A Xunta volve primar a rapidez como criterio para dar axudas a concellos a partir da medianoite dun sábado

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nun acto de promoción das axudas da Xunta contra impactos paisaxísticos CC-BY-SA Xunta de Galicia

Medio Ambiente admite que esgotou “horas despois de que se abrise o prazo” 400.000 euros en subvencións a unha trintena de concellos porque foron os máis áxiles presentando as peticións

O pasado venres 10 de setembro a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria dunhas axudas a concellos para corrixir impactos paisaxísticos de diversas construcións municipais. O prazo para que os concellos solicitasen as subvencións, adxuntando os correspondentes proxectos, estableceuse “a partir do día seguinte” ao desa mesma publicación no DOG, isto é, a partir das cero horas do sábado día 11.

Advertía de que “para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta ata que se esgote o orzamento da convocatoria”. O luns seguinte a propia Consellería de Medio Ambiente gabábase de que o mesmo sábado, “horas despois de que se abrira o prazo”, xa esgotara o orzamento reservado a unha das dúas liñas de actuación das axudas.

Ángeles Vázquez e Beatriz Mato, conselleiras de Medio Ambiente agora e en 2018 respectivamente responsables da convocatoria das axudas coa apertura do prazo a medianoite CC-BY-SA Xunta de Galicia

Non é a primeira vez que a Xunta prima como criterio para repartir axudas públicas a rapidez con que o persoal ou cargos públicos municipais presentan as solicitudes con prazos que se abren a medianoite e mesmo un sábado. Pero desta volta, e tras as críticas recibidas en casos anteriores, é o propio Goberno galego o que se gaba publicamente dun esgotamento tan rápido das axudas “durante as primeiras horas”. 

En abril Medio Ambiente repartiu 2,3 millóns en 9 minutos e 43 segundos, e en 2018 foron 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos, nos dous casos a medianoite

En abril deste ano a mesma Consellería de Medio Ambiente xa repartiu 2,3 millóns de euros para obras públicas de concellos en 9 minutos e 43 segundos a partir da medianoite dun luns a un martes, o tempo que tardaron os 39 concellos máis rápidos en presentar as súas solicitudes e esgotar con elas o orzamento previsto. En 2018, na medianoite dun venres a un sábado, como agora, o mesmo departamento do Goberno galego repartira xa 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos aos daquela 19 concellos máis rápidos, 15 do PP e catro doutras formacións.

O procedemento elixido pola Xunta para outorgar axudas por concorrencia non competitiva en función da orde de presentación das solicitudes ata que se esgoten os cartos é similar ao que o pasado abril levou a que milleiros de persoas colapsasen a sede electrónica da Xunta para pedir o bono turístico co que o Goberno galego decidiu subvencionar vacacións en Galicia.

Listado sobre as axudas solicitadas en 2018 no que se pode comprobar a última concedida, a número 19, ás 12 horas e 12 minutos da noite, e as seguintes presentadas poucos segundos despois pero xa non admitidas por esgotamento dos cartos CC-BY-SA Praza Pública

Tras dar por esgotadas as axudas, a Xunta publicou unha corrección de erros sobre a convocatoria pero sen mudar o prazo de presentación de solicitudes

Desta volta, as axudas para a eliminación de impacto paisaxísticos repartíronse en dúas liñas de subvencións dotadas con 400.000 euros cada unha delas, unha para edificios e dependencias de servizos municipais e outra para equipamentos públicos municipais como fontes, palcos de música, hórreos ou lavadoiros. Nas dúas liñas a subvención da Xunta pode ser de ata o 70% do custo da actuación municipal, cun límite máximo de 25.000 euros no caso dos edificios de servizos municipais e de 10.000 euros no dos equipamentos públicos. 

Foi a primeira das liñas de subvencións, a dos edificios de servizos municipais, a que esgotou as axudas dispoñibles nas primeiras horas. “Tendo en conta a contía das solicitudes recibidas ata o de agora -ao redor dunha trintena- pode dicirse que o orzamento dispoñible para poder atender aquelas relacionadas con proxectos para renovar, acondicionar ou intervir sobre edificios e outras dependencias de titularidade municipal xa está esgotado”, explica a propia Xunta. Esgotamento que o luns Medio Ambiente incidiu en que se producira “xa o pasado sábado, horas despois de que se abrira o prazo de presentación das solicitudes”. 

O martes, tres días despois de dar por esgotadas as axudas, a Xunta publicaba no DOG unha corrección de erros sobre a súa convocatoria na que modificou o xeito de computar o orzamento total das solicitudes. Malia esa circunstancia, insistía en que "esta corrección de erros non altera o prazo de presentación de solicitudes", aberto tres días antes e que a propia Xunta xa daba por esgotado para poder obter axudas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.