O Goberno galego fai público o tempo que tardaron en esgotarse os 7,5 millóns de euros repartidos hai un ano noutra convocatoria máis por concorrencia non competitiva, nas que os cartos se reparten por orde de solicitude
Hai un ano, en xaneiro de 2022, a Xunta abriu o prazo de solicitude das axudas denominadas “bono das persoas autónomas” e como en moitas outras subvencións estableceu como sistema de reparto a concorrencia non competitiva, isto é, repartiría 7,5 millóns de euros por orde de recepción das peticións que cumprisen os requisitos. Eran unhas axudas nas que se estableceu un reparto por provincias en función da porcentaxe total de persoas autónomas que ten cada unha sobre o total de Galicia, e este luns a Xunta fixo público no Diario Oficial de Galicia canto tardou en considerar esgotados os cartos previstos para cada territorio. En Lugo foron 53 minutos, en Ourense 9 horas e 34 minutos, na Coruña 15 horas e 27 minutos e en Pontevedra tardaron catro días en esgotarse.
O reparto de axudas por concorrencia non competitiva, ou o que é o mesmo por orde de recepción das solicitudes que cumpren cos requisitos xerais, é unha práctica que a Xunta vén reiterando nos últimos tempos. Ademais, o habitual é que estableza o inicio do prazo de solicitude ao día seguinte da publicación no DOG da convocatoria, o que supón que ese tempo comeza na seguinte medianoite, ás cero horas do día seguinte -nun caso recente, de axudas contra o ‘feísmo’, fixou a medianoite para os particulares e o mediodía seguinte para os concellos-.
No caso agora publicado no DOG, a Xunta si estableceu un mínimo reparto das axudas, de ata 3.000 euros por beneficiario, en función da porcentaxe de autónomos en cada provincia: o 40% na Coruña, o 15% en Lugo, o 11% en Ourense e o 34% en Pontevedra. E fixou o inicio do prazo de presentación para dúas semanas despois da publicación da convocatoria, o 14 de xaneiro, ás cero horas. Así, segundo desvela agora, os 3 millóns de euros consignados para A Coruña quedaron esgotados ás 15.27 horas dese día, os 1.125.000 euros de Lugo ás 00.53 horas, os 825.000 euros de Ourense ás 9.34 horas e os 2.550.000 euros de Pontevedra ás 14.50 horas do 18 de xaneiro, catro días e medio máis tarde.
Unhas axudas para autónomos máis xerais convocadas hai un mes colapsaron a sede electrónica da Xunta, única vía de solicitude
O momento en que se esgotaron estas axudas é feito público, como obriga a norma, máis dun ano despois, cando aínda non se coñece o resultado da convocatoria máis xeral de subvencións para autónomos convocada polo Goberno galego o pasado 9 de xaneiro e que colapsou a sede electrónica da Xunta, única vía de presentación das solicitudes.