Feijóo emenda a súa estrutura da Xunta cun goberno preelectoral

Foto de familia dos membros do Goberno coa súa nova estrutura © Xoán Crespo

A redución do número de consellerías foi unha das bandeiras da "austeridade" proclamada por Alberto Núñez Feijóo ao chegar á Presidencia da Xunta. Tras varias negativas para postos clave o 20 de abril de 2009 o líder do PPdeG presentaba o seu "Goberno dez", con tres integrantes menos que o da coalición de PSdeG e BNG, como paradima de facer "máis con menos". Aquel equipo definido por Feijóo como "dos mellores" inaugurou unha estrutura novidosa, inédita nalgúns casos, na que o baixo perfil político dos seus membros -agás no caso de Alfonso Rueda- provocaba que, a efectos públicos, practicamente todas as decisións e movementos gobernamentais pasasen pola figura do presidente.

Os populares tiveron que abandonar o xogo de palabras do "goberno dez" nos primeiros días de 2012, cando Feijóo executou a súa primeira crise de goberno como consecuencia da saída de tres conselleiros para ocuparen postos no Goberno central, que o PP acababa de gañar. Marta Fernández Currás (Facenda), Pilar Farjas (Sanidade) e Samuel Juárez (Medio Rural) partiron rumbo ao gabinete de Rajoy e Feijóo aproveitou para executar dúas controvertidas fusións: Educación absorbeu Cultura e Mar, Medio Rural, mesturas que se engadían ao xa polémico aglutinamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a unión de Traballo e Benestar. Así, o Consello da Xunta pasou a estar formado unicamente por oito persoas máis o propio presidente.

Feijóo veu presentando a redución de consellerías como exemplo de "facer máis con menos"

Esta estrutura permaneceu intacta tras a segunda vitoria de Feijóo, en outubro de 2012. Tras os comicios o titular da Xunta mantivo todos os conselleiros e conselleiras nos seus postos coa única excepción de Javier Guerra, que foi substituído en Economía e Industria por un asesor do presidente, Francisco Conde. O seguinte cambio chegou en xuño de 2014 e por unha urxencia de partido, cando Feijóo enviou Agustín Hernández á Alcaldía de Santiago, e non habería outra crise de goberno ata xaneiro deste mesmo ano, cando os ata ese momento responsables de Facenda, Elena Muñoz, e Educación, Jesús Vázquez, foron designados candidatos do PP ás alcaldías de Vigo e Ourense e substituídos por Valeriano Martínez e Román Rodríguez, respectivamente.

Explora a estrutura de cada goberno e os cambios de competencias entre consellerías premendo sobre os círculos. Podes ampliar para que sexa máis doado.

Fusións desfeitas e máis política

Todos estes cambios máis ou menos conxunturais non son comparables ao anunciado este domingo, unha viraxe estrutural e persoal que supón, a efectos prácticos, unha emenda a boa parte do proclamado ata agora. Así, o goberno volve ter dez consellerías, unha ampliación que supón ademais desfacer algunhas das fusións máis controvertidas: Medio Ambiente fica só ligada ao territorio, mentres que as Infraestruturas quedan noutra consellería, xunto coa Vivenda. Medio Rural e Mar volven ter departamentos separados e Benestar transfórmase nunha consellería independente de Política Social, mentres que as competencias laborais se acumulan ás de Economía e Industria.

O novo conselleiro de Política Social é o xefe de campaña do PPdeG nas xerais

Os perfís dos novos conselleiros son tamén marcadamente máis políticos. A única sacrificada nesta remodelación, a cuestionadísima Rocío Mosquera, é substituída á fronte de Sanidade por Jesús Vázquez Almuíña. O ata agora alcalde de Baiona é médico, extraballador de POVISA, exresponsable provincial do Sergas e ex xerente do Meixoeiro. Ten un perfil notablemente máis político e de dereitas, así como influencia na área viguesa, incendiada pola xestión do novo hospital e onde o PPdeG ten un dos seus principais problemas electorais. Igualmente político é o perfil do novo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, xefe de campaña do PPdeG nas xerais e un dos dirixentes con maior peso no partido malia ser desaloxado da alcaldía de Ferrol tras do 24M.

Os titulares de Sanidade e Medio Rural terán que abordar dúas das principais frontes abertas na Xunta

Tamén se considera como un dos valores emerxentes dentro da estrutura dos populares galegos a nova conselleira de Medio Rural, que como Vázquez Almuíña deixa unha alcaldía revalidada por maioría absoluta tras as municipais, a de Melide, para dar o salto ao Goberno galego. A Vázquez tocaralle abordar outra das frontes que a Xunta ten abertas, a do rural en xeral e a do leite en particular, do que Feijóo libra a Rosa Quintana, conselleira que admitiu non ter especial coñecemento do ámbito e que agora se volverá ocupar unicamente do ámbito marítimo, no que si é experta.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.