Novo colapso da sede electrónica da Xunta ante as axudas a autónomos que entregará por orde de solicitude

Cola na sede electrónica da Xunta para pedir as axudas a persoas autónomas CC-BY-SA Praza Pública

As subvencións de ata 1.500 euros polo aumento de prezos pódense pedir desde a pasada medianoite pero rexistran esperas na sede electrónica de máis dunha hora

Na medianoite do domingo 8 ao luns 9 de xaneiro a Xunta abriu o prazo para a solicitude de axudas a persoas autónomas de entre 800 e 1.500 “para minimizar o impacto da suba dos custos en materias primas e dos subministros como os enerxéticos”. As subvencións convocáronse pola modalidade de concorrencia non competitiva, isto é, o criterio para repartir os 30 millóns de euros consignados entre todas as persoas que cumpran os requisitos será a orde de presentación das solicitudes, o que vén de levar a un novo colapso da sede electrónica da Xunta, única vía para pedilas. 

Imaxe coa que a Xunta publicitou as axudas a persoas autónomas CC-BY-SA Xunta de Galicia

Como vén facendo en moitas outras axudas públicas, o Goberno galego decidiu que os máis rápidos e non os máis necesitados teñan prioridade á hora de recibir os cartos públicos e estableceu nas bases da subvención aos autónomos que “a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida”. E a data de apertura do prazo fixouse no 9 de xaneiro, isto é, ás cero horas, polo que xa desde a pasada medianoite houbo un aluvión de entradas na sede electrónica da Xunta.

Malia habilitarse un dispositivo informático especial para diferenciar as entradas á sede electrónica para pedir a axuda ao emprego autónomo do resto de procedementos alí dispoñibles, no mediodía deste luns o propio sistema informaba de que a cola de espera era superior a unha hora, con preto de 6.000 persoas agardando para acceder.

Bases das axudas nas que se establece a orde de presentación como criterio de reparto CC-BY-SA Praza Pública

Neste caso á convocatoria por concorrencia non competitiva engádese a apertura do prazo a medianoite

A Xunta vén empregando noutras axudas convocadas previamente, como os bonos turísticos ou culturais,   un sistema similar de colas informáticas para acceder á sede electrónica que non sempre dá abasto co número de entradas rexistrado. Ademais, tamén é habitual que fixe o inicio do prazo de presentación a medianoite, obrigando ás persoas solicitantes a trasnoitar para tentar ser das primeiras en presentar a súa documentación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.