A propia afectada comunicou ao pedir a segunda subvención, como establece a lei, que xa tiña concedida outra, pero a Consellería de Emprego decidiu por ela “sen concederlle a facultade de optar pola que considerase máis acorde aos seus intereses”
O Decreto 11/2009 que regula as subvencións da Xunta establece que no caso de que un interesado obteña dúas axudas incompatibles entre si poderá elixir con cal das dúas queda se previamente comunicou ao solicitar a segunda que xa tiña concedida a primeira. Iso foi o que fixo unha muller que se instalou como autónoma e que solicitou dúas subvencións para dous conceptos distintos pero á que, malia ter dereito ás dúas, a Consellería de Emprego denegou unha delas porque xa se lle concedera a outra sen darlle a opción de elixir.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena agora á Xunta a que declare o dereito da afectada a obter as dúas subvencions “e ao mesmo tempo se lle conceda a facultade de optar” entre a que considere máis beneficiosa para os seus intereses.
Segundo o relato dos feitos que fai a sentenza, a muller “cumpría os requisitos para ser beneficiaria” de dúas convocatorias distintas, unha para facilitar a transmisión de negocios entre autónomos e outra para persoas desempregadas que se instalen como autónomas. “Pero unha vez que lle foi concedida a correspondente ao primeiro procedemento, a administración procedeu á denegación automática da segunda sen concederlle a facultade de optar pola que considerase máis acorde aos seus intereses, malia ter declarada a circunstancia da dobre subvención na segunda convocatoria”.
A sentenza salienta que as dúas ordes de convocatoria de axudas da Xunta declaraban respectivamente a súa incompatibilidade con outras subvencións similares, por iso a muller “explicitou a solicitude da primeira na segunda convocatoria”, tal e como se establece no decreto que regula as subvencións en Galicia, que di que “cando se solicite unha subvención para un proxecto ou actividade e se concedese outra anterior incompatible para a mesma finalidade, farase constar esta circunstancia na segunda”. Ese decreto establece o dereito da persoa beneficiar a renunciar á primeira para quedar coa segunda axuda, pero iso non lle foi permitido pola Xunta, que elixiu por ela denegándolle a segunda.
“Polo principio de xerarquía normativa”, di a sentenza, “unha orde [de convocatoria de subvencións] non pode contradicir nin laminar un dereito recoñecido nun decreto do Consello da Xunta”
O tribunal salienta tamén que ese dereito establecido nun decreto do Goberno galego non pode ser “cercenado polo disposto nunha orde” de convocatoria de axudas dunha consellería. “Polo principio de xerarquía normativa”, di a sentenza, “unha orde non pode contradicir nin laminar un dereito recoñecido nun decreto do Consello da Xunta” que neste caso desenvolvía a lei galega de subvencións.
Ante esta situación, a sentenza recoñece “o dereito da recorrente a que se declare ao seu favor o dereito a obter” a segunda subvención “e ao mesmo tempo se lle conceda a facultade de optar entre acceder plenamente a esta prestación ou manter a obtida” na primeira.
“Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións que os tribunais veñen dirixindo ao Goberno galego no eido do emprego autónomo "que tanto pregoa"
A sentenza agora coñecida é unha máis das diversas que veñen condenando ao Goberno galego por denegar ou restrinxir subvencións en materia de emprego a persoas ou empresas que tiñan dereito a elas. “Arbitrariedade”, “falta de transparencia” ou “extremado rigor formalista” son algunhas das expresións coas que veñen cualificando as actuacións do Goberno galego uns tribunais que mesmo chegaron a poñer “en cuestión” o fomento do emprego autónomo “que tanto pregoa” o Goberno galego.