Tras varias convocatorias nas que primou a rapidez co ordenador como criterio para repartir axudas, Medio Ambiente gabouse de que o 11 de setembro esgotara unha nova subvención en “horas”, pero agora sábese que foi en moito menos tempo
O pasado venres 10 de setembro a Consellería de Medio Ambiente publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dunhas axudas dirixidas a concellos que realicen obras de corrección de impactos paisaxísticos de construcións municipais. O prazo para solicitar a subvención, de ata 25.000 euros por concello e cun máximo de 400.000 euros a repartir entre todos os interesados, estableceuno “a partir do día seguinte” da publicación desa convocatoria, isto é, a partir das cero horas do sábado 11 de setembro. 21 minutos despois as solicitudes presentadas xa esgotaran toda a partida orzamentaria.
Xa vén sendo habitual que a Consellería de Medio Ambiente prime como criterio para o reparto de axudas a concellos a rapidez e axilidade co ordenador do persoal municipal ou dos e das edís que se encargan de presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta con prazos que se abren ás cero horas do día seguinte ao que se fan públicas as condicións da convocatoria. Pero desta volta a propia Xunta gabouse da rapidez coa que se esgotaron estas axudas.
Tras publicar a convocatoria no DOG o venres fixando a apertura do prazo para a seguinte medianoite, ao luns seguinte a Consellería de Medio Ambiente emitiu unha nota de prensa salientando que o mesmo sábado as subvencións esgotáranse “durante as primeiras horas”.
Agora sábese que realmente foi en 21 minutos, segundo unha resolución publicada no DOG o pasado mércores coa que se dá a coñecer de xeito oficial o esgotamento da partida destinada para a subvención. Alí sinálase que nunha das dúas liñas de actuacións da convocatoria, as dúas con consignacións similares de 400.000 euros, “a derradeira solicitude que se puido conceder antes do esgotamento do crédito foi a que tivo entrada na sede electrónica o día 11.9.2021 ás 00.21 horas”.
En abril Medio Ambiente repartiu 2,3 millóns en 9 minutos e 43 segundos, e en 2018 foron 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos, nos dous casos a medianoite
En abril deste ano a mesma Consellería de Medio Ambiente xa repartiu 2,3 millóns de euros para obras públicas de concellos en 9 minutos e 43 segundos a partir da medianoite dun luns a un martes, o tempo que tardaron os 39 concellos máis rápidos en presentar as súas solicitudes e esgotar con elas o orzamento previsto. En 2018, na medianoite dun venres a un sábado, como agora, o mesmo departamento do Goberno galego repartira xa 4,3 millóns en 12 minutos e 18 segundos aos daquela 19 concellos máis rápidos, 15 do PP e catro doutras formacións.