O Tribunal Superior condena a Consellería de Emprego e Igualdade porque “a ela correspondía, dada a súa posición de privilexio nas súas relacións co cidadán, velar polo cumprimento deste tipo de formalidades”
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de emitir cando menos dúas sentenzas distintas que condenan a Consellería de Emprego e Igualdade a entregar a cando menos dúas mulleres paradas que querían emprender no rural as axudas de 3.000 euros a que tiñan dereito e que lles denegou por non revisar a tempo as súas solicitudes.
As afectadas certificaran que os seus negocios eran viables dun xeito distinto a como pedía a Xunta, e posteriormente elas mesmas completaron a documentación, pero para daquela xa se esgotaran os cartos das axudas, que se entregaban ás solicitudes máis rápidas. Porén, o tribunal di que era á consellería a quen “correspondía, dada a súa posición de privilexio nas súas relacións co cidadán, velar polo cumprimento deste tipo de formalidades”.
O relato dos feitos que fan as sentenzas agora feitas públicas polo TSXG, con datas do 20 e do 24 de marzo, son similares. As dúas mulleres solicitaron axudas da Xunta á promoción do emprego autónomo que primaban as súas condicións de desempregadas en concellos rurais, pero que o Goberno galego reparte co procedemento de concorrencia non competitiva, isto é, a quen lle presente as solicitudes máis rápido.
O tribunal di que se a Xunta revisase as solicitudes das mulleres como ela mesma se obrigara a facer detectaría que lles faltaba un documento e as afectadas poderían achegalo a tempo para ter acceso a unhas axudas que se repartían a quen as pedise antes
A convocatoria das axudas establecía que as solicitantes debían entregar unha “declaración responsable de que se posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda”. Pero en lugar desa declaración responsable asinada por elas mesmas as mulleres entregaron inicialmente informes técnicos asinados por economistas colexiados que certificaron que os negocios que querían emprender as dúas eran viables. Foi tres meses despois cando entregaron declaracións responsables asinadas por elas mesmas, ante o que a Xunta considerou nese momento que a súa solicitude inicial estaba incompleta. Así que a consellería pasou a establecer como data de presentación das solicitudes a segunda, cando xa se esgotaran todos os cartos, e denegoulles as axudas.
As afectadas presentaron senllos recursos administrativos que foron denegados novamente pola Xunta, e acabaron acudindo á xustiza. E o que di agora o TSXG é que a declaración responsable persoal que esixía a Xunta non podía ser suplida polo informe de viabilidade asinado por un experto que presentaran. Así que efectivamente as mulleres presentaran inicialmente as súas solicitudes incompletas e só máis tarde as completaron coas súas declaracións responsables. Pero o tribunal di que “a Administración tiña a obriga de requirir o citado documento e non o fixo”.
As sentenzas do TSXG lembran que a propia convocatoria das axudas establecía o procedemento polo que o departamento encargado de tramitalas debía comprobar “se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos esixidos” e “no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto [na lei de Procedemento Administrativo], requirirán á persoa interesada para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta”.
O tribunal conclúe que “polo tanto, quen incumpre a norma é a Administración e non a demandante, pois é a ela á que lle correspondía -dada a súa condición de privilexio nas súas relacións co cidadán- velar polo cumprimento deste tipo de formalidades e non actuar como o fixo, pois non só non require, senón que, incluso cando a demandante subsana o defecto, entende que está mellorando a súa solicitude e atrasa o día de presentación da solicitude a esa data, producíndose como consecuencia o esgotamento do crédito e a perda da axuda para a mesma”.
Pero se a Xunta revisase como debía a documentación inicial e advertise ás mulleres dentro do prazo legal que tiña para facelo, estas podían emendar o seu erro antes de que se esgotasen os cartos, engade o TSXG. Así que as sentenzas estiman os recursos das afectadas e condenan a Consellería de Emprego e Igualdade a entregar a cada unha os 3.000 euros a que teñen dereito.
“Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións que os tribunais veñen dirixindo ao Goberno galego no eido do emprego autónomo "que tanto pregoa"
A sentenza agora coñecida é unha máis das diversas que veñen condenando o Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións ligadas co emprego a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións coas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galego uns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa” a Xunta.
Un rigor formalista co que o Goberno galego deixou por exemplo sen axuda a un autónomo porque fixo un ingreso nun banco e non unha transferencia ou denegou unha subvención a unha autónoma que xa tiña outra sen deixarlle elixir entre as dúas.