O documento alerta de que a economía galega está a frear a súa actividade económica, cunha ralentización "significativa" no terceiro trimestre
O Foro Económico de Galicia presentou este martes o Informe de Conxuntura Socioeconómica IV/2022, un documento no que alerta de que a economía galega está a frear a súa actividade económica, cunha ralentización "significativa" no terceiro trimestre. Esta ralentización provoca que o PIB galego estea a medrar en termos interanuais case dous puntos menos que a media española, cun aumento do 2,5% respecto ao ano anterior, fronte ao 4,4% do conxunto do Estado. O incremento galego é semellante ao experimentado no conxunto da UE e lixeiramente superior ao da zona euro (2,3%).
O informe trimestral, elaborado polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez, Santiago Lago, José Francisco Armesto, coa coordinación do economista Fernando González Laxe, detalla que a evolución do PIB galego se explica cunha achega positiva da demanda externa (4,6 puntos) que contrasta coa demanda interna, que detrae 2,1 puntos.
O aumento do PIB en Galicia explícase polo comportamento da construción e -en menor medida- pola actividade do sector servizos. Pola contra, contráese a actividade produtiva no sector primario e industrial
Pola súa banda, a diferenza co dato do conxunto do Estado explícase polo feito de que o gasto en consumo final, tanto público como privado, se está a contraer en Galicia fronte ao incremento do gasto total final e privado en España, sendo a caída do gasto público significativamente superior. Así e todo, a economía galega está tan só tres décimas por baixo do nivel precrise, mentres que este diferencial se sitúa en 1,4 puntos no conxunto do Estado, debido a unha maior diminución do PIB estatal no ano 2020.
O aumento do PIB en Galicia explícase polo comportamento da construción e -en menor medida- pola actividade do sector servizos. Pola contra, contráese a actividade produtiva no sector primario e industrial. Comparado co cadro macroeconómico da economía española, as principais ramas de actividade presentan en España un mellor comportamento, destacando o crecemento industrial en contraposición á caída rexistrada no caso galego.
A creación de emprego é maior en España que en Galicia
No seu informe, o Foro Económico amosa tamén preocupación polo comportamento do mercado de traballo en Galicia, que "amosa unha moderación no seu dinamismo"
No seu informe, o Foro Económico amosa tamén preocupación polo comportamento do mercado de traballo en Galicia, que "amosa unha moderación no seu dinamismo". A creación de emprego é maior en España que en Galicia, que se mantén entre as comunidades autónomas con taxas de ocupación máis reducidas.
De feito, o emprego baixa na industria e no sector primario, nos autónomos e asalariados públicos e entre persoas con estudos secundarios e idades entre os 35 e 45 anos. En cambio, a creación de emprego centrouse nas mulleres, no sector da construción, asalariados do sector privado e persoas con estudos superiores e idades comprendidas entre os 45/54 anos.