O TSXG constata que, malia sucesivas advertencias, o Sergas non avaliou o risco psicosocial do posto laboral e o home acabou pedindo a activación do protocolo por acoso laboral
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar o Sergas, nunha sentenza do pasado venres, polo dano psicolóxico sufrido por un traballador administrativo da Área Sanitaria de Vigo nun conflito laboral ante o que non actuou a tempo malia sucesivas advertencias. A sentenza censura que o Sergas non avaliou os riscos psicosociais do posto do traballador afectado ata que este acabou pedindo expresamente que se activase o protocolo contra o acoso laboral. O tribunal considera que a "inactuación" do Sergas provocoulle un "prexuízo para a saúde" que debe ser indemnizado con 38.500 euros.
Son xa varias as sentenzas ou resolucións da Valedora do Pobo que deixan en evidencia a inacción ou lentitude do Sergas ante conflitos laborais que poden acabar derivando en situacións de acoso.
Segundo o relato dos feitos que fai o TSXG, o home, traballador nos servizos administrativos da Área Sanitaria de Vigo, mantivo diversas discrepancias con compañeiras, mudáronlle parcialmente as súas funcións e restrinxíronlle o acceso a sistemas informáticos que consideraba que precisaba para o seu traballo. O home comunicou o seu malestar pola situación e as dificultades que atopaba para facer o seu traballo a diversos superiores, incluída a dirección de Recursos Humanos e o xerente da área sanitaria.
Durante varios anos o home alternou períodos de baixa laboral por motivos psicolóxicos asociados ao seu posto laboral con outros nos que seguiu desempeñando o seu traballo. Durante todo ese tempo, malia a situación da que o Sergas tiña constancia, non se avaliaron os riscos psicosociais do seu posto. E finalmente o home acabou solicitando a activación do protocolo contra o acoso laboral.
A investigación interna activada co protocolo concluíu que non había acoso pero estableceu medidas de mellora do clima laboral como a separación física das persoas implicadas, redefinición das súas funcións ou canalización das súas comunicacións do persoal afectado a través doutros departamentos. Finalmente o home acabou recorrendo á xustiza ordinaria, que en primeira instancia non lle deu a razón pero que agora, no Tribunal Superior de Galicia, acolle a súa demanda en materia de tutela de dereitos fundamentais e prevención de riscos laborais.
A sentenza di que a "inactuación" do Sergas provocou ao seu traballador un "prexuízo para a saúde" que debe ser indemnizado con 38.500 euros
O TSXG di que "non existiu unha adecuada protección dos riscos psicosociais que puideran presentarse na prestación de servizos do actor, que incidiron reiteradamente no estado de saúde". Por iso, engade, "non só se incumpriu a protección de riscos por parte da entidade demandada, senón que a súa inactuación tempestiva ou, cando menos actuación correctiva deficiente, ocasionaron unha vulneración do artigo 15 da Constitución", o que protexe "a integridade física e moral" de calquera persoa. "Non só existiu risco constatado" para a saúde, di a sentenza, "senón que tamén dito prexuízo ocasionouse".
A sentenza salienta que malia máis de dous anos de problemas previos, non foi ata que o propio afectado pediu a activación do protocolo por acoso cando ese se abriu "e se ben o mesmo finalizou con proposta de arquivo, por non apreciarse a existencia de acoso, fixo unha serie de recomendacións e conclusións" que constatan o conflito existente.
Así, a sentenza conclúe que "os superiores do actor limitáronse a adoptar, de forma sucesiva, unhas adaptacións das condicións de traballo do actor, que non podemos negar que fosen ben intencionadas, pero cartentes de todo tipo de rigor e estudo técnico, e que non serviron para resolver a problemática, cando estaban informados da versión dos feitos facilitada polo actor, en diversas ocasións. É dicir, proporcionáronlle unha protección ineficaz, desprotexendo a súa saúde".
Os superiores do afectado aos que comunicou a situación "proporcionáronlle unha protección ineficaz, desprotexendo a súa saúde"
Ante estes feitos, a sentenza declara "a existencia de vulneración de dereitos fundamentais, no que respecta á integridade física e moral" e o "incumprimento por parte da entidade demandada [Sergas] das obrigas legais e regulamentarias en materia de prevención de riscos laborais, concretamente psicosociais, e a responsabilidade da mesma". A resolución xudicial establece que o Sergas "ten a obriga de levar a cabo a oportuna avaliación dos riscos psicosociais do actor no posto que desempeña, que contemple os riscos específicos". Igualmente, condena ao Sergas a indemnizar ao afectado con 38.497,80 euros polos "danos inmateriais e morais causados ao actor polo incumprimento observado das medidas de prevención de riscos laborais e dos danos na saúde sufridos".
Veñen sendo reiterados os casos nos que a xustiza ou a Valedora do Pobo constatan que a Xunta non actúa correctamente ante conflitos laborais que poden acabar en acoso
Son reiterados os casos nos que a xustiza ou a Valedora do Pobo veñen constatando eivas en como o Sergas e a Xunta en xeral xestionan situacións de conflito laboral que poden acabar en acoso. Os expertos e a Valedora do Pobo veñen reiterando que en moitos casos o feito de que a administración inicie algún tipo de actuación ante unha denuncia, aínda que non se poida acabar confirmando unha situación de acoso, supón que o ambiente laboral mellore. Porén, son reiterados os casos en que a Xunta en xeral demora "meses ou anos" as súas actuacións fronte ao acoso laboral ou cando as inicia non aplica como debe os procedementos normativos.