Medio Ambiente rectificou parte do procedemento para subvencionar obras que corrixan impactos paisaxísticos, cuxo prazo abriu a mediodía e non a medianoite como en anos previos, pero segue a primar a velocidade como criterio de reparto
O pasado 20 de xaneiro ás doce do mediodía funcionariado ou edís de diversos concellos sentaron diante dun ordenador coa presión de seren o máis rápidos posible en presentar na sede electrónica da Xunta as súas respectivas solicitudes para obter as subvencións do Goberno galego a obras de mellora do impacto paisaxístico. A Consellería de Medio Ambiente volveu primar como criterio de reparto a orde de recepción das peticións.
52 minutos e 36 segundos despois de abrir o prazo quedaron esgotados os 800.000 euros que finalmente se repartiron na convocatoria deste ano. Quen tardase máis en presentar a súa solicitude ficou fóra, sen que importe a calidade ou outros criterios do seu proxecto.
A Xunta leva anos repartindo diversas axudas -tamén a particulares, como os bonos turísticos- baixo o denominado réxime de concorrencia non competitiva, isto é, primando a rapidez das solicitudes. No caso destas axudas a concellos para a corrección de impactos paisaxísticos de construcións ou instalacións municipais outra das características que tiñan as convocatorias en anos anteriores era a de que a Xunta abría o prazo de presentación de solicitudes “ao día seguinte” de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa convocatoria.
Ese procedemento obrigaba a funcionariado ou edís habilitados para formular as solicitudes a conectarse a internet ás cero horas dese día seguinte, isto é, a medianoite, para seren os máis rápidos. Nalgún caso, como en 2018 ou 2021, a Xunta mesmo chegou a abrir o prazo en fin de semana, na medianoite dun venres a un sábado.
Na convocatoria deste ano Medio Ambiente introduciu algunha corrección. Publicouna no DOG o mércores 19 de xaneiro, pero en vez de sinalar nela que o prazo se abriría ao día seguinte, en xeral, como en anos anteriores, especificou que sería “desde as 12.00 horas”, isto é, ao mediodía, en horario laborable. Pero igualmente primou a rapidez, establecendo que se repartirían os cartos, un máximo de 20.000 euros por concellos ata un total de 600.000 a repartir, segundo a orde de recepción das peticións.
As solicitudes, como en anos anteriores, foron máis que os cartos consignados. Pero este ano a Xunta introduciu outra novidade máis e o pasado 3 de maio publicou no DOG que decidira ampliar a contía total a repartir de 600.000 a 800.000 euros. Tamén así se esgotaron os cartos e o pasado xoves cumpriuse o preceptivo trámite de indicar no DOG o “esgotamento do crédito”: “Unha vez revisadas e ordenadas todas as solicitudes presentadas coa documentación completa, a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito foi a que tivo entrada na sede electrónica o día 20.1.2022 ás 12.52.36 horas”, sinala agora a Xunta.
O pasado setembro a Xunta repartiu 400.000 euros en 21 minutos, en abril 2,3 millóns en 9 minutos, e en 2018 foron 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos, en todos os casos a medianoite e en dous deles dun sábado
Os 52 minutos e 36 segundos que tardaron en esgotarse as subvencións supoñen unha importante mellora a respecto de anos anteriores. En abril do pasado ano a mesma Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, repartiu 2,3 millóns de euros en 9 minutos e 43 segundos. En 2018, na medianoite dun venres a un sábado, o mesmo departamento do Goberno galego repartira xa 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos. E a finais do pasado ano outras axudas similares por 400.000 euros foron repartidas en 21 minutos.
A diferenza das anteriores, todas elas abertas á medianoite seguinte da publicación no DOG da convocatoria, na última da que agora se informa o prazo comezou a contar a mediodía do día seguinte, evitando cando menos que funcionariado e edís dos concellos interesados tivesen que trasnoitar. Non obstante, seguiuse primando non só a velocidade diante do ordenador, senón tamén aos municipios que xa tivesen preparada a documentación dos proxectos aspirantes a seren subvencionados ou que sexan quen de preparala nun día.