O Goberno galego gabouse da rapidez coa que se esgotaron as subvencións, cuxo prazo de solicitude abriu nunha medianoite de fin de semana, obrigando novamente a funcionarios ou concelleiros a trasnoitar para solicitalas
A Xunta fixo públicas este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) as identidades dos concellos beneficiarios das subvencións por importe total de 400.000 euros para a redución de impactos paisaxísticos de construcións municipais que convocou na medianoite do venres 10 ao sábado 11 de setembro. As axudas esgotáronse en tan só 21 minutos, e agora sábese que nese tempo os concellos máis rápidos en solicitalas foron 13 gobernados polo PP e 7 polo PSdeG, nalgún caso en coalición con outras formacións.
Xa vén sendo habitual que a Consellería de Medio Ambiente prime como criterio para o reparto de axudas a concellos a rapidez e axilidade co ordenador do persoal municipal ou dos e das edís que se encargan de presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta con prazos que se abren ás cero horas do día seguinte ao que se fan públicas as condicións da convocatoria.
Así ocorreu novamente coa subvención para reducir impactos paisaxísticos de construcións de titularidade municipal, desta volta abrindo o prazo na medianoite dun venres a un sábado. Pero neste caso o propio Goberno galego gabouse da rapidez coa que se esgotaran as axudas asegurando ao luns seguinte que xa se recibiran todas as solicitudes posibles “durante as primeiras horas”.
Dous meses máis tarde precisaba oficialmente que realmente non fora en horas senón en 21 minutos. E agora coñécese que concellos tiveron o persoal ou edís máis rápidos diante do ordenador naquela madrugada do sábado 11 de setembro.
A Xunta xa publicitara algunhas das axudas antes de facerse oficiais os nomes no DOG deste luns
Os concellos do PP máis veloces foron os de Cartelle, Ordes, Muíños, Abegondo, Boimorto, A Veiga, Dozón, Frades, Lobeira, Baralla, Tordoia, O Pino e Guntín, mentres que os outros sete concellos que chegaron a tempo de presentar as súas solicitudes antes de que se esgotasen os cartos foron todos eles gobernados por alcaldes e alcaldesas do PSdeG, aínda que nalgún caso gobernen en coalición con outras formacións: Trabada, Ribas de Sil, Ares, Pol, Ribeira de Piquín, Cee e A Pobra de Trives.
Por outra banda, antes de facerse oficiais os nomes no DOG deste luns, o Goberno galego xa publicitara algunhas das axudas con visitas dos seus delegados territoriais a algúns dos concellos beneficiarios.
En abril Medio Ambiente repartiu 2,3 millóns en 9 minutos e 43 segundos, e en 2018 foron 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos, nos dous casos a medianoite
En abril deste ano a mesma Consellería de Medio Ambiente xa repartiu 2,3 millóns de euros para obras públicas de concellos en 9 minutos e 43 segundos a partir da medianoite dun luns a un martes, o tempo que tardaron os 39 concellos máis rápidos en presentar as súas solicitudes e esgotar con elas o orzamento previsto. En 2018, na medianoite dun venres a un sábado, como agora, o mesmo departamento do Goberno galego repartira xa 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos aos daquela 19 concellos máis rápidos, 15 do PP e catro doutras formacións.