Os 4 millóns en axudas que a Xunta repartiu en 12 minutos foron a 15 concellos do PP e 4 doutros partidos

Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente, e outros membros do seu departamento © Xunta

O sábado 4 maio, entre a medianoite e as 0:12 horas, en só 12 minutos, a Xunta outorgou 4,3 millóns de euros en axudas a concellos para obras de mellora de infraestruturas e equipamentos. A oposición coincidiu daquela en sospeitar que os tempos cos que se xestionaron as subvencións, entregadas por orde de entrada das peticións ata que se esgotaron os cartos, suporía que só concellos do PP avisados previamente poderían acceder a elas. Agora sábese o resultado: dos 19 concellos agraciados, 15 están gobernados polo PP e 4 por outras formacións. O feito de que haxa concellos doutros partidos proba que non era imposible que accedesen a elas. Porén, para a oposición o resultado ratifica as súas sospeitas de favoritismo por parte da Xunta e, en todo caso, que a orde cronolóxica de recepción das solicitudes non debe ser o criterio para outorgar axudas.

En Marea pide ao Goberno galego que desbote como criterio para entregar subvencións a orde cronolóxica de entrada das solicitudes e o PSdeG quere que o Consello de Contas fiscalice esa convocatoria

O venres 4 de maio a Xunta anunciou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria da liña de axudas, cuxo criterio de reparto era que as recibirían os primeiros que as solicitasen: “as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible”. Tamén se indicaba que as solicitudes só podían presentarse a través da sede electrónica da Xunta cun prazo que comezaría a contar “a partir do día seguinte ao da publicación” desa mesma convocatoria, isto é, das cero horas do sábado día 5 de xullo. O 13 de xullo o Goberno galego informou novamente a través do DOG de que daba por esgotada a contía total das axudas e indicaba que “a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia na data do 5 de maio de 2018, ás 00.12.18 horas”. Isto é, 12 minutos e 18 segundos despois de abrirse o prazo de solicitude, na madrugada dun sábado e malia que a solicitude debía ir acompañada de diversos certificados e declaracións oficiais.

O prazo de presentación de solicitudes abriuse na medianoite dun venres a un sábado e uns minutos despois xa se esgotaran os cartos dispoñibles

Para pedir as axudas había que contar co proxecto xa elaborado das obras que se pretendían acometer con eses cartos. Isto é, non todos os concellos de Galicia tiñan por que precisar eses cartos  polo que non se pode establecer unha comparación directa do reparto de forzas políticas entre os concellos que recibiron as subvencións co reparto xeral de forzas políticas no conxunto dos 313 concellos de Galicia. Ademais, habería que saber que concellos tentaron solicitar a axuda pero non chegaron a poder facelo por facelo demasiado tarde ou por non funcionar os sistemas informáticos, como tamén denunciou o PSdeG. En todo caso, o resultado final é que obtiveron a subvención 15 concellos do PP: Ordes, Mondoñedo, A Veiga, Sanxenxo, Cortegada, Begonte, Cabana de Bergantiños, Piñor, Leiro, Portomarín, O Vicedo, Cervo, O Rosal, Rubiá e Esgos. Os outros catro concellos foron os dous gobernados polos socialistas de Trabada e Ponte Caldelas, Teo (Anova) e Vilar de Santos (Compromiso por Galicia).

En Marea pide que a Xunta volva iniciar o proceso e dispoña máis cartos e o PSdeG insiste na denuncia de favoritismo ao PP

Con independencia de que finalmente si houbo concellos non gobernados polo PP que puideron presentar as súas peticións e conseguir as axudas, a oposición pon o foco na necesidade de mudar os criterios para a súa concesión. Desde En Marea o seu vicevoceiro, Antón Sánchez, reclama que a Xunta “mude o réxime de concorrencia non competitiva, segundo o cal os fondos se reparten segundo a orde de entrada das solicitudes, polo de concorrencia competitiva”, no que se analicen outros criterios do destino final ao que irán destinados finamente eses cartos. Sobre esta convocatoria concreta de axudas, En Marea pide que a Xunta volva iniciar o proceso e dispoña máis cartos. Pola súa banda, o PSdeG, que insiste na denuncia de favoritismo ao PP, quere que o Consello de Contas fiscalice o xeito en que se outorgaron estas axudas.

Diario Oficial de Galicia no que se indica que as axudas se esgotaron aos 12 minutos de abrirse a súa convocatoria un sábado CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.