Galicia é un dos territorios do Estado máis envellecidos, xunto con Asturias e Castela e León. Unha das consecuencias é o incremento da poboación que presenta algún tipo de discapacidade, unha situación que no noso país se liga principalmente a razóns de idade. As persoas con discapacidade e dependentes teñen ao seu redor, ademais, a unha serie de persoas coidadoras, case sempre parte da súa familia (alén dos servizos profesionais externos), que realizan un traballo duro, non remunerado e poucas veces recoñecido. O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou esta semana unha completa información que ofrece unha boa radiografía da situación das persoas dependentes e das súas coidadoras e coidadores, uns datos correspondente ao ano 2020 que actualizan os indicadores da enquisa anterior realizada no ano 2008.
298.800 persoas sofren algún tipo de discapacidade en Galicia, máis do 11% da poboación
Unha das primeiras cousas que chaman a atención nos datos do INE é a importancia numérica das persoas con algún tipo de discapacidade en Galicia. Son un total de 298.800 persoas, máis do 11% da poboación, unha cifra en ascenso dende as 272.190 persoas do ano 1999 e as 292.900 do ano 2008.
No 21,67% dos fogares galegos vive unha persoa con discapacidade e no 2,9% dúas ou máis
Estas persoas viven distribuídas en ao redor de 250.000 fogares, que representan o 24,57% do total dos existentes en Galicia. É dicir, en un de cada catro fogares galegos vive unha persoa con algún tipo de discapacidade, o que converte o noso país no territorio cunha maior proporción de familias nesta situación, cinco puntos por riba da media española. No 21,67% dos fogares galegos vive unha persoa con discapacidade e no 2,9% dúas ou máis.
Este 3 de maio, coincidindo co Día Internacional dos dereitos das persoas con discapacidade leváronse a cabo mobilizacións en distintas cidades do Estado, entre elas Compostela, para denunciar os atrasos nos procesos de valoración de discapacidade, que chegan a alongarse ata os tres anos. Na concentración, que tivo lugar ante a sede do Cegadi (Centro Galego de Desenvolvemento Integral), reclamouse que se reduzan os tempos de espera, que son especialmente elevados nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Hai 174 mil mulleres con algún tipo de discapacidade fronte a 125 mil homes
Como son as persoas discapacitadas galegas? Como é o seu perfil? Son máis mulleres que homes, en parte debido á maior lonxevidade feminina e á maior proporción de mulleres entre a poboación maior de 80 anos. Hai 174 mil mulleres con algún tipo de discapacidade fronte a 125 mil homes.
119 mil ten máis de 80 anos e outras 84 mil contan entre 65 e 79 anos
A media de idade é, evidentemente, avanzada. 119 mil ten máis de 80 anos e outras 84 mil contan entre 65 e 79 anos. Con todo, hai tamén un gran número de persoas con discapacidade nas xeracións máis novas, unhas 73 mil entre 45 e 64 anos e 23 mil por debaixo dos 45 anos.
45.000 persoas non recibiron servizos sanitarios que necesitaban. A principal razón foron as listas de espera
O estudo do INE pregunta igualmente polos servizos que demandan e reciben as persoas dependentes, incidindo tamén naqueles servizos sanitarios ou sociais que necesitaban pero que non recibiran. Entre as case 300.000 persoas discapacitadas galegas, unhas 45.000 non recibiron servizos sanitarios que necesitaban. A principal razón foron as listas de espera, responsables da metade dos casos nos que a persoa non recibiu a atención que necesitaba.
Unha parte, ademais, non recibiron algún servizo por non existir na zona na que vive. E noutros casos, ademais, o problema foi que o servizo foi solicitado pero non concedido.
Unhas 40.000 persoas non recibiron algún tipo de servizo social que necesitaban
Así mesmo, unhas 40.000 persoas non recibiron algún tipo de servizo social que necesitaban. De novo as listas de espera foron un motivo importante, presentes nunha cuarta parte dos casos. E tamén houbo unhas seis mil persoas ás que non lles foi concedido este servizo. Neste caso, con todo, a principal razón foi que o servizo non foi solicitado.
O 56% dos coidadores principais son mulleres e o 34% son homes
O estudo do INE afonda tamén na situación das persoas coidadoras que son, maioritariamente, mulleres. As mulleres representan o 56% das "coidadoras principais", fronte a un 34% de homes e un 10% de casos nos que esta información non consta.
Un 65% dos coidadores e coidadoras principais afirman sufrir "problemas de saúde", un 43% problemas económicos e profesionais e un 95% problemas ligados ao "ocio e vida familiar"
O estudo incide igualmente nos problemas que sofren estas persoas coidadoras, moi frecuentes. Un 65% dos coidadores e coidadoras principais afirman sufrir "problemas de saúde" derivados do seu traballo de coidados. Un 43% di sufrir problemas profesionais (cando o labor de coidados choca cos seus traballos) e económicos. Con todo, semella que a afección máis habitual é a que atinxe ao "ocio e vida familiar", aparecendo no 95% dos casos problemas neste ámbito, ligados á falta de tempo libre.