O Foro Económico de Galicia publicou este martes un novo Informe de Conxuntura, que alén de constatar que a economía galega segue crecendo a bo ritmo (3%), aínda que por debaixo da media do conxunto de España (3,2%), alerta das dificultades da nosa comunidade autónoma para crear emprego. Dende 2008 Galicia só recuperou 1,6 dos 18,5 puntos de emprego perdidos, fronte aos seis recuperados polo conxunto de España.
Dende 2008 Galicia só recuperou 1,6 dos 18,5 puntos de emprego perdidos, fronte aos seis recuperados polo conxunto de España
O documento destaca na súas conclusións que "o balance global da economía galega no segundo trimestre do ano pode cualificarse como positivo atendendo á evolución da actividade produtiva e do mercado laboral". Porén, subliña que "a capacidade de recuperación da economía galega segue sendo sensiblemente inferior á rexistrada no conxunto do Estado. No período de recuperación económica, Galicia só foi quen de recuperar 5,4 puntos de PIB dos 8,2 perdidos ao longo do período de crise, fronte aos 7,1 puntos recuperados no conxunto do Estado (8,6 perdidos)".
O Foro engade que "este diferencial é máis acusado no eido de emprego (postos de traballo equivalente a tempo completo), o que indica as dificultades de Galicia para xerar emprego neto". O documento alerta de que "persiste a paulatina caída da poboación activa, especialmente de xente nova", e tamén chama a atención sobre o "elevado peso relativo do paro de longa duración, que supera o 60% no último trimestre". Así mesmo, resalta como "nota preocupante" a "ralentización experimentada tanto no proceso de creación de emprego como na redución do paro".
O documento alerta de que "persiste a paulatina caída da poboación activa, especialmente de xente nova", e tamén chama a atención sobre o "elevado peso relativo do paro de longa duración, que supera o 60% no último trimestre"
O Foro publicou tamén unha análise realizada por Xosé Carlos Arias sobre o impacto económico do Brexit, na que sinala que non se producirá "unha conmoción económica" coa saída do Reino Unido da Unión Europea e que o efecto sobre a economía galega "será moi limitado".
Na rolda de prensa na que se presentaron estas dúas análises, Fernando González Laxe, coordinador do Informe de Conxuntura, pediulle "altura de miras e grandeza de miras" ao PSOE para deixar gobernar ao PP. "Non se pode estar máis tempo sen Goberno", engadiu.