O Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI) foi concibido como o gran centro da Xunta para a atención a persoas con discapacidade. Comezou a operar en 2018 tras cinco anos construído e pechado e, un ano despois, aínda tiña sen uso permanente algo máis do 70% da súa superficie. Así o fai constar o Goberno galego no contrato do servizo de limpeza, que vén de comezar a tramitar neste 2021 con esa mesma superficie de uso.
O proxecto do CEGADI remóntase a 2005; foi impulsado polo Goberno de coalición PSdeG-BNG e asumido polo PP tras volver á Xunta. As obras non remataron ata 2013, con catro anos de demora e un custo duns 13 millóns, arredor dun 40% máis do previsto
A historia deste complexo remóntase ao remate do Goberno de Fraga, ao que na primavera de 2005 o Concello de Santiago cedeu os terreos para construílo no barrio de Salgueiriños. Non obstante, as decisións claves para o proxecto construtivo e asistencial foron responsabilidade do Goberno de coalición de PSdeG e BNG.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que dirixía Anxo Quintana adxudicou as obras a finais de 2007 e creou formalmente o CEGADI a mediados de 2008, ano no que estourou a crise financeira internacional, impactando con forza na construtora encargada dos traballos. O proxecto foi herdado polo Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo e, finalmente, no ano 2013 a construción do CEGADI finalizaba con catro anos de demora sobre o inicialmente previsto e un custo duns 13 millóns de euros, arredor dun 40% máis do previsto.
Malia estar rematado en 2013, o CEGADI estivo pechado por completo ata cinco anos despois. En 2018, a Consellería de Política Social trasladou ao edificio servizos administrativos como os Equipos de Valoración de persoas con discapacidade e mais a sede da Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA), ente con graves problemas de xestión. Nese mesmo ano, rubricaba un convenio coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) para poñer en marcha "un plan integral de actuación para persoas con discapacidade".
Segundo as condicións do contrato de limpeza que a Xunta amosa ás empresas interesadas, uns 7.400 metros cadrados dos máis de 10.200 que ten o recinto seguen sen uso permanente
Durante todo este tempo, diversos servizos ligados ao CEGADI, como o da limpeza, foron cubertos dende a Xunta maioritariamente pola vía dos contratos menores -aqueles que, polo seu importe, poden ser adxudicados sen concurso-. Dado o inicio de actividades estables no recinto, en abril de 2019 Política Social redactou os pregos para contratar a limpeza cun contrato de maior dimensión, co correspondente concurso público. Ese trámite, non obstante, tardou aínda dous anos e non chegou ata este xuño de 2021.
Nos documentos que a Xunta amosa ás empresas interesadas -datados en 2019 coa denominación Consellería de Traballo e Benestar, extinguida en 2015, pero aos que as compañías deben aterse neste 2021-, Política Social indica que algo máis do 70% da superficie do centro non ten uso. Ou, cando menos, non o tiña cando foron redactadas as condicións do contrato que agora se tramita.
Así, as condicións técnicas do contarto explican que a superficie útil total do edificio é de 10.275 metros cadrados entre o soto, o baixo e os dous andares superiores. "Dado que no momento de licitar o presente contrato (...) aínda está en proceso de definición a ocupación definitiva que terá a totalidade do edificio, a prestación do servizo limitarase á distribución actual de espazos en uso", especifica, para detallar a continuación que 410 metros cadrados son utilizados polos servizos administrativos da FUNGA, outros 1.900 polo proxecto de COGAMI e 530 metros máis, polos servizos de atención á dependencia -que non se inclúen neste contrato-.
O contrato ten un importe de 66.000 euros e unha duración prevista de pouco máis dun ano
Restan, polo tanto, algo máis de 7.400 metros cadrados. Son os que ocupan "espazos diáfanos, despachos, salas de usos múltiples, salón de actos, aseos, espazos para conserxería e vixilancia, sala de caldeiras e similares, arquivos, garaxe, cociña, comedor e zona residencial". Tamén as "zonas de paso, escaleiras, accesos e
ascensores". Sinala o contrato que "precisan dunha atención permanente, pero máis limitada na súa intensidade", ao "non ter unha ocupación permanente".
Cómpre ter en conta, non obstante, que estas proporcións sobre as que a Xunta informa ás empresas están datadas en 2019, polo que cabe a posibilidade de que non sexan exactamente as mesmas. Neste tempo, por exemplo, o Goberno galego utilizou temporalmente parte do CEGADI como residencia medicalizada para atender persoas que se contaxiaran da COVID en centros de maiores. O contrato de limpeza que agora está a tramitar ten un importe de 66.370 euros (IVE incluído) para un prazo de algo máis dun ano: de agosto deste 2021 a finais de 2022.