No conxunto de España o desemprego caeu un 1,52% en decembro, máis do triplo que en Galicia, e un 8,64% en todo o 2022, case dous puntos máis que no noso país
O 2022 foi un bo ano para a creación de emprego, tamén en Galicia. No conxunto do ano o número de persoas na procura dun posto de traballo descendeu un 6,79%, unhas 10.362, ficando a cifra total en 142.222. Tamén en decembro se produciu unha leve mellora, diminuíndo o número de persoas desempregadas en 536 (-0,38%), segundo as cifras que este martes vén de publicar o Ministerio de Traballo.
Porén, os indicadores galegos deben ser postos en relación cos do conxunto do Estado, onde o descenso do paro foi máis importante ao longo do ano 2022 que vén de rematar, e tamén durante o mes de decembro. No conxunto de España o desemprego caeu un 1,52% en decembro, máis do triplo que en Galicia, e un 8,64% en todo o 2022, case dous puntos máis que no noso país.
Tamén a evolución dos datos de afiliacións á Seguridade Social é máis negativa en Galicia que no resto do Estado. En todo o ano 2022 a evolución foi positiva tanto en Galicia (0,92%) coma en España (2,38%), pero de novo os datos galegos son peores que a media
Tamén a evolución dos datos de afiliacións á Seguridade Social é máis negativa en Galicia que no resto do Estado. En decembro, de feito, a afiliación media descendeu no noso país un 0,51%, fronte a unha mellora do 0,06% no conxunto de España. En todo o ano 2022 a evolución foi positiva tanto en Galicia (0,92%) coma en España (2,38%), pero de novo os datos galegos son peores que a media.
O número total de traballadores e traballadoras en Galicia fica neste final de ano algo por riba do millón (1.042.263), cunha caída de cinco mil no último mes e un ascenso de algo máis de nove mil no conxunto do ano.
Decembro adoita ser en Gailcia un mes de alternancia de subas e descensos do número de persoas desempregadas. Os datos do conxunto do ano, co descenso do 6,79% na cifra de persoas na procura dun posto de traballo, amosa unha desaceleración no ritmo de diminución do desemprego, lonxe da caída do paro do 19,5% rexistrada no 2021. En Galicia, ademais, sitúase por debaixo da mellora do emprego que se producira entre os anos 2014 e 2018.
Por sectores, o mes de decembro produciuse un descenso do desemprego no sector servizos e no colectivo de persoas sen emprego anterior. En cambio, o paro aumentou en Galicia tanto no sector primario coma na industria e na construción.
Os datos de contratación seguen a reflectir os efectos positivos da última reforma laboral, que durante os últimos meses levou a un importante descenso da temporalidade. En decembro asináronse en Galicia 52.044 contratos, dos que 15.259 foron indefinidos e 36.785 temporais. Con respecto ao mes de decembro de 2021 o número de contratos indefinidos asinados en Galicia aumentou un 121%, mentres que os contratos temporais descenderon un 44%.
O número de contratos indefinidos asinados en Galicia aumentou un 121% con respecto ao mes de decembro de 2021, mentres que os contratos temporais descenderon un 44%
Esta mellora nas condicións contractuais está a beneficiar a traballadores e traballadoras de todas as idades, pero especialmente aos máis novos e novas, que é precisamente quen máis sofren a temporalidade no emprego. Hai un ano, a porcentaxe de mozos e mozas con traballo que contaban cun contrato indefinido era apenas do 35,25%. A última EPA eleva esa porcentaxe ata o 50,68%, máis de 15 puntos por riba. O cambio é máis notable canto máis novo é o grupo de traballadores e traballadoras. Entre os 25 e os 29 anos a porcentaxe medrou do 43,19% ao 57,97%. E entre os 16 e os 24 anos a proporción pasou de 20,66% ao 37,56%.
A CIG subliña que os datos do paro en Galicia "evidencian unha vez máis a febleza e os problemas estruturais que padece o mercado laboral galego, que continúa a expulsar persoas traballadoras"
A Xunta valorou efusivamente os datos de desemprego, destacando que os 142.222 demandantes de traballo rexistrados en decembro supoñen a cifra máis baixa de toda a serie histórica (dende 1996) para este mes. A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo en valor o descenso do paro en colectivos prioritarios como o de menores de 30 ou mulleres. Porén, obviou a realidade de que os indicadores galegos son peores que os do conxunto do Estado.
A valoración dos sindicatos foi moi distinta. A CIG subliña que os datos do paro en Galicia "evidencian unha vez máis a febleza e os problemas estruturais que padece o mercado laboral galego, que continúa a expulsar persoas traballadoras, con 5.345 afiliadas menos en decembro con respecto ao mes anterior".
CC.OO. pon o foco nos peores resultados laborais que presenta Galicia en relación co resto do Estado: "a explicación haberá que buscala nas eivas da nosa estrutura produtiva e nas políticas, ou na ausencia das mesma, aplicadas a nivel autonómico"
CC.OO. pon o foco nos peores resultados laborais que presenta Galicia en relación co resto do Estado. "Se unha mesma lexislación pon de manifesto unha evolución tan diferente dos indicadores laborais, a explicación haberá que buscala nas eivas da nosa estrutura produtiva e nas políticas, ou na ausencia das mesma, aplicadas a nivel autonómico", sinala neste senso Maica Bouza, secretaria de Emprego de CC.OO., que ademais destaca os "efectos positivos" da reforma laboral, que conseguiron triplicar no conxunto do ano 2022 o número de contratos indefinidos en Galicia.
Pola súa banda, UGT subliña igualmente "o récord na contratación indefinida nun mes de decembro", o 29,32% do total de contratos, un dato iso si dez puntos máis baixa que no conxunto do Estado. En decembro de 2021 a porcentaxe de contratación indefinida era do 9,46% no noso país.