O mercado laboral segue transitando por terreo en boa medida descoñecido. A saída das restricións para conter os contaxios da COVID e o consecuente rebote económico, a crise de subministros, a inflación e o seu empeoramento tras a invasión rusa da Ucraína e as sancións europeas a Rusia son elementos globais aos que se engaden mudanzas legais como a reforma laboral.
Nun mes que adoita traer consigo un aumento do desemprego, o paro rexistrado cae un 0,67% en Galicia e un 1,15% na media estatal
Este é só parte do contexto que cómpre ter en conta á hora de ler cifras como as do paro rexistrado feitas públicas este 2 de decembro, correspondentes ao pasado novembro. Trátase dun mes que adoita ser negativo en termos tanto de ocupación como de desemprego, pero desta volta ambos indicadores permaneceron en Galicia practicamente planos.
Así, as inscricións nas oficinas de emprego galegas descenderon nese mes en 962. É unha diminución do -0,67%, fronte ao -1,15% na media estatal. Isto implica que queden nun total de 42.758, o que supón 9.989 menos que hai un ano (isto é, un -6,54% interanual e na media do Estado, -9,47%). En termos absolutos, o rexistro do paro segue por baixo do que había antes da crise de 2008, como amosa o gráfico baixo estas liñas.
A comparación con anteriores meses de novembro dende 2008 tamén é elocuente. Naquel ano e nos catro seguintes, ata 2012, o paro rexistrado aumentou nese mes tanto en termos mensuais como interanuais e nos seguintes sete anos descendeu interanualmente, pero aumentou un chisco a respecto de outubro. Tras a suba de 2020 por mor da COVID e o rebote de 2021, este novembro de 2022 anota cifras practicamente planas, pero de lixeira melloría tanto a respecto a hai un mes como en relación a hai un ano.
Lixeirísima caída da afiliación á Seguridade Social
A situación é semellante no que atinxe á afiliación á Seguridade Social. Nese mes, a media de persoas afiliadas caeu en 1.093, o que supón un descenso do 0,10% mentres que o total estatal practicamente non se moveu -diminuíu en 155 persoas-. Así, o total de cotizantes mantense na contorna dos 1,05 millóns en Galicia, o que supón 12.110 máis que doce meses antes (+1,17% interanual e na media estatal, +2,69%).
A afiliación á Seguridade Social caeu un lixeiro -0,10% e os contratos indefinidos asinados son case un 80% máis que hai un ano
Todo isto sucede nun contexto no que os datos de contratación seguen amosando claros reflexos da reforma laboral. Durante o mes de novembro asináronse en Galicia 63.418 dos que 20.527 eran indefinidos -incluíndo nesta suma a conversión de 3.358 que eran temporais- e os restantes 42.891, temporais. O total de contratos indefinidos supón case un 80% máis dos asinados no mesmo mes do ano pasado, un incremento que é moi inferior ao de meses anteriores, nos que chegaran a aumentar na contorna do 300%, coa entrada en vigor da reforma laboral. Mentres, os contratos temporais seguen sendo arredor dun 40% menos que un ano antes.
Estes datos rexístranse nun contexto no que a conselleira de Promoción do Emprego, María Jesús Lorenzana, aplaude que Galicia pechase novembro coa "cifra de paro máis baixa en toda a serie histórica neste mes, no que baixou o desemprego tanto na evolución anual como mensual e aumentaron as afiliacións". "Galicia continúa na senda do descenso do paro" con datos "coherentes", porque diminúen as inscricións nas oficinas de emprego mentres "crecen" as afiliacións á Seguridade Social.
Feijóo e a dirección do PP desdeñan os datos do paro e descualifícanos como "maquillados" mentres a Xunta celebra que Galicia teña "a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica neste mes"
Mentres o Goberno galego do PP saúda os datos, a dirección dos populares que agora encabeza do ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teima en restar crédito aos datos do paro rexistrado e acusan o Goberno de España de "maquillalos", en verbas de Miguel Tellado, vicesecretario de organización do partido e senador en representación do Parlamento de Galicia.
Non é, non obstante, a primeira vez que Feijóo e a súa contorna poñen en cuestión os datos do paro. Xa sucedera, por exemplo, cando dende a presidencia da Xunta tivo que afrontar os maiores rexistros de desemprego en Galicia en toda a serie histórica no ano 2014. Así, daquela o que desdeñara fora a Enquisa de Poboación Activa (EPA), argumentando que "é evidente que as persoas demandantes de emprego non se obteñen dunha enquisa", senón "dos rexistros do paro", os mesmos que agora sinala como "maquillados".