O criterio de entregar os cartos por orde de chegada das peticións na medianoite dun sábado deixou sen repartir 121.000 euros
Na medianoite do venres 4 ao sábado 5 de maio un cento de funcionarios ou concelleiros de municipios de toda Galicia estiveron conectados a internet para intentar ser os primeiros en presentar, e así obter, algunha das axudas para obras públicas que a Xunta viña de convocar ese día no Diario Oficial de Galicia (DOG) indicando que a apertura do prazo de solicitudes sería a partir da seguinte medianoite. O único criterio para repartir esas subvencións era o da orde de entrada das peticións ata esgotar o importe total das axudas, que sumaba 4,3 millóns de euros, o que ocorreu aos 12 minutos e 18 segundos de abrirse o prazo. Nese tempo, na medianoite do venres ao sábado, só 19 concellos, os máis rápidos, foron os agraciados. Agora sábese que no proceso quedaron fóra outros 215 concellos e que quedaron sen repartir 121.000 euros.
Aquela noite de tolos fronte aos ordenadores para presentar as solicitudes ás axudas da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, dirixida daquela por Beatriz Mato, quedou en evidencia dous meses despois, cando a propia Xunta publicou no DOG a resolución coa que fixo oficial que “a última solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito tivo entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia na data do 5 de maio de 2018, ás 00.12.18 horas”. Ao coñecer eses feitos, a oposición presentou diversas iniciativas e criticou que o criterio empregado polo Goberno galego para o reparto fose o da orde de entrada das peticións, sen valorar outras consideracións.
Dos 19 concellos agraciados a medianoite daquel sábado antes de esgotarse os cartos, 15 eran do PP e 4 doutras formacións, pero faltaba por saber cales quedaran fóra
A oposición tamén amosou as súas sospeitas de que, ante o intempestivo da hora, só concellos do PP previamente alertados fosen os que presentasen peticións esa medianoite. Pero non foi así. En setembro a Xunta desvelou que dos 19 agraciados antes de esgotarse os cartos, 15 eran gobernados polo PP e outros 4 por outras formacións. Quedaba por saber cantos e cales quedaron fóra, listado ao que agora vén de ter acceso Praza.gal.
Tras formular unha petición de transparencia para ter acceso ao detalle de todos os concellos que presentaron solicitude ás axudas “con indicación dos motivos de denegación aos que non as obtiveron”, a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, remitiu a este diario á publicación no DOG dos concellos que si obtiveran as axudas, pero ocultou os que quedaran fóra. Este diario recorreu ante o Comisionado de Transparencia que instou á Xunta a entregar tamén os datos dos concellos inadmitidos constatando que esa fora unha información que "non se lle proporcionou ao solicitante" de transparencia. Eses datos revelan agora as deficiencias que presenta unha convocatoria de subvencións cuxo único criterio de reparto sexa a rapidez á hora de presentar as peticións.
Como os cartos que restaban tras outorgar a petición número 19 non chegaban para cubrir a número 20, parouse o proceso malia que quedaban aínda por repartir 121.000 euros
As obras municipais subvencionables, das que a Xunta cubría entre o 80% e o 100% do custo, oscilaron entre os 57.000 e os 500.000 euros. Tras a última axuda outorgada, a número 19, ao Concello de Ponte Caldelas por importe de 57.000 euros, xa se consumiran 4.260.000 euros dos 4.381.000 euros totais consignados. Quedaban pois aínda 121.000 euros por repartir. Pero a petición número 20, do Concello de Boborás, recibida exactamente á mesma hora, minuto e segundo que a de Ponte Caldelas (as 00 horas, 12 minutos e 18 segundos do sábado 5 de maio) era para un proxecto de maior importe, de 336.000 euros. Así que como os cartos non chegaban para esa petición, pechouse o proceso sen repartir os 121.000 euros que quedaban aínda sen gastar. Nin se deron eses cartos para cubrir parte da petición de Boborás nin se tivo en conta que esa cantidade restante chegaba para cubrir case a totalidade das peticións número 21 ou 22, de Laza e Beariz, e mesmo sobraría para a número 23, de Ramirás, que quería facer unha obra de só 60.000 euros. Todas esas consideracións quedaron superadas polo criterio único de que os cartos se repartirían por orde de chegada ata o seu esgotamento.
Ademais dos 19 concellos que obtiveron a axuda por presentar as súas solicitudes nos primeiros minutos tras a medianoite do sábado, outros 67 tamén o intentaron ao longo daquela madrugada
Pero a ese criterio único de reparto por orde de chegada das peticións a Xunta engadiu outra dificultade máis, a de abrir o proceso a medianoite dun venres a un sábado. Os datos que agora se ve obrigado a divulgar o Goberno galego permiten comprobar que, ademais das 19 peticións que se presentaron ata as 00 horas, 12 minutos e 18 segundos do sábado en que se esgotaron os cartos, outros 67 concellos presentaron tamén as súas solicitudes esa mesma noite, ata pasadas as dúas da madrugada. Como no antedito caso de Boborás, que quedou sen axuda malia presentar a súa petición no mesmo segundo exacto que a última si concedida, de nada lles valeu a eses funcionarios ou concelleiros conectarse a internet a aquelas horas.
Na mañá seguinte do sábado, outros nove concellos presentaron aínda as súas peticións. E a partir do seguinte luns laborable, e durante varios días máis, seguiríano facendo outros municipios ata o total de 215 que solicitaron sen éxito as axudas despois de que os cartos se desen por esgotados só doce minutos despois da medianoite do sábado 5 de maio, cando 19 funcionarios ou concelleiros de toda Galicia foron máis rápidos que os seus colegas.