A Xunta terá que responder formalmente sobre as dilacións na apertura do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), o complexo de 8.000 metros cadrados de atención a persoas con discapacidade rematado e pechado dende 2013, cando finalizaron as obras tras acumularen múltiples atrasos e sobrecustos superiores ao 50%, ata os 13,2 millóns de euros. Como informou Praza.gal, o BNG prepara preguntas parlamentarias a respecto dun centro que tamén é obxecto de reclamacións do colectivo directamente máis afectado; nomeadamente, de familias de persoas con discapacidade na área da capital galega, que piden dende hai meses a apertura do "abandonado" CEGADI.
Esta petición, que se concretou a través de accións como unha recollida de sinaturas, partiu da asociación de nais e pais do Centro de Educación Especial A Barcia, que na actualidade ofrece atención e formación a case medio cento de rapaces e rapazas, algo menos da metade en réxime de internado. "As familias de persoas con discapacidade de Santiago e dos concellos colindantes vimos reclamando dende hai anos a necesidade dunha residencia pública para a atención integral dos nosos familiares", explican, xa que a contorna da capital galega "só conta cun centro residencial" con todas as prazas cubertas "e as listas de espera son de entre tres e cinco anos".
A ANPA do Centro de Educación Especial A Barcia denuncia a carencia de prazas de atención á discapacidade e lamenta que "un edificio ideal para este cometido" estea "abandonado"
Esta conxuntura, resaltan, xera "situacións alarmantes", cando "por exemplo, os pais dunha persoa dependente teñen xa unha idade avanzada e problemas de saúde" ou "deben desprazar o seu familiar lonxe" para que poida ser atendido. Todo isto sucede, lamentan, mentres un "edificio ideal para este cometido con máis de 8.000 metros cadrados", o CEGADI, "permanece abandonado aínda que xa se finalizou a súa construción". "Urxe que se habilite este centro residencial" ou, no seu defecto, "outro similar", din, nun contexto no que veñen sinalando como "urxente" o incremento de persoal educativo e asistencial no seu propio centro.
Reclamación do Concello
A petición das familias a respecto do CEGADI, sobre o que, lembra o voceiro do Bloque en Santiago, Rubén Cela, a Xunta lanzou "múltiples anuncios con prazos de apertura incumpridos", recibe tamén apoio do goberno local da cidade. O centro que a Xunta mantén pechado, lembran fontes municipais consultadas por Praza.gal, construíuse en terreos cedidos polo propio consistorio en 2005 por tratarse dunha "instalación básica non só para a nosa cidade, senón para todo o país".
O Concello santiagués lembra que o CEGADI foi construído en terreos municipais por ser "unha instalación básica non só para a cidade, senón para todo o país"
A ANPA da Barcia, sinalan dende o goberno local que encabeza Martiño Noriega, "demanda, e con razón, un centro específico para que os seus fillos e fillas poidan ter unha atención acorde coas súas necesidades", máis aínda porque a partir dos 20 anos o centro de educación especial xa non pode manter a atención "e son as familias e as asociacións as que se teñen que facer cargo de responsabilidades que son públicas, porque son de coidados e saúde. "As familias, en moitos casos, non poden facer fronte ás necesidades económicas, de tratamento, de coidado e psicosociais" que precisan esta spersoas.
Neste sentido, o Concello de Santiago coida que o CEGADI "pode dar solución a problmeas temporais de convalecencia" nas súas prazas residenciais -38, segundo o proxecto aprobado polo bipartito, ás que se unían 71 de centro de día e dúas vivendas piloto-, pero "sobre todo, ten que dar resposta ás necesidades que aparecen co envellecemento das persoas con discapacidade". "Ten que ser -agregan- un centro de referencia na atención integral" e comezar por dar resposta ás persoas atendidas no centro da Barcia que, subliñan, é "de titularidade autonómica".
A Xunta subliña o seu "compromiso"
Mentres a Consellería de Política Social segue sen ser quen de ofrecer un prazo certo de apertura do CEGADI tras desbotar o horizonte do primeiro semestre de 2017 -a preguntas deste diario indicou que prevén "comezar a prestar servizos" no edificio "de xeito paulatino ao longo deste ano- o seu titular, José Manuel Rey Varela, aproveitaba a pasada semana un acto de sinatura de convenios con entidades de atención á discapacidade -3,5 millóns distribuídos entre 11 federacións de asociacións encabezadas por COGAMI, con algo máis de 946.000- para subliñar o "compromiso" do goberno con este sector da poboación.
A Xunta, asegura Política Social, "continúa a apoiar as medidas necesarias para acadar o obxectivo da inclusión social, efectiva e real, das persoas con discapacidade a través da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020". O propio Goberno galego presenta esta estratexia como continuadora do traballo iniciado o Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade 2010-2013, documento que incluíu entre os seus obxectivos a posta en marcha do CEGADI.