Nova carreira en internet para obter axudas da Xunta contra o 'feísmo': a medianoite para particulares, a mediodía para concellos

A conselleira de Medio Ambiente e outros cargos, na presentación para a prensa sobre as axudas da Xunta ao feísmo, o pasado 13 de xaneiro de 2023 en Cospeito CC-BY-SA Xunta

O pasado 9 de xaneiro, colapsou a sede electrónica da Xunta. A razón foi a avalancha de solicitudes das axudas a profesionais autónomos, pagamentos de ata 1.500 euros para compensar a inflación que o Goberno galego repartiu por orde de chegada das peticións nun prazo aberto a medianoite, isto é, polo denominado procedemento de concorrencia non competitiva, no que os subsidios se distribúen ata esgotar o crédito entre todas as persoas ou entidades que cumpren certos requisitos.

Tras o aviso no DOG o día previo, a apertura do prazo quedou fixada ás 00:00 deste 18 de xaneiro para persoas físicas e doce horas despois, para concellos

Este controvertido procedemento, concibido no seu momento para supostos excepcionais, permite ao Goberno executar fondos públicos para axudas coma estas cunha carga burocrática moito menor xa que, por exemplo, reduce ao mínimo o exame das solicitudes. Unha das consellerías que máis o utiliza é a de Medio Ambiente, que este 18 de xaneiro convocou unha nova carreira por internet para acceder a axudas contra o feísmo nas construcións: o seu inicio quedou fixado para as 00:00 deste 18 de xaneiro na liña de axudas dirixidas a particulares e para o mediodía da mesma xornada no caso dos concellos, como o ano pasado.

Área da sede electrónica da Xunta para a solicitude das axudas contra o feísmo para particulares, nunha consulta realizada na mañá deste 18 de xaneiro CC-BY-SA Praza.gal

Como tamén sucedera noutras ocasións, o departamento que dirixe a conselleira Ángeles Vázquez non avisou oficialmente no Diario Oficial de Galicia sobre apertura do prazo para solicitar estas axudas, canalizadas a través do Instituto de Estudos do Territorio, ata o día previo. Si organizou unha presentación para os medios en Cospeito uns días antes, o pasado 13 de xaneiro. As resolucións, non obstante, foron redactadas o pasado 21 de novembro, segundo consta nas correspondentes publicacións no DOG tanto para persoas físicas como para gobernos locais. O prazo esténdese ata febreiro, pero a efectos prácticos finaliza cando os cargos quedan esgotados.

A Consellería de Medio Ambiente volve optar polo procedemento de concorrencia non competitiva para distribuír as súas axudas para corrección de impactos paisaxísticos, que desta volta suman 2 millóns, polo que a velocidade na tramitación segue a ser o criterio determinante para logralas

O importe reservado polo Goberno galego para estes subsidios suma un total de 2 millóns de euros, un millón para cada orde. No caso dos municipios, os subsidios para "corrección de impactos paisaxísticos" constan de dúas liñas: unha para obras en "equipamentos municipais de tipo sanitario-asistencial, educativo, cultural ou administrativo-institucional" e outra para "fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos". En ambos casos, a Xunta cobre ata o 70% do investimento cun límite de 20.000 euros por concello e liña (40.000 en total).

A orde de axudas para particulares cobre obras de restauración ou revestimento de fachadas, remates ou substitucións de cubertas ou recuperacións, restauracións ou revestimentos de muros que pechan terreos. No seu caso, a porcentaxe subvencionable da obra chega tamén ao 70%, pero cun límite de 3.000 euros "por solicitante e ben". Nos días previos, a través dun comunicado, a Xunta destacou que nesta convocatoria os concellos poden cobrar un anticipo de ata o 70% da axuda e os particulares poden "xestionar as súas solicitudes a través de asesorías, xestorías ou asociacións con personalidade xurídica". En ningún dos dous casos a Consellería valora a calidade dos proxectos, alén do cumprimento dos requisitos xerais.

No pasado 2022, a orde destas axudas destinadas aos concellos estaba dotada con 800.000 euros e ficou esgotada en 52 minutos e 36 segundos. En abril do ano anterior, a mesma Consellería de Medio Ambiente, tamén mediante o Instituto de Estudos do Territorio, repartira 2,3 millóns de euros en 9 minutos e 43 segundos. En 2018, na medianoite dun venres a un sábado, o mesmo departamento do Goberno galego asignara 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos. E a finais de 2021, outras axudas similares por 400.000 euros esgotáranse en 21 minutos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.