior coma no que atinxe ao número de parados e paradas. En concreto, o número de persoas ocupadas aumentou un 1,21% en Galicia, algo por debaixo da media estatal (1,38%). E, de igual xeito, a cifra de persoas desepregadas descendeu un 2,74% en Galicia, unha diminución algo superior á media (2,57%). 

Os mellores datos de emprego neste 2022 corresponderon ás Illas Baleares, Canarias, A Rioxa, Comunidade Valenciana e Castela-León e os peores a Asturias, Aragón, Madrid e Castela-A Mancha.

No último ano a ocupación medrou no sector primario (pasou de 65.900 a 71.000 traballadores e traballadoras) e no sector servizos (de 780.700 a 800.500), mantívose estable na construción e decreceu de forma importante na industria, de 173.500 a 162.800

Nos últimos doce meses a taxa de paro en Galicia descendeu máis nas mulleres (do 12,23% ao 11,49%) que nos homes (do 9,89% ao 9,81%), aínda que o indicador feminino segue sendo moito máis elevado. De igual xeito, a mellora foi maior entre os mozos e mozas menores de 25 anos, cuxa taxa de paro caeu do 35,63% ao 30,37%, que entre as persoas de 25 a 54 anos, cunha taxa que mesmo aumentou (do 9,83% ao 10,13%). Entre os maiores de 55 anos a taxa de paro diminuíu de forma importante, do 10,18% ao 8,33%.

Os parados e paradas de longa duración (aquelas persoas que levan máis de dous anos sen emprego) descenderon de 39.700 a 36.400. E tamén o fixeron, de forma importante, as persoas que levan entre un e dous anos (de 28.500 a 17.500).

As persoas con contrato indefinido creceron en Galicia de 669.000 a 749.000 nos últimos doce meses, mentre as que o persoal con contrato temporal diminuíu de 215.000 a 149.000

No último ano a ocupación medrou no sector primario (pasou de 65.900 a 71.000 traballadores e traballadoras) e no sector servizos (de 780.700 a 800.500), mantívose estable na construción e decreceu de forma importante na industria, de 173.500 a 162.800.

A evolución nos últimos cinco anos amosa un crecemento sostido no sector servizos e un descenso continuado no emprego industrial, especialmente dende o último trimestre do ano 2019, cunha perda dende entón de máis de de vinte mil postos de traballo. O sector primario amosa un estancamento e a construción dá mostra de estar sufrindo un freo dende hai dous anos.

Un dos grandes cambios no mercado laboral ao longo do ano 2022 é o incremento do número de contratos indefinidos (e a consecuente diminución dos traballadores e traballadoras con contrato temporal) como consecuencia da aplicación da última reforma laboral. En concreto, as persoas con contrato indefinido creceron en Galicia de 669.000 a 749.000 nos últimos doce meses, mentre as que o persoal con contrato temporal diminuíu de 215.000 a 149.000.

O efecto positivo da reforma laboral foi saudado por UGT, que destacou que a súa aplicación "mellorou 
drasticamente a calidade do emprego" no último ano, sinalando que a taxa de temporalidade en Galicia se sitúa agora no 16,6%, 7,7 puntos porcentuais menos que hai un ano. Con todo, o sindicato advirte que para afondar nestas melloras cómpre "introducir cambios de calado nas Políticas Activas de Emprego". Así mesmo, advirte de que a parcialidade "segue a estar en niveis altos", do 14,3%, sendo o 46,9% da mesma de carácter involuntario.

Por parte da CIG, o seu secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, considera que aínda que a situación do paro en xeral “podemos dicir que ten unha tendencia positiva”, hai que ir ao fondo da cuestión e “ver como a taxa de actividade galega é a segunda máis baixa do Estado". Para Sío ese é o verdadeiro problema, “un problema estrutural demográfico e do mercado de traballo de Galiza, onde o envellecemento da poboación e a emigración das persoas máis preparadas que se ven obrigadas a marchar a outras zonas do Estado e a outros países”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.