O Goberno galego lanza unha nova subvención avisando oficialmente o día antes pero agora xa non primará a funcionariado ou edís que sexan máis rápidos nas madrugadas de fins de semana senón aos que o sexan en horario laborable
Os concellos que teñan o funcionariado ou edís máis rápidos presentando documentación na sede electrónica da Xunta terán este xoves prioridade á hora de recibir a nova liña de subvencións para obras que corrixan impactos paisaxísticos que vén de convocar este mércores o Goberno galego no Diario Oficial de Galicia (DOG). A velocidade á hora de pedir as axudas antes de que se esgoten os cartos (600.000 euros en total) seguirá a ser o criterio determinante no reparto, pero desta volta a Xunta rectificou parcialmente a respecto de convocatorias anteriores e decidiu que o prazo comece a contar ás doce do mediodía do día seguinte, laborable, e non na medianoite mesmo de fins de semana, como xa ocorreu en pasadas convocatorias.
A Xunta, e en particular a Consellería de Medio Ambiente, leva anos convocando subvencións para as que abre o prazo de solicitude ao día seguinte de publicar o correspondente anuncio no DOG, como fixo este mércores para as novas axudas a concellos. No caso de axudas con partidas económicas reducidas en comparación cos posibles interesados e repartidas co denominado réxime de concorrencia non competitiva -isto é, que non se valoran as necesidades dos solicitantes ou as calidades dos seus proxectos- o criterio fundamental para recibilas é solicitalas antes de que se esgoten os cartos.
Pero iso complícase cando o Goberno galego, como facía ata a convocatoria deste mércores, abre o prazo “ao día seguinte”, sen máis precisións, porque iso implica que comeza a contar ás cero horas do día, na medianoite. A convocatoria é aínda máis dificultosa cando, como fixo o pasado setembro, non só se lanzou oficialmente no DOG o día antes, como agora, senón que o día seguinte era sábado. O resultado foi que os 400.000 euros en axudas dunha das liñas de subvencións quedaron esgotados en 21 minutos, nos que os máis rápidos en solicitalas foron 13 concellos do PP e 7 do PSOE.
En setembro a Xunta repartiu 400.000 euros en 21 minutos, en abril 2,3 millóns en 9 minutos, e en 2018 foron 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos, en todos os casos a medianoite e en dous deles dun sábado
En abril do pasado ano a mesma Consellería de Medio Ambiente que convoca as novas axudas, a través do Instituto de Estudos do Territorio, xa repartira 2,3 millóns de euros para obras públicas de concellos en 9 minutos e 43 segundos a partir da medianoite dun luns a un martes, o tempo que tardaron os 39 concellos máis rápidos en presentar as súas solicitudes e esgotar con elas o orzamento previsto. En 2018, na medianoite dun venres a un sábado, o mesmo departamento do Goberno galego repartira xa 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos aos daquela 19 concellos máis rápidos, 15 do PP e catro doutras formacións.
Desta volta, nas axudas convocadas no DOG deste mércores a Xunta indica como en anteriores subvencións que “terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria”. Pero agora cando menos sinala un momento concreto de inicio do prazo máis alá do “día seguinte”: “As solicitudes poderanse presentar desde as 12.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia”.
A medida evita que funcionariado ou edís dos concellos interesados teña que trasnoitar. Non obstante, segue primando non só a velocidade diante do ordenador, senón tamén aos municipios que xa tivesen preparada a documentación dos proxectos aspirantes a seren subvencionados ou que sexan quen de preparala nun día.