A lista está encabezada por Quintela de Leirado (28,6%), que comparte as primeiras posicións con outros concellos ourensáns e do interior da provincia de Pontevedra
A taxa de paro en Galicia sitúase ao redor do 11% (10,8% na última EPA), algo por debaxo da media do Estado e con porcentaxes maiores para mulleres (11,8%) e poboación de menos de 25 anos (32,5%). Porén, hai tamén importantes diferenzas xeográficas no interior de Galicia, con concellos que presentan taxas de paro moi elevadas e outros nos que o pleno emprego é practicamente unha realidade, con cifras por debaixo do 7%.
Iso é o que amosan os dato do Censo correpondentes ao ano 2021 e que o INE publicou a pasada semana. Este traballo estatístico, que se actualiza cada dez anos cun volume de información moi importante e detallado, indica que en 39 concellos galegos máis do 20% da súa poboación activa se atopa en situación de desemprego). A lista está encabezada por Quintela de Leirado (28,6%), que comparte as primeiras posicións con outros concellos ourensáns (Vilardevós, Fornelos de Montes, Monterrei, Padrenda, Oímbra, Gomesende, Verín, Maside, Cualedro e Carballeda de Avia) e do interior da provincia de Pontevedra (A Lama, As Neves, Covelo, Mondariz...).
Hai 11 concellos por debaixo do 8% de paro, a maior parte no centro da provincia de Lugo
Os datos do censo amosan que ademais do sur de Ourense e do interior de Pontevedra, outras comarcas galegas destacan pola proporción de poboación desempregada. Por exemplo, un gran número de localidades de Bergantiños e a Costa da Morte roldan o 20% de parados e paradas: Dumbría, Camariñas, Laxe, Fisterra, Coristanco ou Carballo. Sucede o mesmo en Ferrolterra (a propia cidade de Ferrol supera o 20% e Cerdido ou Mugardos achéganse a esa porcentaxe), A Mariña (Ourol, Viveiro...), O Salnés (O Grove, Catoira, Vilagarcía...) e a Ribeira Sacra (Quiroga, Monforte, Parada de Sil...)
As zonas urbanas son as que contan cunha maior proporción de poboación activa, pero con porcentaxes que só superan o 50% en cinco localidades: Ames, Oroso, Cambre, Arteixo e Culleredo
En xeral, as zonas urbanas presentan taxas de paro superiores, aínda que só Ferrol supera o 20%, movéndose o resto entre o 12% de Compostela e o 16% de Vigo.
No outro extremo, hai 11 concellos por debaixo do 8% de paro, a maior parte no centro da provincia de Lugo. A Pastoriza e Meira son as localidades que presentan datos máis reducidos (5,38% e 6,39%), nunha lista na que seguen Dozón, Castroverde, Paradela, Portomarín, Vilasantar, Outeiro de Rei, Baleira e Pol.
Pola contra, hai 9 concellos nos que máis do 40% da poboación percibe unha pensión de xubilación
Os datos do Censo debuxan panoramas moi distintos en cada concello en relación á situación laboral dos seus habitantes. As zonas urbanas (cidades e concellos da súa contorna) son as que contan cunha maior proporción de poboación activa, pero con porcentaxes que só superan o 50% en cinco localidades: Ames, Oroso, Cambre, Arteixo e Culleredo. No outro extremo atopamos catro concellos onde menos do 30% da súa poboación é activa laboralmente, unha categoría da que quedan fóra os menores de idade e estudantes, pero sobre todo os e as pensionistas.
Neste senso, hai 9 concellos nos que máis do 40% da poboación percibe unha pensión de xubilación. San Xoán de Río e Calvos de Randín achéganse ao 50%.