O Foro Económico fai 50 propostas para reactivar o tecido produtivo de Galicia

Terminal de contedores do Porto de Vigo © www.marportactivities.com

O Foro Económico de Galicia vén de presentar un documento con 50 propostas para mellorar a economía do país. O texto é unha síntese dos nove traballos elaborados no 2014 por 30 economistas, empresarios e directivos galegos con distintos obxectivos: combater a crise demográfica, estudar o investimento en infraestruturas, a mellora do tráfico portuario galego, da construcción naval, do complexo alimentario terra e mar, do financiamento público de Galicia, ou o impulso da internacionalización da economía galega e a estratexia de marca país.

Os seus impulsores salientaron, ademais, que estas medidas de reactivación da economía galega non terían un custe engadido para as contas públicas. Na presentación do documento, este xoves, subliñaron tamén os graves efectos provocados pola crise e Santiago Lago sinalou, por exemplo, que o emprego perdido en Galicia durante a crise non se recuperará, cando menos, ata a vindeira década. Pola súa banda, o ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, pediu levar a cabo novas apostas, medidas imaxinativas e non aplicadas ata o de agora para mudar as tendencias económicas: "Hai que ter suficiente imaxinación para as políticas que son necesarias para Galicia".

Propoñen diversificar a internacionalización empresarial, incrementando a orientación exportadora das empresas fóra da Unión Europea

Os impulsores deste documento condensan as súas 50 propostas nun décalogo de aplicación nos vindeiros anos:

Piden que as terras de 1.600.000 propietarios de fincas rústicas sexan postas a disposición de ao redor de 35 mil explotacións agrarias a través da reactivación do Banco de Terras

  1. Aumentar en 1.400 compañías o número de empresas exportadoras (na actualidade son 6.100, en 2020 deberían ser 7.500). Diversificar a internacionalización empresarial, incrementando a orientación exportadora das empresas fóra da Unión Europea (con especial prioridade aos destinos de América Latina e dos países emerxentes) e ampliando os produtos e os sectores de actividade con presenza nos mercados internacionais.
  2. Crear estratexia internacional de Galicia como marca-­país e establecer unha Secretaría Xeral ou Consellería de Asuntos Internacionais que actúe como atalaia para a aplicación de diferentes propostas neste eido e evite disfuncións, solapamentos e diferenzas de criterio ao dotarse dunha harmonización e dirección política propia.
  3. Atraer 400 millóns de euros anuais de investimento estranxeiro ou retorno galego. Entre 2007 e 2014 o investimento estranxeiro en Galicia situouse nos 187 millóns de euros anuais.
  4. Incrementar a poboación moza nunhas 20.000 persoas, a través do fomento da natalidade. Reducir as saídas dos emigrantes galegos mozos que buscan as oportunidades fóra e facilitar o retorno de emigrantes e a implantación de proxectos empresariais e os investimentos dos galegos emigrados e dos seus descendentes, en Galicia.
  5. Aumentar nun 10% o número de escolas infantís en Galicia e crealas tamén en empresas grandes ou en polígonos industriais, con accesibilidade universal e tarifas non disuasorias.
  6. Septuplicar o actual Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) para Galicia. Na actualidade Galicia recibe 42.9 millóns de euros. A proposta é que se sitúen nos 300 millóns de euros anuais. O obxectivo é converter o fondo nun instrumento de desenvolvemento que impulse a converxencia interrexional e compense a perda de importancia que, a partir de 2014, terán os fondos europeos.
  7. Establecer a obriga legal (regulada polo Parlamento) de realizar análises rigorosas, independentes e transparentes de custe-beneficio para proxectos de infraestruturas que superen un determinado importe que se fixaría de partida nun límite de máis de 5 millóns de euros.
  8. Concentración da explotación da terra. Proponse a reactivación dun instrumento xa creado, o Banco de Terras, como mecanismo para impulsar a mobilidade para lograr que as terras de 1.600.000 propietarios de fincas rústicas sexan postas a disposición de ao redor de 35 mil explotacións agrarias.
  9. Portos con servizo porta a porta, dominando todo o percorrido da mercancía, actuando conxuntamente coas empresas líderes na súa área de influencia e asociándose a operadores loxísticos internacionais.
  10. Estaleiros especializados en buques máis sofisticados. Co obxectivo de impulsar a mellora da competitividade e o crecemento das empresas da industria naval galega no marco dun mercado globalizado e con grande intensidade competitiva fomentando a especialización de actividades e a xeración de maior valor engadido e emprego.
Encabezamento do informe © Foro Económico de Galicia
Terminal de contedores do Porto de Vigo © www.marportactivities.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.