O Foro Económico reclama servizos públicos e unha reordenación do solo para un "rural viable"

© Foro Económico de Galicia

O Foro Económico de Galicia presentou esta semana o documento Unha estratexia para a Galicia rural do século XXI, coordinado por Edelmiro López Iglesias e María do Mar Pérez Fra (docentes da USC) a partir dunha serie de debates que tiveron lugar o pasado ano en Ribadavia. O texto parte da análise da realidade actual do rural galego, despois de décadas de despoboamento e envellecemento, produto da concentración da poboación e a actividade económica nas zonas urbanas. "Partindo desa realidade, unha estratexia para a Galicia rural do século XXI require un cambio de enfoque ou paradigma, tentando abandonar a mirada ao pasado cara unha perspectiva de futuro onde se configure un novo rural adaptado á realidade actual da sociedade galega", destacan, engadindo que "necesitamos abandonar a mirada continua ao pasado e a permanente melancolía, que vén presidindo os debates e as políticas públicas nas décadas recentes, o que levou a centrarse en medidas defensivas, dirixidas a frear a crise do medio rural tradicional ou a amortecer as súas consecuencias".

 

Un rural desagrarizado

"Necesitamos abandonar a mirada continua ao pasado e a permanente melancolía, o que levou a centrarse en medidas defensivas, dirixidas a frear a crise do medio rural tradicional ou a amortecer as súas consecuencias"

En 1950 o 80% da poboación galega vivía no medio rural e máis do 70% da poboación ocupada total tiña a súa actividade exclusiva ou principal no sector agrario. Nunhas poucas xeracións esa realidade cambiou por completo: as 827.000 persoas que traballaban no agro en 1950 eran 415.000 en 1985 e hoxe son apenas 45.600, un 4,5% do total, porcentaxe semellante á existente na maior parte dos países da UE, coa diferenza de que Galicia levou a cabo en 60 anos a transformación que noutros lugares tardou o dobre ou máis. Hoxe os concellos rurais suman apenas o 27% da poboación co 80% de superficie e, ademais, neles a actividade agraria ocupa a menos dunha cuarta parte dos e das traballadoras.

López e Pérez subliñan tamén "o limitado desenvolvemento da industria agroalimentaria e doutras ramas industriais e de servizos"

No século XX, "o sistema agrario, perfeccionado ao longo da época contemporánea, permitía un aproveitamento racional dos recursos do agro galego, e un aproveitamento tamén, nos termos actuais, sustentable desde o punto de vista ambiental. Pero tiña unha limitación fundamental: ofrecía uns baixísimos niveis de produtividade e renda por traballador", destaca o informe. López e Pérez subliñan tamén "o limitado desenvolvemento da industria agroalimentaria e doutras ramas industriais e de servizos. O que provocou que a contracción da man de obra agraria só fora compensada en pequena medida pola xeración de postos de traballo noutras actividades".

O documento destaca que "a estrutura demográfica e socioeconómica das áreas rurais tendeu a facerse nas décadas recentes cada vez máis desigual, en función de factores endóxenos e da capacidade para inserirse nos mercados globais" e subliña "a relevancia crecente dos fluxos de mobilidade diaria entre o lugar de residencia e o de traballo; que está levando á conversión de moitas áreas rurais, ubicadas na proximidade das cidades ou de cabeceiras comarcais, en espazos cunha función esencialmente residencial". Os autores chaman a atención, finalmente,  sobre as "enormes deficiencias no acceso aos servizos básicos para a poboación e as empresas (sanidade, educación, atención á infancia e á poboación dependente, acceso ás TIC, ...)" nas zonas rurais de Galicia, cunha grande importancia sobre os procesos de despoboamento e sobre as dificultades para establecer unha actividade económica dinámica e produtiva.

 

Orientacións de futuro

Reclaman "establecer un novo equilibrio entre os propietarios e os usuarios das terras, priorizando o adecuado aproveitamento das superficies frente aos dereitos de propiedade"

Partindo desta análise, o documento formula unha serie de "orientacións" de futuro. A primeira delas é que "o medio rural non pode apoiarse só na agricultura, pero require unha base agroalimentaria e forestal sólida", destacando a importancia da transformación dos produtos alimentarios para a "diversificación da base económica dos territorios rurais" e lembrando que "alén do seu papel produtivo, as actividades agrarias e forestais son esenciais para a xestión do territorio e o mantemento do medio natural".

Neste senso apostan por unha "transformación da economía rural" para a que cren "esencial" a ordenación dos usos do solo. Unha ordenación "que impulse as complementariedades e regule os conflitos cada vez maiores que van existir entre diferentes actividades e usos do territorio incorporando tamén unha adecuada delimitación e mecanismos de apoio aos espazos naturais protexidos". Neste senso, reclaman "establecer un novo equilibrio entre os propietarios e os usuarios das terras, priorizando o adecuado aproveitamento das superficies frente aos dereitos de propiedade", impulsando "de modo decidido a mobilización produtiva das superficies".

Este novo medio rural, para ser viable, ten que lle "ofrecer á poboación rural unhas oportunidades laborais, uns niveis de renda e un acceso aos servizos equiparables aos das áreas urbanas"

Conclúen, igualmente, que "este novo medio rural, para ser viable, ten que lle "ofrecer á poboación rural unhas oportunidades laborais, uns niveis de renda e un acceso aos servizos equiparables aos das áreas urbanas; en suma, unha igualdade real de oportunidades". A consolidación dun “rural posible” esixe, segundo Edelmiro López e Maria do Mar Pérez, "favorecer o reforzamento das cabeceiras comarcais e municipais, de núcleos intermedios que operen como soporte do espazo rural próximo". "O que deberá acompañarse dunha rede de transporte público que facilite a mobilidade da poboación e o seu acceso a eses núcleos", engaden.

"A organización dos servizos, o deseño das infraestruturas e tamén a ordenación dos usos do solo e da localización das actividades económicas deben facerse a unha escala superior aos actuais concellos"

"Esa organización territorial ten que sustentarse nun modelo de goberno e xestión adaptado ao medio rural do século XXI, que é moi diferente do de mediados
do século XIX", destacan. "Á marxe da forma concreta en que iso se plasme na estrutura administrativa (novo mapa municipal ou ben mancomunación obrigatoria de servizos nun proceso de comarcalización real)", din, o relevante é "o criterio de fondo: a organización dos servizos, o deseño das infraestruturas e tamén a ordenación dos usos do solo e da localización das actividades económicas deben facerse a unha escala superior aos actuais concellos".

 

© Foro Económico de Galicia
Presentación do documento, esta semana. No centro, Edelmiro López © Foro Económico de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.