A decisión do Goberno galego de entregar unhas axudas por orde de recepción das solicitudes ata esgotar os cartos, o que se produciu este ano en só 9 minutos e en 2018 en 12 minutos, pon en valor o esforzo de edís e funcionarios especialmente implicados coas súas vilas
Uxía Lemus é concelleira de urbanismo do PSdeG no Concello de Teo. Na noite do pasado luns 8 de marzo non foi durmir ata ben entrado xa o martes. Ás cero horas do día 9 estaba diante dun ordenador nas oficinas municipais porque nese momento a Consellería de Medio Ambiente que dirixe Ángeles Vázquez abría o prazo de solicitude dunha subvención para obras municipais co criterio de que as outorgaría por orde de entrada das peticións. O mesmo fixo por iniciativa propia a secretaria municipal no Concello de Barreiros. E outros varios funcionarios e funcionarias ou concelleiros e concelleiras, dun ou doutro partido, tan implicados coas súas vilas como para traballar a esas horas sen saber se o esforzo terá premio. Porque só os 39 máis rápidos o lograron. 9 minutos e 43 segundos despois da medianoite esgotáronse os 2,3 millóns de euros dispoñibles e as solicitudes que se presentaron a partir dese momento quedaron sen nada.
Xa en 2018, con Beatriz Mato á fronte da consellería, estas mesmas axudas foron convocadas co mesmo procedemento, anunciadas no Diario Oficial de Galicia un día determinado sen previo aviso e fixando a apertura do prazo de solicitude para a seguinte medianoite. Un procedemento similar ao do bono turístico que hai dúas semanas colapsou a sede electrónica da Xunta ao tramitarse por orde de recepción das solicitudes e esgotarse en só medio día, no seu caso por ser contías máis pequenas, de entre 150 e 300 euros. No caso das axudas a concellos o procedemento é semellante coa diferenza de que son contías moito máis grandes e o mecanismo prexudica ou beneficia non a particulares individuais senón a unha colectividade de cidadáns a través dos seus concellos.
Tras saír a convocatoria no DOG, nunhas poucas horas hai que preparar a documentación técnica xustificativa dos proxectos para os que se quere a subvención e, en canto soen as doce badaladas, cubrir rápido os formularios da sede electrónica da Xunta e rezar para que non falle a conexión de internet cando están subindo á rede os documentos. Hai tres anos as subvencións esgotáronse en algo máis de tempo, talvez porque o prazo comezou na medianoite dun sábado: 12 minutos e 18 segundos nos que resultaron agraciados 15 concellos do PP e catro doutras formacións. Entre eles estaba tamén o Concello de Teo, como agora, grazas igualmente a Uxía Lemus.
"Había toque de queda e tiven que pedir un xustificante para vir ao concello a medianoite porque non me fiaba de que na casa fallase algo", lembra Uxía Lemus, concelleira do PSdeG en Teo que logrou para o seu concello unha das axudas
“Riste pero é unha barbaridade, non pode ser así, que criterios son eses?”, láiase a concelleira socialista de Teo, que di que no seu caso ten a vantaxe de ser tamén funcionaria de urbanismo no Concello de Oroso e estar familiarizada cos procedementos. “Había toque de queda, pero non me podía fiar de que na miña casa fallase algo así que vin ao Concello para facelo desde un ordenador de aquí pedindo antes un papel para xustificalo como desprazamento laboral por se acaso me paraban”, lembra, salientando que en todo caso a súa principal preocupación era que a documentación dixital non pesase moito e non caese internet mentres a estaba a subir á sede dixital da Xunta. No seu caso, o alcalde, Rafa Sisto, de Son de Teo, eloxia o esforzo da súa socia de goberno socialista. “Non lle imos pedir a un funcionario que faga iso a esas horas”, salienta.
O mesmo pensa Ana Ermida, alcaldesa do BNG no Concello de Barreiros. Ela tampouco lle pensaba pedir a ningún funcionario que traballase a esas horas. Foi a propia secretaria municipal, “que ten un compromiso forte co Concello, salienta a rexedora, a que decidiu facelo pola súa conta”. “Non pensei que fora solicitalo ás doce da noite, pensei que o faría ao día seguinte pola mañá, a min non se me ocorrería pedirllo, paréceme inhumano que un funcionario teña que estar no ordenador a esa hora”, di sobre a súa funcionaria a rexedora de Barreiros, quen é consciente de que se a secretaria o deixase para a mañá seguinte perderían a subvención.
En Barreiros foi a secretaria municipal a que por iniciativa propia decidiu poñerse diante do ordenador ás doce da noite mentres varios rexedores amosan o seu malestar polo procedemento: “Non lle imos pedir a un funcionario que faga iso a esas horas”
Tanto Ermida como Lemus critican que a Xunta obrigue a eses esforzos horarios persoais cando noutras axudas igualmente por concorrencia non competitiva nas que as subvencións se entregan por orde de chegada polo menos se fixa o inicio do prazo dentro dun horario ‘laborable’. Así se pode comprobar, por exemplo, nunhas axudas para paneis de enerxía fotovoltaica convocadas mes e medio antes. Non só se anunciaron no DOG varias semanas antes de que se abrise o prazo senón que este se fixou para as 9.00 horas dun mércores laborable. “Segue sendo inxusto, pero polo menos é un horario máis racional”, sinala Lemus. Pola contra, as axudas de Medio Ambiente para infraestruturas municipais de 2018 se anunciaran no DOG un venres fixando a apertura do prazo na seguinte medianoite do sábado.
Os responsables municipais consultados sobre estes procedementos da Xunta poñen o foco na inxustiza de que a rapidez sexa o principal criterio, sen ter en conta a calidade ou utilidade dos proxectos a subvencionar, que van desde obras de humanización na parroquia de San Cosme de Barreiros ata os aseos do campo de fútbol de Cacheiras en Teo. “Tes que ter xa redactado algún proxecto de obras que no momento en que saia a convocatoria poidas adaptar rapidamente nun par de horas para presentalo como subvencionable”, sinala un responsable municipal consultado. “E intentar que a documentación non pese moito para que vaia rápido por internet”, engade.
“Nos días previos xa vas vendo a alcaldes do PP en entrevistas en medios locais que presumen de que van presentar tal ou cal obra a unhas axudas da Xunta e xa vas preparando a documentación"
En 2018 a oposición coincidiu en sospeitar que a Xunta avisara a concellos populares interesados para que puidesen ir preparando a documentación antes de que se abrise a convocatoria oficial, o que derivaría en que 15 dos 19 agraciados naquel ano fosen do PP. Ao ano seguinte, con eleccións municipais, a Xunta ampliou a partida que inicialmente destinara a estas axudas xusto tres semanas antes dos comicios. En 2020 non se convocaron e este ano reduciuse a contía máxima subvencionable de cada proxecto a uns 67.000 euros, o que fixo que se repartisen máis axudas e os concellos destinatarios presenten unha maior pluralidade política.
Ademais, unha das persoas consultadas apunta outro truco. “Nos días previos xa vas vendo a alcaldes do PP en entrevistas en medios locais que presumen de que van presentar tal ou cal obra a unhas axudas da Xunta e xa intúes que as van convocar pronto e vas preparando a documentación”. Despois, hai que ser áxil co rato e o teclado. Ou iso, ou ter boa relación directa coa consellería correspondente e lograr que asine un convenio específico co que facer que as obras en cuestión xa non teñan que depender dunha convocatoria coa concorrencia aberta a outros competidores.