A Xunta incluíu no seu plan de discapacidade 2010-2013 o centro de 13 millóns que aínda ten pechado

Referencia ao CEGADI no plan de discapacidade da Xunta 2010-2013 CC-BY-SA Praza Pública

En decembro de 2010 a antiga Consellería de Traballo e Benestar presentaba o Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade 2010-2013. Tratábase, en verbas da titular do departamento, Beatriz Mato, dun "instrumento do Goberno galego" con "preto de 300 medidas" para "acadar unha sociedade plenamente integradora e inclusiva". O proxecto estaba dividido en "dez áreas de actuación con 38 obxectivos específicos" para cumprir nese cuatrienio. Entre eles figuraba a apertura e entrada en servizo do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), o complexo que tras seis anos de obras e un sobrecusto do 50% que elevou o investimento aos 13,2 millóns de euros permanece rematado e pechado no barrio compostelán de Salgueiriños dende o ano en que, segundo este plan, ía estar en funcionamento.

Na liña do anunciado por Mato naquela comparecencia de hai máis de seis anos, o cumprimento do plan de discapacidade foi avaliado periodicamente por unha comisión que, en virtude do seu decreto de creación -ditado en 2011-, estaba composta por representantes de todas as consellerías e outros departamentos da Xunta, ademais de por representantes das entidades de atención á discapacidade, universidades, sindicatos e patronal. A comisión reuniuse catro veces, unha ao ano, e dela xurdiu un "grupo coordinador de seguimento e avaliación" que celebrou dez xuntanzas. Entre os puntos a valorar por ambos órganos estaba o 4.2.11, que pasaba pola "posta en marcha do CEGADI como centro de recursos de referencia en Galicia destinado á promoción de servizos para a autonomía persoal das persoas con discapacidade". 

O plan situaba como horizonte para a "posta en marcha do CEGADI" o ano 2013, no que remataron as obras tras varios atrasos

Dado que a "temporalización" para este obxectivo eran os anos 2012 e 2013, o CEGADI non figurou no primeiro informe de seguimento sobre o cumprimento do plan, referido ao ano 2011. O informe de 2012 si o reflectía, para indicar brevemente que esta fora unha "actuación non executada" e "trasladada a 2013". Como informou Praza.gal, as obras do centro acumularan xa durante eses anos ata un 40% de sobrecusto sobre o prezo inicial do contrato, adxudicado en tempos do bipartito, e estaban lastradas polas dificultades económicas da construtora adxudicataria, así como pola aprobación dun modificado de crédito sobre o que receou o Consello Consultivo.

Con este pano de fondo os órganos encargados do seguimento do plan de discapacidade emitiron o terceiro e derradeiro informe de seguimento, o de 2013, e nel a tarefa do CEGADI pasou a aparecer como "executada". Traballo e Benestar xa publicara "a relación de postos de traballo adscritos ao centro (dirección e mantemento)" e realizara "tramitacións administrativas internas para a adscrición" do CEGADI "ao patrimonio da Xunta" como "paso previo ao inicio da actividade".

A avaliación final do plan subliña que "contrariamente ao que se sinala no informe de seguimento de 2013", a entrada en servizo do CEGADI "tampouco se pode dar por executada"

Así e todo, o aprobado nesta área durou pouco. A principios de 2015 chegou a avaliación final do plan de discapacidade e o ditame de 2013 sobre o CEGADI foi corrixido. "Contrariamente ao que se sinala no informe de seguimento de 2013", di o documento, "tampouco se pode dar como executada" esa actuación, "porque o 31 de decembro de 2013 seguían sen estar operativos os servizos do CEGADI", con independencai de que se "avanzase na súa tramitación e xestións previas". A explicación desta mudanza é que o propio funcionamento interno do plan permitía recoller como "executada" nos informes anuais unha medida concreta se "nesa anualidade se traballou cara á súa realización", pero mudar o seu estado a "non executada" se "non chegou a termo durante o marco temporal" do proxecto "e co obxectivo co que foi deseñada". Segundo ese documento, "executáronse 259 actuacións dun total de 316" previstas.

Unha vez rematada a vixencia deste plan a Xunta puxo en marcha outro documento, a Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, elaborada aínda con Mato á fronte de Traballo e Benestar pero posta en marcha pouco despois da crise de goberno que trouxo consigo a creación, no outono de 2015, da actual Consellería de Política Social, dixirida por José Manuel Rey Varela. O Executivo galego presentou este novo documento como continuación e consecuencia do primeiro plan, aínda que nel non se fai mención á apertura do CEGADI como parte dos obxectivos a executar neste período.

 

Acceso traseiro do CEGADI CC-BY-SA Merixo
Mato, presentando o plan de discapacidade 2010-2013 en decembro de 2010 © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.