Agresións e desatención: a Xunta muda a xestión do centro de discapacidade Souto de Leixa tras 15 anos de eivas

Protesta da plataforma de familiares e profesionais do Souto de Leixa ante a sede da Xunta en Ferrol © Plataforma Agora!

O Goberno galego porá unha entidade social á fronte do centro de Ferrol cuxa xestión viña prorrogando desde hai unha década ao grupo ACS, e faino asumindo agora que é necesario un 25% máis de cartos para unha "atención de calidade"

Tras anos de denuncias públicas por parte das familias e do persoal do centro, que este verán constituíronse en plataforma co apoio de partidos e entidades sociais de Ferrol, a Xunta vai mudar a xestión do centro de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa desa cidade. En mans desde comezos da pasada década da empresa Clece -do grupo ACS, que conta ademais cos servizos doutra filial, Samaín Servizos á Comunidade- o seu contrato ía durar 3 anos, pero a Consellería de Política Social veno prorrogando durante a última década. 

A Xunta aínda podería prorrogar o contrato con Clece outra década máis, pero agora opta por entregar a súa xestión a unha entidade social sen ánimo de lucro aínda por determinar, á que pagará un 25% máis de cartos que á empresa para "facilitar unha atención de calidade", admitindo así implicitamente que o centro non recibía os recursos públicos necesarios para esa atención. Unha atención cuxas eivas, máis alá das denuncias públicas de familiares e persoal, veñen quedando reflectidas en sucesivas sentenzas emitidas durante a última década.

Cargos da Xunta nunha visita ao centro de discapacidade de Souto de Leixa en Ferrol CC-BY-SA Xunta de Galicia

O complexo do Souto de Leixa, a carón do Hospital Arquitecto Marcide, foi medrando arredor do Centro de Educación Especial Terra de Ferrol, inaugurado por Franco co nome daquela da súa muller, Carmen Polo. Se o centro educativo está orientado aos menores, o Souto de Leixa vai dirixido a adultos con discapacidade e conta cunha residencia para 95 persoas, 27 delas coa consideración de "gravemente afectadas". Ademais, dispón de centro de día e de centro ocupacional con outro medio cento de prazas. 

En 2010 a Xunta adxudicou a xestión do Souto de Leixa a Clece por uns 2 millóns de euros ao ano durante tres anos. E ao pouco tempo comezaron a chegar as queixas de familias e persoal, o que non impediu sucesivas prórrogas do contrato ata agora, decisións de Política Social tomou malia que a xustiza certificou incumprimentos contratuais. 

A xustiza vén deixando constancia de agresións e persoal insuficiente e mal pagado por incumprimentos da empresa, pero a Xunta seguiulle prorrogando o contrato

En 2016 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pronunciouse sobre un accidente laboral ocorrido no centro en 2012, cando unha traballadora foi agredida por un residente. A sentenza constata que "a empresa incumpría claramente as prescricións técnicas do prego de contratación canto ao número de persoas que debían prestar o servizo, que é o feito determinante da agresión" á traballadora. 

"Eran tres as persoas para servir o almorzo a 70/80 usuarios, isto é, a unha media de 25 usuarios por cada traballador, cando a ratio mínima recomendable é dun coidador por cada 6,5 usuarios", salienta a sentenza. Confirma, asemade, que a empresa non só incumprira así o contrato da Xunta senón tamén "os seus propios plans de prevención e medidas de seguridade e saúde", nos que era "coñecedora dos riscos por agresividade dos usuarios".

O Souto de Leixa conta con 95 prazas, 27 delas para persoas "gravemente afectadas" © CAD Souto de Leixa

Un ano máis tarde, en 2017, o mesmo TSXG estableceu que a empresa non estaba a pagar ao seu persoal o que debía en función da súa formación e capacitación. E hai uns meses o mesmo tribunal vén de deixar constancia noutra sentenza de agresións mutuas en 2022 entre un residente e unha traballadora. Agresións que persoal e familiares veñen denunciando que son reiteradas e motivadas pola falta de persoal suficiente para atender as graves deficiencias dalgúns residentes.

A conselleira insiste en que o trato no Souto de Leixa "é correcto" pero confirma o cambio de xestores da empresa a unha entidade social sen ánimo de lucro

Canto ás instalacións, estas non dependen da empresa adxudicataria senón da Xunta, que vén publicitando os seus investimentos materiais no centro como proba da súa implicación co mesmo. O 20 de novembro, en resposta a unha pregunta do BNG no Parlamento sobre a mala xestión do Souto de Leixa, a conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou que "desde setembro ata agora vimos realizando obras de mellora por 1,1 millóns de euros", sen aclarar os anos que os afectados levaban reclamando as mesmas

"Puxemos en funcionamento o vaso terapéutico", engadiu, obviando que hai unha década o Valedor do Pobo xa botaba "en falta a posibilidade contar cun vaso terapéutico para as persoas que o precisan, sobre todo os grandes afectados". Mentres, o deputado do BNG que a cuestionaba, Ramón Fernández Alfonzo, insistía en que segue habendo "zonas con pingueiras" e "sempre hai baños fóra de servizo". 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, respondendo no Parlamento unha pregunta sobre as eivas no Souto de Leixa CC-BY-SA Xunta de Galicia

Sobre a atención ás persoas o deputado do BNG, como tamén veñen facendo desde o PSdeG, dixo que o que pasa no centro "ninguén o pode crer, a lista sería interminable" e que "parece existir un acordo tácito para mirar para outro lado e encubrirse mutuamente" entre a Xunta e a empresa "como se a vida destas persoas non importase". A resposta da conselleira foi salientar que as inspeccións da Xunta "non constatan ningún incumprimento na prestación deste servizo", que "é correcto". Pero a continuación a conselleira salientou que o Souto de Leixa "o vindeiro ano será xestionado por unha entidade social sen ánimo de lucro", sen aclarar por que agora esa mudanza tras anos de prórrogas a Clece.

En maio, cando a Xunta lanzou o procedemento aínda non concluído para entregar o centro a unha entidade sen ánimo de lucro, o propio Goberno galego salientou que vai incrementar un 25% os cartos que destina ao Souto de Leixa "con respecto ao contrato actual". Farao, di, para "favorecer unha atención de calidade aos usuarios do centro e ás súas familias".

O centro pasará a ter un orzamento anual de 3,7 millóns, un incremento que evidencia que o importe do contrato actual era insuficiente para que a empresa privada puidese ofrecer un servizo "de calidade". Porén, hai un ano o PP rexeitou, coa súa maioría absoluta, unha petición do BNG para que o Consello de Contas fiscalizase o contrato e establecese se estaba a ser adecuado e cumprido correctamente. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.